Noticias

As persoas que cheguen a Galicia desde unha zona con alta incidencia epidemiolóxica terán que proporcionar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias

Todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 3’5 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non. Deste xeito, Sanidade procura acadar un diagnóstico máis precoz de calquera infección polo virus, protexendo así a saúde dos cidadáns. Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con menor incidencia acumulada nos últimos 14 días, de acordo cos datos que reflicte o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitaria do Ministerio de Sanidade.

As persoas que visiten Galicia terán un espazo de tempo de 24 horas, desde a súa chegada, para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terán que realizar cada un dos viaxeiros. A Consellería de Sanidade publica hoxe por primeira vez, no Diario Oficial de Galicia (DOG), a listaxe dos territorios cuxa incidencia epidemiolóxica requira desta obriga, podendo ser tanto países extranxeiros coma outras comunidades autónomas. Neste sentido, a listaxe actulizarase quincenalmente, segundo sexa a evolución epidemilóxica de cadanseu territorio.

Dúas modalidades para facilitar a información de contacto

Para proporcionar esta información, poderase cubrir o formulario que está dispoñible na web coronavirus.sergas.gal/viaxeiros/ ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. A todos os viaxeiros faciltaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela. Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias. Así, por exemplo, no caso de persoas que veñan de territorios cun risco máis alto, independentemente de que teñan sintomatoloxía ou non, podería promoverse a realización dunha proba diagnóstica.

Cómpre destacar que a atención que se considere necesaria polos profesionais do Servizo Galego de Saúde, non terán custo para as persoas que a precisen, incluíndo a realización de probas diagnósticas ou, no seu caso, dos tratamentos indicados.

Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo e outros axentes similares ao incio do proceso de venda dos billetes. Así mesmo deberán facelo ás empresas, que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.

R., 2020-07-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES