Noticias

A Galiciencia celebra a súa edición dedicada á saúde e os bos hábitos con récord absoluto de proxectos presentados

Un sistema de acendido intelixente para coches que se bloquea se estás bébedo, unha cadea de comida rápida saudable, un invernadoiro de patacas para astronautas, un sistema ecolóxico de loita contra a avespa velutina, un casco con luces LED para evitar atropelos de ciclistas e bioplásticos de orixe orgánica son só algúns exemplos dos proxectos que participarán na Galiciencia 2019. A décimo cuarta edición da maior feira científica de Galicia rexistrou este ano un récord absoluto de proxectos candidatos a participar. Os 50 stands dispoñibles para os traballos de Secundaria e Bacharelato que competirán polo premio final foron disputados por 134 equipos. Ata este ano, o número máximo de propostas recibidas fora de 83.

Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a estes uniranse 30 proxectos de Primaria fóra de competitición.

A Galiciencia, que conta un ano máis coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), terá lugar entre os días 8 e 10 de maio no recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), coa saúde e os bos hábitos como tema principal.

Previamente, o sábado 4 de maio ás 12 horas, terá lugar no Auditorio de Ourense un espectáculo interactivo no que a ciencia e a maxia se darán a man como aperitivo da Galiciencia. O evento, de entrada libre e gratuíta, está especialmente dirixido ás familias. Ademais de ofrecer unha experiencia sorprendente na que se mestura o lúdico e o didáctico, mediante este evento quérese estender á cidadanía a invitación para acudir á Galiciencia na Tecnópole durante as tardes do 8 e o 9 de maio, á marxe das visitas dos grupos escolares.

Pasaporte a outras feiras

Os participantes na competición de proxectos da Galiciencia buscarán situarse entre os tres finalistas. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2020. Os vencedores da edición anterior da Galiciencia, do IES San Rosendo de Mondoñedo (Lugo), volveron o mes pasado de Cataluña co primeiro premio na feira catalá, o que á súa vez os levará a representar a España no certame internacional que terá lugar en Abu Dabi, nos Emiratos Árabes.

O segundo equipo clasificado recibirá apoio económico para participar na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Por último, o equipo gañador do terceiro premio nesta Galiciencia recibirá apoio para participar no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

Actividades paralelas

As actividades paralelas deste ano terán a saúde e os bos hábitos como protagonistas. A primeira delas supuxo o lanzamento dun desafío que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final o venres 10. En “Atrévete cos bos hábitos!” participaron 144 escolares de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a vitoria presencialmente durante a Galiciencia. Tamén se entregarán os premios dos concursos de fotografía para alumnos e profesores e de deseño da camiseta oficial do evento. Este último, para o que se recibiron 239 propostas, gañouno Alejandro González Vázquez, de 6º de Primaria do colexio A Ponte (Ourense).

Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en talleres nos que experimentarán con conceptos relacionados coa saúde. Os participantes coñecerán como funciona o cerebro e cales son os mellores hábitos para mantelo en forma, como inflúen a alimentación e o exercicio físico na nosa saúde, que precaucións hai que ter en conta en relación aos hábitos dixitais ou cales son os principios científicos que se agochan detrás da alimentación sa. Estes serán tamén os temas centrais do espectáculo científico que poderá seguirse o xoves día 9 en streaming (retransmisión en directo por internet) desde calquera centro escolar ou desde a casa.

R., 2019-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES