Notas de prensa

Os Heredeiros da Crus volven aos escenarios para celebrar o seu 20 aniversario

O grupo máis emblemático e descarado do rock en galego regresa aos escenarios en 2012 para celebrar o seu 20º aniversario e compracer os milleiros de fans que desde hai anos viñan reclamando o seu regreso.

Os autores de jits como 'Que jallo é', 'Ãscalle Lura' ou 'Non quero nada de ti' están de volta para dalo todo e "josar" como nunca.

Así o anunciaron hoxe os propios 'heredeiros' nunha rolda de prensa na facultade de Xornalismo de Compostela na que participaron os catro membros do grupo de Ribeira: Javi Maneiro (vocalista), Tucho (guitarra solista), Tonhito de Poi (guitarra solista) e Fran Velo (baixista) deron conta dos detalles do regreso dos Heredeiros:

O vindeiro 3 de marzo, sábado, na discoteca LP-45 de Ordes (A Coruña), os Heredeiros da Crus ofrecerán un concerto único para celebrar o seu 20 aniversario. Unha actuación memorable, de máis de dúas horas de duración e cunha completa banda (metais, teclado e coros incluídos) na que os Heredeiros interpretarán todos os seus grandes éxitos e na que non faltarán sorpresas, como en calquera concerto de Heredeiros... O propio Tonhito de Poi prometeu onte na rolda de prensa “un bocata de nocilla gratis” de regalo coa entrada, mentres que o baixista Fran Velo, recomendou con sorna que o público levase “dúas mudas” ao concerto de Ordes. Tucho, guitarrista e compositor, e Javi Maneiro, vocalista, relataron pola súa parte varias anécdotas do grupo nunha rolda de prensa á que se achegaron, ademais dunha ducia de xornalistas, máis dun cento de fans dos Heredeiros convocados a través das redes sociais.

As entradas para o concerto, que comezará ás 22:00 da noite e que contará cun grupo invitado aínda sen revelar, custarán 15 euros anticipada e 20 euros en taquilla. Os billetes estarán dispoñibles a partir da semana que vén enticketmaster.es e na tenda en liña de Airapro: http://tenda.airapro.com

Oito anos despois da xira de 2004, cando publicaron o seu último disco até hoxe, Chicarrón,

Confírmanse así as sospeitas levantadas pola campaña viral titulada 'Volven os máis jrandes', que circulou nas últimas semanas por internet e as redes sociais e na que participaron algunhas das figuras máis coñecidas do audiovisual galego: Morris, Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, Isa Risco, Ricardo de Barreiros… mesmo a filla de Tonhito de Poi foi unha das protagonistas dos vídeos nos que se ían dando pistas do regreso “dos máis jrandes” (vídeos que aínda se poden consultar na web www.osmaisjrandes.com)

A produtora carralesa Airapro, fundada entre outros polos actores cullerdenses Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán, é quen acompañará a Heredeiros nesta nova aventura, exercendo de representantes e axentes de contratación e comunicación. Unha aventura que inclúe unha forte presenza en internet e as redes sociais, coa estrea da páxina webwww.heredeirosdacrus.com, un blog onde se irán dando conta de todas as novidades do regreso (http://hdc20anos.tumblr.com), así como sellos perfils en twitter (@hdc20anos) e facebook (facebook.com/hdc20anos), que onte xa contaban con centos de seguidores apenas uns minutos despois do anuncio.

O regreso dos Heredeiros tamén ten un punto forte no aspecto gráfico, grazas ás fotos realizadas polo fotógrafo e deseñador Marcos Martínez (mmweb.es), responsable da nova imaxe da banda, unha homenaxe á portada do primeiro disco do grupo.

Biografía

Heredeiros da Crus nacen en Castiñeiras, en Ribeira (A Coruña) en 1992. Logo duns primeiros ensaios nun galiñeiro de Poi, ese mesmo ano ofrecen o seu primeiro concerto na mítica Festa da Dorna. En 1994 publican o seu primeiro disco, 'A Cuadrilla de Pepa a Loba', un álbume que marcou un antes e despois na historia do rock en galego e no que se inclúen himnos como 'Quero josar' ou 'O fillo de José'. Beni, alias 'o fillo de Ampartio' era o batería nesta formación inicial, un posto que logo ocuparon Pepe Santamaría (entre 1995 e 1999), Marcos Otero (no directo All right Chicago), Pedro Rodríguez alias 'Trelles' (no disco Chicarrón) e Manu para a xira de 2012.

As letras descaradas e divertidas, as guitarras poderosas, o falar natural, con gheada e seseo, e a actitude provocadora e irreverente, fixeron dos Heredeiros todo un símbolo para milleiros de galegos e galegas dos anos 90 famentos de música e cultura coa que identificarse, un movemento que moitos bautizaron como rock bravú e do que son herdeiros moitos dos grupos galegos contemporáneos.

Logo de converterse nun dos grupos insgina do Xabarín Club --o mítico programa infantil da TVG para o que gravaron temas e videoclips hoxe históricos como Que jallo é ou Ãscalle Lura --, e de ofrecer ducias de concertos sempre memorables (e normalmente polémicos) por toda Galicia e parte do estranxeiro (chegaron a actuar en Londres e Nova York), en 1996 edítase o segundo disco de Heredeiros da Crus: Está que te cajas!!, con temas emblemáticos como 'O teu fillo fuma porros', a melancólica 'A chaqueta de lana' ou Frenaso no calsonsillo', unha peza na que colabora o mesmísimo Rosendo Mercado.

En 1997 os Heredeiros publican dous traballos: 'Criatura', un EP de cinco temas (entre eles, outro himno: 'Non quero nada de ti') e 'Des Minutos', no que empezan a versionar cunha exitosa versión do 'My Sharona', que eles titularon 'Vaiche boa'. O seguinte álbume publicouse dous anos despois, en 1999, baixo o título 'Erecsiones munisipales': un disco que por primeira vez conta con outros instrumentos e sonoridades como os metais nalgunhas pezas.

Un ano despois, en 2000, Heredeiros da Crus publican o seu sexto disco, un dobre álbume gravado en directo, titulado 'All right Chicago" (que converteu a Heredeiros na primeira banda galega en editar un disco en directo), no que se pode apreciar a potencia do grupo de riba dos escenarios, un lugar onde todo é posible: disfraces, improvisacións, lanzamento de obxectos, colaboracións do público, mesmo stripteases...

Logo de catro nos que, entre outros proxectos, editaron un disco de versións baixo o nome de 'Recambios Tucho' (2001), en 2004 publicaron o seu sétimo (e último) disco como Heredeiros da Crus: 'Chicarrón', un traballo con sons máis pausados que incluía un dvd con material extra (unha iniciativa tamén pioneira na música en galego ).

En 2005, o grupo retírase dos escenarios e cada un dos heredeiros inicia os seus propios proxectos musicais: Javi funda o grupo Jabon Blue coa colaboración de Tucho (unha formación de rock contudente que xa vai camiño do seu cuarto disco), Tonhito fai o mesmo con A Banda de Poi (un vangardista proxecto galaico-portugués), Fran participa na banda acústica Mustang...

En 2012, cando se cumpren 20 anos daquel primeiro concerto na Dorna, os Heredeiros da Crus, os máis jrandes, volven aos escenarios para dalo todo. Unha xira que comezará en Ordes (A Coruña) o 3 de marzo cun concerto de máis de dúas horas, con sección de metais, coros e piano incluído, e por riba de todo, con moita gana de festa!!

http://www.heredeirosdacrus.com

http://www.volvenosmaisjrandes.com

http://facebook.com/hdc20anos

http://twitter.com/hdc20anos

AiraPro, 2012-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES