Noticias

30 empresas e centros tecnolóxicos impulsan o Polo para a transformación de Galicia, con oito proxectos que optan aos fondos europeos

Alberto Núñez Feijóo, avanzou, tras a reunión do Consello da Xunta, os novos pasos realizados no impulso ao Polo para a transformación de Galicia. Unha iniciativa de colaboración público-privada, dixo, que agrupa 8 proxectos de modernización industrial cos que optar aos fondos europeos. “A Xunta de Galicia, xunto con 30 empresas e centros tecnolóxicos, presentamos proxectos no ámbito da transición ecolóxica, a loita contra o despoboamento e o reto demográfico”, explicou.

Deste xeito, dentro do Polo, inclúense 4 proxectos tractores: un centro para o impulso da economía circular co obxectivo de xestionar 2,6 millóns de toneladas de residuos ao ano; a xeración de hidróxeno verde; a produción de fibras téxtiles a partir de viscosa nunha planta con capacidade de 150.000-200.000 toneladas anuais; e o desenvolvemento de nova potencia renovable para abastecer os proxectos anteriores.

E, de maneira adicional, o Polo abrangue tamén catro iniciativas transversais: a creación de cadeas loxísticas sustentables; un centro de investigación e innovación; a posta en marcha de laboratorios dixitais; e, como novidade, un plan para a recuperación da terra agraria, coa posta en disposición de 18.000 hectáreas de terras abandonadas para o desenvolvemento de cultivos.

O titular da Xunta salientou que os proxectos acadan un investimento público-privado de 3.000 millóns de euros, coa creación de 30.000 empregos —16.000 directos— e a redución das emisións de CO2 en 2,9 millóns de toneladas ao ano.

“Isto é unha oportunidade de negocio, unha oportunidade medioambiental, unha oportunidade laboral e unha oportunidade social”, afirmou, precisando que o Consello da Xunta acordou tamén crear un instrumento para xestionar os proxectos, un mecanismo público-privado para impulsalos e poñelos en marcha.

“Formarán parte del aqueles socios aos que lles interese ser os titulares destes proxectos unha vez saian da esfera pública, entidades financeiras que serán chamadas a participar no capital e, por suposto, capital público”, abundou.

Nesta liña, lembrou ademais que o Parlamento está a tramitar a Lei de reactivación económica, que está previsto se aprobe a finais deste mes de febreiro.

Pola súa banda, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, explicou a importancia de activar un mecanismo de colaboración público-privada que sirva de apoio e impulso tanto ao Polo para a transformación como para todos os proxectos tractores que se poidan presentar desde Galicia. Un mecanismo impulsor cunha xestión profesionalizada e que permitirá dar maior velocidade e capacidade de tracción aos proxectos, dispoñer de estudos de viabilidade dos mesmos, desenvolver modelos de negocio, dinamizar a captación de fondos e de socios industriais e tecnolóxicos e afianzar a participación de pemes galegas nas iniciativas.

Conde incidiu en que para desenvolver estas iniciativas Galicia tamén contará co marco normativo axeitado a través da Lei de reactivación económica, que se está tramitando no Parlamento galego e que achegará simplificación administrativa e apoio ao investimento empresarial. Neste sentido, lembrou que a lei recollerá que os proxectos tractores de Galicia elixidos polo Goberno para optar aos fondos europeos de recuperación poderán ver axilizada a súa tramitación.

R., 2021-02-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES