
Guillermo Barreiro, investigador do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información (GSSI) pertencente a atlanTTic, comezou a traballar neste proxecto no mes de novembro de 2020, baixo a supervisión de Martín López Nores. Creamos unha aplicación que descarga, extrae, procesa e almacena diariamente nunha base de datos en liña toda a información oficial dispoñible sobre a covid-19, e esta preséntase en forma de gráficas nunha páxina web, explica Barreiro.
Radiografía da pandemia
Panel Covid conta cun cadro de mando no que se visualizan de forma conxunta datos referentes á evolución da covid-19 organizados segundo diversos indicadores como casos, hospitalizacións, falecementos, probas diagnósticas, gromos por ámbito, transmisión e vacinación. Caracterízase por contar cunha interface sinxela, clara e de fácil consulta, pero á súa vez diferénciase doutras páxinas similares porque permite coñecer información máis detallada e máis exhaustiva ao incluír parámetros específicos para filtrar as cifras por comunidade autónoma, por franxa de idade ou por sexo.
Un dos puntos fundamentais do proxecto é que calquera persoa, con coñecementos técnicos previos ou sen eles, pode acceder a esta aplicación desde o seu navegador web, sen necesidade de ter que instalar nada, e grazas a ela pode analizar e estudar os datos sobre a pandemia, sinala Barreiro, facendo fincapé en que é unha ferramenta pensada para todos os públicos.
Código aberto para facilitar a análise de datos
Unha das bazas máis importantes desta ferramenta é a súa versatilidade, pola ampla capacidade analítica e o abano de opcións de experimentación que ofrece para continuar avanzando nesta liña de traballo. Estámola actualizando constantemente e vamos incluíndo novas categorías de datos a medida que o fan as fontes oficiais, como poden ser as porcentaxes de persoas vacinadas por grupos de idade, resaltan desde o GSSI.
Os investigadores empregan ferramentas de software libre en todas as fases do proxecto, tanto á hora de extraer información de fontes heteroxéneas, integrar os datos procedentes das mesmas e articulalos en formato gráfico e visual. Ademais, trátase dunha solución de código aberto e no caso de que accedan a ela persoas cun perfil máis técnico non só poden executala e despregala no seu equipo para traballar coas cifras existentes, senón que poden integrar novas fontes de datos e mesmo facer as súas propias gráficas tomando como base o panel.
A finalidade de publicar o código fonte en aberto é servir como punto de partida a outras persoas interesadas en analizar os datos da covid-19, posibilitar que poidan manipular os datos que xa teñen extraídos e a partir de aquí adaptar a ferramenta ás súas necesidades. Destaca López Nores que parte do valor do proxecto é mellorar a práctica diaria de calquera que estea facendo un labor de análise de datos ou tendencias sobre a covid, facilitándolle gráficas e parámetros actualizados en lugar de ter que buscar eses datos en multitude de fontes e portais diferentes.
Panel Covid preséntase agora, máis dun ano despois do inicio da pandemia, cun alto grao de madurez precisamente para contribuír a entender e aprender de todos os datos acumulados ata o de agora. Isto permitirá afrontar o desenvolvemento de novas plataformas, partindo de patróns estruturais e de deseño xa creados, para a análise e estudo da covid-19 ou doutras situacións epidemiolóxicas futuras de características similares.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.