
Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2019, xa se levan feitos en Galicia un total de 8.295 transplantes de órganos.
Os resultados do ano 2019 poñen de manifesto a importancia en Galicia do programa de transplante de ril de doador vivo, cuns resultados moi superiores á media nacional, realizando un total de 36 intervencións no pasado exercicio, un 16% máis que no ano 2018. Desde 2001, realizáronse un total de 346 transplantes neste apartado. O 20% do total de transplantes de ril en Galicia procede de doador vivo, o que supon un crecemento dun punto porcentual con respecto ao ano anterior. Ademais, as taxas de transplante de corazón, fígado e pulmón atópanse por riba de media nacional.
Doadores de órganos
O número de doadores de órganos cadáver en Galicia se situou en 136 (83 na provincia da Coruña, 10 na de Lugo, 2 na de Ourense e 41 na de Pontevedra); dato co que se rexistra o mellor ano en número de doantes nun exercicio, o que supón que haxa 50,6 doantes por millón de habitantes.
No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (73%), sendo a porcentaxe de doadores por accidente de tráfico de tan só un 2%. Con respecto á idade media do doador, foi de 62,7 anos.
Deste xeito, desde o ano 1981, data do inicio do programa de transplantes en Galicia, ata o pasado 2019, en Galicia teñense rexistrado máis de 2.800 doantes de órganos.
Índice en descenso
A taxa de negativas familiares situouse o pasado ano 2019 nun índice mínimo histórico de 13,4%, a cifra máis baixa desde o inicio da actividade transplantatoria e que rexistra unha diminución de máis de tres puntos con respecto ao ano anterior. Así mesmo, salientar que, actualmente, en Galicia 115.822 persoas teñen tarxeta de doador. Destas, 4.257 son novas tarxetas realizadas no 2019 pola Coordinación de Transplantes de Galicia de ADOS en colaboración coas asociacións de pacientes.
Polo que se refire á doazón de medula ósea, salientar que Galicia acadou o obxectivo establecido polo Plan Nacional de Medula Ósea, rexistrando 1.378 novos doadores. Deste xeito, Galicia conta con 11.766 doadores rexistrados, o que supón un incremento de preto do 30% no número de doantes de medula ósea ao longo do ano 2019.
Programa educativo
Doutra banda sinalar que a Coordinación de Transplantes de Galicia realizou 76 charlas a escolares no curso académico 2018-2019 para fomentar a doazón e nas que tomaron parte un total de 3.859 escolares. Así mesmo, desenvolveuse o Plan Proxecta: Educando en Valores, que abrangueu a 355 escolares e 24 docentes. A este programa engádense as visitas guiadas ata as instalacións de ADOS nas que tomaron parte 19 centros de ensino secundario e universitario e no que participaron 522 estudantes.
Ademais, convocouse, no pasado curso escolar, o VI Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea, e o VI Concurso de Debuxo e Lermas relacionado coa Doazón e os Transplantes para estudantes de 1º e 2º de ESO.
Actividade formativa
A Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS continuou a desenvolver, ao longo do pasado ano, o programa de formación especializado en doazón e transplante de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia, mediante o desenvolvemento de dous seminarios de comunicación de malas noticias no proceso de doazón e seis cursos sobre proceso de doazón e transplantes, nos que se ofrece unha formación altamente especializada a 137 profesionais sanitarios.
Salientar, ademais, o curso sobre Comunicación na Urxencias no que participaron 20 profesionais do eido de Urxencias e Emerxencia, así como o segundo curso de doazón e transplantes para MIR de primeiro ano en todos os hospitais galegos e no que tomaron parte máis de 200 profesionais.
O Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) queren facer un recoñecemento público aos doadores e ás súas familias, pola valentía, a fortaleza e a xenerosidade que amosan neses momentos difíciles. Tamén queren agradecer ao conxunto da sociedade e dos profesionais dos hospitais galegos, xa que son os que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan en Galicia.
A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.