Notas de prensa

O Concello de Paradela apoia a petición do Día das Letras para Manuel Rodríguez

O municipio lucense de Paradela apoia a iniciativa de Galiciadixital diante da RAG para que o Día das Letras Galegas de 2014 se adique ao poeta obreiro do século XX Manuel Rodríguez López, emigrante galego e escritor do que se cumpre o 80º do seu nacemento.

Carta de adhesión:

A emigración é parte fundamental da historia de Galicia e tristemente volta a ser actualidade. O seu coñecemento e a súa pervivencia na nosa memoria son necesarios como testemuña da nosa identidade para as futuras xeneracións de galegos e galegas.

A literatura é unha fonte de información de primeira man en relación á emigración galega. Sen embargo, hai poucos exemplos nos que o Día das Letras Galegas se adicase a unha figura directamente relacionada co tema da emigración.

Manuel Oreste Rodríguez López foi un emigrante galego que naceu en Paradela (Lugo) o 11 de decembro de 1934 e faleceu en Lugo o 13 de febreiro de 1990. Con tan só seis anos emigrou cos seus pais a Barcelona, onde viviu a maior parte da súa vida. En 1987 regresou a Galicia para afincarse en Lugo.

Dende moi novo sentiu inquedanzas literarias en galego, influenciado polo amor que os cataláns senten pola súa terra. Lonxe de Galicia, estableceu contacto coa literatura galega a traverso dos libros galegos e tamén por medio de correspondencia epistolar con destacadas personalidades da cultura galega tales como Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Pai Xosé Rubinos, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Puente, Darío Ãlvarez Blázquez, Xosé María Ãlvarez Blázquez, Xosé Neira Vilas, Ramón Piñeiro, Anxel Fole, Leandro Carré, Manuel María, Xesús Alonso Montero, etc.

Durante os longos anos de emigración en terras catalanas, non perdeu nunca a súa identidade galega. Iso quedou reflexado na súa producción literaria que inclúe poesía, prosa e tradución. A aportación de Manuel Rodríguez López en relación ós galegos na diáspora catalana foi fundamental durante os anos da transición. Como Cronista Oficial do Centro Galego de Barcelona e como correspondente en Barcelona de diversos xornais galegos, plasmou en gran cantidade de artigos os actos culturais e sociais dos emigrantes galegos e colaborou decisivamente a xunguir a cultura galega e catalana. Os libros Galegos en Catalunya 1978-1982 e Galegos en Catalunya 2 recollen a maior parte desas crónicas. Os presidentes da Xunta de Galicia e da Generalitat de Catalunya asistiron a presentacións dos libros en torno ós Galegos en Catalunya.

A súa poesía ten como temas centrais o tema obreiro, a emigración e a saudade. A saudade na cidade, a protesta ante a alineación no traballo e ante as inxusticias sociais amósanse ó lector por medio de metros tradicionais. Darío Xohán Cabana editou recentemente a Poesía Completa de Manuel Rodríguez. Xa volto a terras galegas Manuel Rodríguez continuou co seu traballo encol da unión da súa Terra Mai e da súa Terra Adoptiva, levando a cabo a traducción ó galego da meirande obra poética da literatura catalana (A Atlántida de Verdaguer).

Un elemento esencial na vida do emigrante galego é o retorno á Terra durante a época estival. Nos veráns, Manuel Rodríguez López alimentabase na cultura popular galega, nos ditos dos vellos, na paisaxe, para crecer como escritor. O retorno estival á Terra plasmouse en dous libros encol da súa terra natal, Paradela (Reencontro coa aldea e Festas da Virxe das Dores de Paradela). Tamén recolleu nun volume as viaxes que fixo con Anxel Fole por terras galegas durante as vacacións estivais (Viaxes con Anxel Fole) e ten material inédito para outro libro da mesma temática (Vacacións en Galicia: vivir Galicia).

Ó longo da súa vida conseguiu diversos premios tanto en poesía como en prosa.

Manuel Rodríguez López é recoñecido na terra que o viu nacer. No ano do seu falecemento foi nomeado “Fillo Predilecto de Paradela” (tamén Lucense do ano a título póstumo). Os seus restos mortais descansan no Panteón de Paradelenses Ilustres. O centro socio-cultural de Paradela leva o seu nome. E dende 1995 vense celebrando en Paradela o “Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López” que chegou á XVIII Edición en 2012.

Aspectos positivos relacionados coa persente proposta:

1.- A obra de Manuel Rodríguez López é relativamente descoñecida en Galicia. Adicarlle o Día das Letras Galegas en 2014, ano do 80 aniversario do seu nacemento (ou 2015, 25 cabodano do seu pasamento), contribuiría a un maior coñecemento do feito da emigración dende dentro, dende o punto de vista dun emigrante comprometido co feito cultural galego.

2.- Tamén suporía un recoñecemento á cultura galega feita desde fora de Galicia.

3.- Por último, sería un alicerce para fomentar o amor a Galicia dos emigrantes e fillos de emigrantes galegos.

OBRAS

Poesía

• Poemas populares galegos (1968)
• Saudade no bulleiro (1970)
• Soldada mínima (1979)
• Onte e hoxe vivencial (1995)
• A Atlántida (1995), traducción ó galego do grande poema épico catalán de Jacint Verdaguer.
• Manuel Rodríguez López. Poesía Completa (2009)

Prosa

• Reencontro coa aldea (1983)
• Galegos en Catalunya 1978-1982 (1983)
• Galegos en Catalunya-2 (1985)
• Viaxes con Ãnxel Fole (1988)
• Festa da Virxe das Dores de Paradela 1989 (1989)
• Volta a España a pé (1990), traducción ó galego do libro de Manolo Silva

Libros inéditos:

• "HISTORIA, CONTOS E XENTES DE PARADELA"
• "VIVIMOS UNHA LONGA TRAXEDIA" (peza teatral)
• "O PARAMO". Historia e crónicas do Páramo.
• "VACACIONS EN GALICIA: VIVIR GALICIA" Numerosas reportaxes de diferentes lugares de Galicia
• "LUGUESES" Biografías de personaxes lucenses
• "SEMBLANZAS DE GALEGOS ILUSTRES" (Castelao, Villar Ponte, Cabanillas, Celso Emilio, Lago González, López Ferreiro, etc)

Ademais, ten grande cantidade de material inédito de temática diversa

Colaboracións en libros colectivos

• Homaxe ó Che (1970)
• A Nosa Terra (de "Libro de Oro", no centenario de Ramón Cabanillas) (1976)
• Homenaxe multinacional a Castelao (1976)
• Galicia no ano 1979 (1979)
• José Mª Acuña (1983)
• Os escritores lucenses arredor de Fole (1986)
• Voces poéticas (1987)
• Paradela y su concello (1990)
• Aliad-Ultreia. Poesía. Pintura (1993)
• Poetas en Lugo (2007)

Bibliografía seleccionada

• Trabajos duros de la mujer (1968)
• Gran Enciclopedia Gallega
• Medio cento de galegos e Rosalía (1983)
• 88 gallegos: una tierra a traves de sus gentes (1983)
• De Pondal a Novoneyra (1984)
• Diccionario de escritores en lingua galega (1990)
• Un paso de poesía. Poesía Galega 1961-1975 (libro e vídeo, 1993)
• Diccionario da literatura galega. I. Autores (1995)
• Diccionario de Fole (1997)
• Alén do azul. Unha ducia de poetas galegos en Catalunya (1999)
• Vida e obra de Manuel Rodríguez López (2000)

Ligazóns en internet

• Páxina web oficial de MRL http://www.manuelrodriguezlopez.org/
• Un paso de poesía. Poesía Galega 1961-1975 http://www.galiciadigital.com/pcd/Biblioteca/poesia/paso_de_poesia/escritores/manuel-rguez-lopez.html
• Galegos.info en Galiciadixital http://www.galegos.info/detalle.php?id=1419&tabla=galegos
• Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López http://www.paradela.es/gl/content/xv-edici%C3%B3n-certame-literario-manuel-oreste-rodr%C3%ADguez-l%C3%B3pez
• Manuel Rodríguez López en Galipedia http://gl.wikipedia.org/wiki/Manuel_Rodr%C3%ADguez_L%C3%B3pez

Nota informativa elaborada por Galicia Digital:

A plataforma en Internet GaliciaDigital ten solicitada a dedicación do Día das Letras Galegas 2014 para o escritor de Paradela Manuel Rodríguez López. Fíxolle chegar esta petición ao Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e a través da Secretaría desta Institución a todos os académicos. O Presidente da R.A.G. confirmou que presentará esta solicitude á Academia no momento oportuno, xunto con todas as demais recibidas ao efecto.

En 2014 cúmprense oitenta anos do nacemento do escritor en Paradela e en 2015 os vintecinco do seu pasamento. Por iso se efectúa agora esta petición, tendo en conta a intención da R.A.G. de ser “máis rigorosa” na elección do persoeiro a quen se lle dedica a maior celebración relacionada coas nosas letras, tendo en conta a vida e obra deste poeta obreiro, considerado un dos mellores deste xénero da Galicia do século XX.

GaliciaDigital ten emprendida unha campaña de difusión da vida e obra de Manuel Rodríguez López (emigrante galego, "Galego en Catalunya"), en colaboración coa familia do escritor, o Concello de Paradela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo, que se iniciou en 2012 coa creación da web www.manuelrodriguezlopez.org, nos idiomas castelán, galego, inglés e catalán, e que terá continuación neste ano cunha exposición itinerante sobre este autor.

Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org

Galiciadigital.com, 2013-06-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) O Banco de España acaba de publicar os datos oficiais de débeda pública correspondentes ao peche do exercicio 2025. Nese período, Galicia reduciu a súa ratio de débeda ata o 13,9 % do seu PIB, o que representa a ratio máis baixa dende 2012. Deste xeito, Galicia situase como a cuarta comunidade autónoma de réxime común con nivel de débeda máis baixa e cun diferencial con respecto á media das CCAA de 6,3 puntos porcentuais. A ratio de débeda das CC.AA. situouse no 20,2 %. Logo do esforzo extraordinario por mor da pandemia, Galicia leva unha senda descendente dos seus ratios de endebedamento. Así, desde a pandemia, ano 2020, reduciu a ratio case seis puntos, pasando de 19,6 % ata o 13,9 %.
Foto de la tercera plana (20260331-01.jpg) A implantación da recollida separada de materia orgánica consolídase como o piar fundamental para que Galicia cumpra cos obxectivos ambientais europeos. Dado que os restos orgánicos representan case o 40 % do lixo doméstico, a súa correcta xestión é a chave para baleirar os vertedoiros e xerar compost de alta calidade que retorne á terra como fertilizante. A día de hoxe, o compromiso galego con este sistema é evidente: 295 concellos xa contan con métodos específicos para os biorresiduos.

Notas

A Primavera Cultural da USC regresará á volta de Semana Santa con diversas citas nas que a tradición e a vangarda camiñan collidas da man. Así, o talento musical emerxente darase cita o 8 de abril na final da terceira edición do Certame de grupos musicais da USC. O 9 de abril será a quenda do Curso de Primavera, na Facultade de Humanidades de Lugo; do concerto de Kid Mount + ünder & Diego Flâneur na lucense Praza de Santa María; e do V Tradi-Fest, no Xardín das pedras que falan en Compostela.
Lori Meyers é unha das bandas máis recoñecidas do indie pop estatal, que regresa a Vigo tras oito anos sen actuar en grandes formatos na cidade. Coti achegará ao Galicia Fest algúns dos seus temas máis coñecidos, convertidos xa en auténticos himnos xeracionais. O artista suramericano chegará a Vigo tras completar unha xira por arxentina
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES