Noticias

A comunidade despediu un ano 2019 cálido e húmido, cun 15% máis de precipitacións con respecto aos valores agardados

O ano 2019 caracterizouse en Galicia por ser un período cálido e húmido. Esta é a principal conclusión do balance climatolóxico realizado por MeteoGalicia, que no avance do seu informe anual subliña sobre todo a anomalía rexistrada nas temperaturas medias, lixeiramente por riba dos valores agardados, e tamén nas precipitacións, cun 15% máis de chuvia recollida do previsto. Tomando como referencia os valores medios das estacións máis representativas da comunidade durante o período 1981-2010, a principal conclusión é que, entre os meses de xaneiro e decembro, a temperatura media no conxunto da comunidade situouse nos 13,8 graos, é dicir, 0,2 graos máis do esperado.

Estes valores permitiron caracterizar o ano no seu conxunto como cálido respecto das temperaturas medias e máximas, e normal atendendo unicamente aos valores mínimos.

En canto á análise mes a mes, o informe subliña sobre todo as anomalías rexistradas nas temperaturas durante xaneiro, febreiro e xuño. Así, os dous primeiros meses do ano foron totalmente contrapostos: se 2019 empezou con temperatura moi frías, especialmente polo que respecta ás mínimas, febreiro acabou sendo un período moi cálido en comparación co período histórico de referencia.

Tamén foi atípico xuño, un mes “moi frío” segundo se conclúe no informe de MeteoGalicia e incluso extremadamente frío tendo en conta só as temperaturas mínimas. O evento climatolóxico máis salientable durante este período foi a borrasca Miguel, moi profunda e de tipo explosivo, que pasou moi preto de Galicia deixando ao seu paso fortes ventos e obrigando a activar avisos de nivel laranxa.

A anomalía das temperaturas durante o mes de xuño foi, de feito, unha das máis significativas rexistradas nas últimas décadas, ata o punto de que segundo os valores obtidos nas 11 estacións máis representativas da comunidade, as medidas presentaron unha anomalía de -1,86 graos, sendo o precedente máis próximo o mes de xuño de 1997.

1.440 l/m2

Polo que respecta á chuvia, 2019 foi, en xeral, un ano húmido. A precipitación media acumulada para a serie rexional foi de 1.440 litros por metro cadrado, uns valores un 15% por riba dos rexistros do período de referencia 1981-2010.

En calquera caso, como se pode extraer do propio informe, o balance hídrico en Galicia ao longo de 2019 non foi dos máis altos da década, xa que en 2016 chovera un 16% máis do habitual, en 2014, un 19%, e un ano antes, no ano 2013, as precipitacións rexistradas foran un 22% superiores ás esperadas.

A análise mensual deste período, así mesmo, tamén revela comportamentos moi distintos ao longo do ano. Deste xeito, as anomalías máis salientables en canto ás precipitacións concentráronse durante a primavera e a recta final do exercicio. Concretamente, abril caracterizouse por ser un mes moi húmido, superando xa durante os seus 10 primeiros días os valores climáticos considerados normais para esta época. Maio, pola contra, tivo un comportamento totalmente distinto, sendo un período seco durante o que as chuvias quedaron en valores moi por debaixo do agardado.

Así mesmo, 2019 despediuse con moita chuvia ata o punto de que tanto novembro como decembro se caracterizaron por ser meses moi húmidos, no primeiro caso debido á sucesión ininterrompida de varias borrascas desde o primeiro ata o último día do mes, e no segundo, por ter períodos de chuvia máis concentrados pero cunha intensidade moito maior.

R., 2020-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Área TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES