Noticias

O 87% das persoas maiores de 80 anos están vacinadas contra a covid-19 en Galicia

O conselleiro de Sanidade vén de informar que 203.596 persoas maiores de 80 anos xa foron vacinadas en Galicia, unha cifra que representa o 87% deste grupo de poboación. Está previsto chegar durante esta semana ao 90% de persoas vacinadas neste tramo de idade. Na actualidade, o 2,63% das persoas maiores de 80 anos rexeitaron recibir a vacina. O conselleiro tamén lembrou que hai “entre un 7 e un 8% de persoas que pertencen a outros grupos de poboación que non recibiron a súa vacina cando se lles citou, ben por non poder desprazarse, ou por outros motivos xustificados”.

Sobre este particular, salientou que “todas elas volverán a ser convocadas para acudir á vacinación no seu centro de saúde, ou ben, para seren vacinadas nos seus domicilios, no caso de ter problemas de mobilidade”.

Durante a rolda de prensa na que a Administración sanitaria informa das decisións adoptadas polo comité clínico, o titular da carteira sanitaria galega subliñou que “Galicia transita por unha situación epidemiolóxica estable” pero que “é preciso seguir a traballar, pois aínda queda moito camiño por percorrer”.

Acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, a responsable deste departamento apuntou que, no que atinxe aos datos epidemiolóxicos, Galicia conta cunha incidencia a 7 días de 31,9 casos (polos 76,2 casos que rexistra a media española); e unha incidencia a 14 días de 64,8 (fronte aos 164 da media de España). Carmen Durán explicou que a taxa de positividade na comunidade galega sitúase no 2,4% e que, o número de concellos sen notificar ningún caso covid nos últimos 14 días é de 142; e de 189 municipios sen declarar ningún ningún novo caso positivo nos últimos sete días.

Pola súa parte, o xerente do Sergas, José Flores Arias, detallou que a situación asistencial dos centros sanitarios galegos continúa na liña de estabilidade das últimas semanas. Neste senso, apuntou que a porcentaxe de ocupación nas unidades de críticos sitúase no 5,6%, sen cambios desde a semana pasada a nivel porcentual; e que a ocupación das camas de hospitalización é do 2,09%, o que representa unha baixada do 9,62%, respecto de hai sete días.

Posta en marcha da vacinación masiva en Galicia

No que atinxe ao proceso de vacinación masiva contra a covid-19 iniciada na xornada de onte nas sete áreas sanitarias galegas, o titular do departamento sanitario da Xunta manifestou que, alén dalgunha aglomeración que tivo lugar en Compostela, a xornada debe valorarse como “positiva”. Neste sentido, explicou que das 18.209 persoas citadas, un total de 13.827 (75,9%) recibiron a primeira dose da vacina contra a covid.

Respecto da evolución do proceso de vacinación noutros grupos de poboación, García Comesaña indicou que Galicia xa vacinou a 6.786 grandes dependentes, é dicir, o 43% das 14.848 persoas que integran a categoría III de dependentes definida na estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidade.

Así mesmo, o conselleiro destacou que esta tarde elevará, na xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, a petición de que o Instituto Social da Mariña sexa o encargado de vacinar ás tripulacións debido as súas especiais particularidades.

Por outra banda, remarcou que, desde o vindeiro día 10 de abril, incrementarase o número de persoas non conviventes que se poden reunir nos domicilios, fixándose un máximo de 4 persoas no interior, e de 6 no exterior.
881 00 20 21 para maiores de 80 anos con dúbidas sobre a súa cita

García Comesaña tamén anunciou hoxe a activación do número de teléfono 881 00 20 21, destinado ás persoas maiores de 80 anos, para que poidan resolver as súas dúbidas ou solicitar información sobre a súa cita de vacinación. Este teléfono de contacto estará operativo de luns a venres desde as 8,00 até as 21,00 horas.

Esta nova ferramenta de comunicación artellouse por medio dunha instrución que tamén servirá para levar a cabo a inclusión no proceso de vacinación das persoas sen recoñecemento do dereito a protección da saúde. Así, as persoas que se atopen nesta situación, e estean residindo en Galicia, tamén poderán empregar este teléfono de contacto para achegar os seus datos e así poder vacinarse.

Do mesmo xeito o conselleiro de Sanidade informou que desde a vindeira semana, a web do Sergas incorporará todos os datos do Plan de Vacinación Galego, achegando información sobre a evolución de vacinados en cada un de grupo de poboación.

Nivel restricións concellos

Trala reunión do comité clínico de onte, os expertos acordaron o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos da Pobra do Caramiñal e O Grove.

Ademais, noutros seis concellos galegos rexerán as medidas do nivel alto de restricións, nomeadamente, na Pobra do Brollón, Rábade, O Irixo, Monterrei, A Illa e Carral.

Así mesmo, o comité fixou o nivel medio de restricións, para os termos municipais de Beade, Cortegada, Padrenda, O Carballiño, Boimorto, Sanxenxo, Meis, Cangas, Gondomar, Moaña e Baiona.

No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

Cómpre subliñar que a posta en marcha destas medidas vén de ser adiantada pola Administración sanitaria galega, e que entrarán en vigor desde ás 00,00 horas desta medianoite.

R., 2021-04-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES