Noticias

O Clúster Audiovisual Galego presenta o 14º 'Pitching' para impulsar novos proxectos de cinema e televisión

O Clúster Audiovisual Galego organiza un ano máis o encontro profesional I+P. Ideas para producir, que celebra a súa 14ª edición cun formato adaptado para o seu desenvolvemento en liña. Así se presentaron os 18 novos proxectos de cinema e televisión seleccionados para o pitching, que foi seguido en directo polos responsables de contidos de destacadas canles de televisión, plataformas produtoras e distribuidoras. Tras el, terán lugar as reunións un a un personalizadas polo Clúster na procura de posibles acordos cara á materialización destas propostas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou na clausura desta primeira sesión de presentacións, na que destacou o papel desta iniciativa do Clúster Audiovisual Galego á hora de facilitar as alianzas creativas e empresariais desde a mesma orixe dos proxectos. Na súa intervención, tamén fixo fincapé no gran nivel dos 18 títulos seleccionados este ano, a meirande parte deles presentados por produtoras ou creadores galegos.

Variedade de formatos e xéneros

Un comité profesional foi o encargado de elixir estas propostas de entre as 165 recibidas pola organización, cifra que supón un incremento do 65% respecto a 2019 e bate récords respecto a edicións anteriores. Entre os traballos seleccionados, actualmente en diferentes fases de desenvolvemento, atópanse tanto longametraxes cinematográficas de ficción e documentais (Monstro, de Gaita Films; Lía, de Matriuska Producciones; Yo, Bárbara, de Olga Osorio; A la cara, de Langosta Films; Por una nube, de Belle Films and TV; e El viaje de Lucy, de Somadrome Films) como series de ficción, de animación e outros formatos televisivos (Blink, de Producións A Fonsagrada; En tus manos, de Área 5.1; Los lobos no tienen perdón, de Congo Producciones; Alice’s Diary, de Parrocha Studio; Berros, acordes e cavernas, de EISV-Producciones Vigo; Cortegada 1907, de María Sierra; Rapaces, de One In K Million (OIHM); Colores, de Victora Mauricio; Wikinger 7-13, de Fiction Changing The World; Nunca te olvidaremos, de Héctor Beltrán; Paréntesis, de Alexandre Novo e Marina Badenes, e La bola de cristal, de Big Shiva).

Ao longo desta mañá, os seus creadores e/ou produtores tiveron a oportunidade de expoñer estes proxectos diante dun auditorio virtual integrado polos representantes de destacadas entidades e empresas audiovisuais como RTVE, Movistar+, CRTVG, Atresmedia, AMC Networks, TV3, Grupo Euskatel, Aragon TV, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Treeline Distribution ou Portocabo, entre outras.

Como en anteriores edicións, os proxectos seleccionados gozarán dun ano de inscrición gratuíta no mercado online de Filmarket Hub, que ofrece a plataforma como empresa colaboradora do evento, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtoras e demais empresas audiovisuais de Europa e Latinoamérica.

R., 2020-11-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES