
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.

A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.