Noticias

Lucía Freitas inaugura a Aula Gastronómica Galicia Calidade en Santiago de Compostela

A restauradora galega e estrela Michelín Lucía Freitas vén de inaugurar no CIFP Compostela da capital galega, a experiencia formativa e de promoción Aula Gastronómica Galicia Calidade, promovida por este organismo da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. A iniciativa pretende achegar os produtos e marcas avaladas por Galicia Calidade aos estudantes e futuros restauradores da Comunidade galega. No proxecto tamén colabora a Fundación Artesanía de Galicia achegando a vaixela e os utensilios cos que se elaboran os pratos.

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, foi o encargado de presentar a cociñeira propietaria do restaurante A Tafona, de Santiago de Compostela, que tamén conta coa marca de calidade. Durante a súa intervención, Alfonso Cabaleiro agradeceu a boa disposición de Lucía Freitas para participar neste proxecto e amosouse convencido de que “servirá para crear futuras sinerxías de traballo entre os cociñeiros galegos que hoxe se forman nas escolas de hostalería e os produtos e empresas galegas que apostan pola calidade como un referente máis á hora de presentarse ao público”.

Máximo rendemento

No decurso dunha master class dirixida a preto de 20 alumnos e alumnas de 2º curso de Gastronomía do CIFP Compostela, Lucía Freitas amosou o seu modo de facer e de sacar o máximo rendemento e sabor aos produtos de Galicia Calidade a través da elaboración dun menú integrado por empanada líquida de millo e berberecho de Noia; croquetas cremosas de sardinillas afumadas e pementos de Herbón; capuchino de caldo de gloria; curri de fabas de Lourenzá e polbo das rías galegas; pescada de Celeiro a 45ºC con tubérculos e anisados silvestres e kiwi de Galicia con chocolate branco e albahaca.

Durante a sesión formativa, os alumnos interesáronse polo proceso de cocción dos distintos produtos, así como pola maridaxe e a configuración de menús contemporáneos.

As empresas de Galicia Calidade participantes nesta primeira experiencia con alumnos de hostalería son Cabo de Peñas, Jamones González, Torre de Núñez, Terras da Mariña, Sociedade Cooperativa Custom Drinks, Gallego Pereira, Puerto de Celeiro, Patatas Conde e Kiwi Atlántico. Todas elas cederon os seus produtos para que os futuros restauradores galegos os coñezan e valoren as súas características

Traxectoria profesional

Lucía Freitas é unha das cociñeiras máis relevantes da gastronomía galega actual. Tras estudar no Centro Superior de Hostalería de Artxanda, en Bilbao, continuou a súa formación en restaurantes coma o Celler de Can Roca, en Girona; Bohío, en Illescas; Mugaritz, en Errentería (Guipúzcoa); e Tapies (Lérida). En 2009, abriu en Santiago o seu restaurante A Tafona, un establecemento certificado por Galicia Calidade, onde realiza unha cociña elaborada para o público compostelán, galego, nacional e internacional.

A cociñeira galega tamén realizou unha incursión en Estados Unidos da man do seu restaurante Tomiño, que abriu en 2017. Lucía Freitas conta con numerosos recoñecementos gastronómicos nacionais entre os que se atopa a estrela Michelín.

Galicia Calidade continuará coa Aula Gastronómica o vindeiro 15 de abril no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra da man da restauradora María Varela. O 22 de abril, a Aula Gastronómica Galicia Calidade chegará a Vigo, concretamente, ao CIFP Manuel Antonio, con Iñaki Bretal. A experiencia rematará o 8 de xuño no IES de Foz, onde participará Yayo Daporta.

R., 2021-04-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES