Para logralo, avanzou que se desenvolverán unha trintena de actuacións, baseadas na colaboración institucional e público-privada, entre as que se atopan: o financiamento de grandes programas de I+D na busca de tecnoloxías disruptivas a realización de actividades escolares para promover as vocacións científicas; a compra de solucións baseadas nestas tecnoloxías para os servizos da Xunta; o impulso do aeródromo de Rozas como polo aeronáutico, coa mellora das súas infraestruturas; e o apoio ás empresas galegas desta industria coa apertura cara a novos mercados.
En relación ao investimento, o titular da Xunta resaltou un investimento xa comprometido para este período de preto de 70 millóns de euros, dos que 40 se destinarán á licitación de Compra Pública Precomercial, que será publicada ao longo do mes de xullo.
Durante a súa intervención, Feijóo recordou que o Polo aeroespacial é tamén un dos proxectos tractores que integran a candidatura de Galicia aos fondos Next Generation, polo que, se finalmente o Goberno central accede a que poida formar parte deste programa, esta iniciativa tería a oportunidade de mobilizar ata 540 millóns a través da colaboración público-privada.
Entre os resultados que se esperan obter, destacan: a atracción de 4 a 6 empresas tractoras; a implantación de 20 novas solucións tecnolóxicas que permitan á Xunta mellorar a eficacia, eficiencia e seguridade dos seus servizos; a firma de, polo menos, cinco acordos de I+D de compra privada de innovación; así como a creación de 24 novas empresas.
En definitiva, buscamos impulsar o crecemento económico de Galicia e a súa cohesión; consolidar a nosa comunidade como unha rexión de referencia en Europa no segmento dos vehículos aéreos non tripulados; atraer empresas líderes para que invistan aquí e favorecer a comercialización e internacionalización dos produtos e servizos desenvolvidos polas empresas do sector aeroespacial, dixo, a modo de resumo.
Por último, Feijóo resaltou tamén o obxectivo de converter o sector nun elemento fundamental para avanzar tanto na transformación dixital como na transición ecolóxica. Deste xeito, buscarase dar resposta a novos retos do eido público e privado, como unha mellor atención á dependencia e á xestión de emerxencias; a modernización do agro ou a seguridade turística; así como o desenvolvemento de drons libres de emisións que poidan estar ao servizo da xestión sustentable dos recursos.
Cómpre salientar que, desde a súa posta en marcha en 2015, o Polo aeroespacial galego permitiu mobilizar un investimento de 164 millóns de euros, contar coa participación de 937 profesionais e medio cento de pemes e centros de coñecemento, ademais da implicación de tres compañías multinacionais referentes no sector como Indra, Babcock e Boeing.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.