Notas de prensa

Inaugura a exposición permanente de instrumentos musicais do CENTRAD

Gómez Besteiro e Lara Méndez entregaron a Amancio Prada a zanfona que o cantautor deixou no CENTRAD para a súa posta a punto. O cantautor ofreceu ós asistentes unha demostración con este instrumento.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, inauguraron a exposición permanente de instrumentos musicais do Centro de Artesanía e Deseño, dependente do organismo provincial. Previamente, os dous mandatarios provinciais entregaron ó cantautor Amancio Prada a zanfona que o artista deixou no CENTRAD para a súa posta a punto.

No acto de inauguración, no que tamén participaron distintas personalidades do ámbito político e cultural de Lugo, entre elas o Alcalde da cidade, José López Orozco, o Deputado Delegado da Área de Cultura, Antonio Veiga, o Deputado e voceiro do Partido Popular, José González Barcia e o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, o Presidente da Deputación destacou a importancia da mostra que contén 402 pezas e que ademais é a única de Galicia catalogada e a única de Europa no apartado de réplica de instrumentos medievais.

En total máis dun cento de persoas asistiron a esta inauguración na que a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, amosou a súa satisfacción por abrir ó público unha mostra de incalculable valor, na que tamén se poden atopar distintas réplicas dos instrumentos que figuran no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. Precisamente, a exposición contén un boceto do Pórtico realizado ó 50% do tamaño real, elemento que supón unha fonte de investigación para os artesáns musicais.

Gómez Besteiro e Lara Méndez agradeceron o labor dos profesionais que traballan no obradoiro de instrumentos musicais do CENTRAD ó tempo que brindaron o compromiso da institución para levar a cabo iniciativas que permitan consolidar o Centro de Artesanía e Deseño nun referente para os artesáns de Galicia.

Inaugurada a exposición, o segundo paso do organismo provincial é conseguir que a mostra sexa declarada pola Xunta de Galicia como Colección Visitable, proceso para os que xa se inciaron os trámites necesarios.

A posta a punto da zanfona

Amancio Prada deixou hai algúns meses a zanfona para que os artesáns do CENTRAD levasen a cabo a súa posta a punto. Hoxe, o Presidente e a Vicepresidenta Segunda da Deputación fixéronlle entrega do instrumento co que ó final da inauguración, xunto co mestre do obradoiro de instrumentos musicais e responsable técnico da colección, Luciano Pérez, agasallaron ós asistentes cunha pequena demostración da súa música interpretando o romance medieval de Don Gaiferos de Mormaltan, popularizado polo folclorista Faustino Santalices.

Gómez Besteiro e Lara Méndez agradecéronlle ó cantautor de Ponferrada a confianza depositada nos artesáns do Centro para levar a cabo os traballos de afinación do instrumento.

Rematados os actos de entrega da zanfona e da inauguración da mostra, o Presidente e a Vicepresidenta Segunda, acompañados das autoridades presentes e de distintas personalidades do eido cultural, realizaron unha visita pola exposición.

A museografía

A colección está formada por 402 pezas, das que máis da metade foron feitas por particulares, 95 de produción propia, 60 doazóns, 39 recuperadas da antiga sección de música do Museo provincial e outras dúas que foron adquiridas recentemente pola Deputación: unha gaita de Faustino Santalices e unha zanfona construída polos ex directores deste obradoiro Jesús Pérez e Antón Corral. A isto hai que engadirlle a doazón dunha trompa de boca aportada polo seu construtor, Oliverio Álvarez López.

A exposición artéllase en tres salas de xeito que os instrumentos están agrupados segundo os elementos acústicos e as súas características morfolóxicas: aireófonos, cordófonos, idiófonos e membranófonos. Deste xeito, na primeira sala, pódese atopar unha colección de trompas de boca e réplicas de instrumentos do s. XIII, ademais dunha copia das ménsulas do Pazo de Xelmírez de Santiago. Na segunda, un órgano da catedral e unha colección de gaitas. Finalmente, na terceira, consérvase un exemplar de Clave Español do século XVIII, así como varias réplicas dos instrumentos do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo, 2008-03-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES