
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo presentou o anteproxecto da Lei do solo, unha vez se culminou o amplo proceso de participación pública que acompañou a elaboración desta norma, no que se dialogou con 75 axentes e se levaron a cabo unha trintena de encontros sectoriais. Así, este texto legal, que consolida un urbanismo responsable e ten vocación de permanencia no tempo incorporou oito de cada dez alegacións feitas ao texto inicial, que se deu a coñecer en outubro.
Esta nova lei dedica especial atención ao medio rural, que supón o 93% do noso territorio, segundo lembrou Feijóo. Garantimos un rural protexido e un rural vivo porque garantimos o aproveitamento do rural de forma compatible coa preservación dos seus valores engadiu. Non hai solo máis desprotexido ca o que non ten ningún uso e está sometido ao abandono. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, salientou que o compromiso do Goberno é manter e mellorar un medio rural vivo; a través de medidas que permitan aproveitar o solo rústico para os usos para os que é idóneo, como para as instalacións de interese xeral que precisan espazo (colexios, hospitais...) e os novos equipamentos públicos (depuradoras, cemiterios...) que non deban estar dentro do núcleo, así como para favorecer un turismo sustentable.
O segundo grande obxectivo da lei é a recuperación e protección da paisaxe galega, para que as construcións e as instalacións deban adaptarse ao contorno e non ao revés, subliñou o presidente. Fixo tamén un chamamento á sociedade galega para, todos xuntos, loitar contra o feísmo e apoiar a protección da paisaxe. Esta lei fomenta o urbanismo responsable -engadiu Vázquez Mourelle- a través da concienciación da importancia do remate exterior das edificacións, por exemplo, ou fomentando a recuperación do xa construído fronte á execución de novas estruturas. En resumo, trátase de conseguir un máximo resultado cunha intervención mínima.
Normas urbanísticas de calidade para todos os concellos galegos
A terceira meta da Lei do solo é que todos os concellos teñan nesta década normas urbanísticas de calidade e perdurables no tempo, tal e como afirmou Feijóo. Isto significa un paso máis na tarefa de actualización dos planeamentos urbanísticos que a Xunta comezou en 2009. Así, ponse a disposición dos concellos máis pequenos un planeamento básico, dáse unha maior autonomía municipal aos concellos máis grandes e simplifica os trámites para que todo o proceso sexa máis áxil.
A conselleira indicou que se ten en conta a diversidade do territorio galego, sen perder de vista o referente de que todos os concellos da Galicia conten cun planeamento axeitado ás súas necesidades e nun tempo razoable. Indicou que ao longo de 2016, a Xunta redactará o Plan Básico Autonómico e entre 2017 e 2020, os plans básicos municipais para dotar os municipios de menos de 5.000 habitantes dunha ferramenta de planeamento adaptada ás súas necesidades.
Así mesmo destacou que se achegará rapidez e axilidade na obtención dos informes sectoriais, cun informe único autonómico, que permitirá aforrar un 75% do tempo xa que a Secretaría Xeral de Urbanismo recompilará todos os informes da Xunta e transcorridos 3 meses operará o silencio administrativo positivo. Por último, habilitarase ás grandes cidades para que aproben definitivamente os seus planeamentos.
Un paso máis nun longo camiño
Este non é un camiño que comezásemos recentemente, lembrou o xefe do Executivo galego, antes de repasar o traballo inxente que, nos últimos anos, deu como froitos a aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio e do Plan do Litoral, ademais da posta en marcha dos trámites para que Galicia poida contar en 2016 cunhas Directrices da Paisaxe.
En definitiva, a nova Lei do Solo, que agora será remitida ao Consello Económico e Social, como paso previo á súa tramitación no Parlamento que terá lugar, previsiblemente, en setembro, dá resposta á necesidade de asegurar a ordenación racional do territorio e a protección da paisaxe a tódolos niveis, segundo dixo o presidente da Xunta.
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.