Notas de prensa

O CITENI desenvolve unha metodoloxía para avaliar os riscos dos combustibles marítimos alternativos

O transporte marítimo enfróntase a un dos grandes desafíos da súa transición enerxética: decidir que combustibles alternativos empregar nun contexto no que aínda existe pouca experiencia operativa e escasean os datos sobre o seu comportamento real. Metano, metanol, amoníaco ou hidróxeno aparecen como alternativas para reducir as emisións do sector, pero a súa implantación introduce novas incógnitas relacionadas coa seguridade, o almacenamento e a operación dos buques.

Esta falta de información dificulta a avaliación dos riscos asociados a cada opción e complica a toma de decisións nas fases iniciais de deseño dos barcos.

Para darlle resposta a este reto, persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), situado no Campus Industrial de Ferrol, desenvolveu unha metodoloxía que permite identificar, clasificar e priorizar riscos en escenarios con información limitada.

O traballo recóllese no artigo “Hybrid Methodology for Alternative Fuels Risk Assessment”, publicado na revista Fuels. A investigación está vinculada á actividade científica desenvolvida tamén na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (ETSNM) da Universidade da Coruña (UDC) e forma parte do doutoramento industrial que o investigador do CITENI José Miguel Mahía realiza en colaboración con CT Ingenieros. O estudo está asinado conxuntamente cos membros do grupo de Enxeñaría Enerxética (INGEN) Ignacio Arias e Manuel Romero, e conta, ademais, coa participación de Sandrina Pereira, da Escola Superior Náutica Infante D. Henrique (ENIDH), de Portugal, froito da colaboración establecida durante unha estadía internacional do investigador.

Unha ferramenta para decidir cando faltan datos

“Un dos principais retos na descarbonización do sector marítimo é avaliar os riscos asociados aos novos combustibles para a súa adopción a bordo, así como a toma de decisións entre diferentes alternativas nun contexto marcado pola escaseza de datos”, explica José Miguel Mahía. “Esta metodoloxía xorde precisamente para darlle resposta a esa necesidade, proporcionando unha ferramenta estruturada que permite analizar os riscos mesmo cando a información é limitada, o que facilita unha toma de decisións máis sólida desde as primeiras etapas de deseño”, engade.

A metodoloxía, denominada MAHI (methodology for alternative-fuels hazard identification), propón un novo marco de análise dos riscos asociados aos combustibles marítimos alternativos. A súa principal achega é o desenvolvemento dunha ferramenta que permite avaliar e comparar riscos sen necesidade de contar con datos cuantitativos completos. Para iso, integra nun único proceso distintas técnicas de análise de riscos xa empregadas en ámbitos industriais, como a identificación de perigos en sistemas complexos (hazard identification, HAZID) e a análise de desviacións no funcionamento de procesos (hazard and operability study, HAZOP).

O sistema combina a avaliación da probabilidade e do impacto dos distintos escenarios co coñecemento experto, o que facilita cotexar alternativas tecnolóxicas e definir prioridades nun contexto marcado pola incorporación de novos combustibles e a transición enerxética do transporte marítimo.

Esta metodoloxía permite comparar as consecuencias de fugas, explosións ou incidentes relacionados cos combustibles alternativos antes de que ocorran. É dicir, confronta distintos escenarios posibles como, por exemplo, unha fuga de amoníaco no seu sistema de almacenamento –cun elevado impacto debido á súa toxicidade– fronte a un fallo nos sistemas de almacenamento de metanol ou de gas natural licuado (GNL), e facilita así unha avaliación comparativa dos riscos de grande utilidade á hora de decidir que combustible empregar no buque.

Deste xeito, a MAHI identifica os aspectos máis relevantes desde o punto de vista da seguridade e estrutura a análise de forma máis completa, mesmo en ausencia de datos históricos suficientes. O seu obxectivo é establecer prioridades e apoiar a toma de decisións nun momento clave para o sector, marcado pola incorporación de novos combustibles e pola necesidade de avanzar cara á descarbonización.

Investigación aplicada ao sector marítimo

Os resultados do estudo reforzan a liña de investigación do grupo e do CITENI en seguridade operacional e descarbonización marítima. O traballo achega ferramentas que facilitan adoptar novas tecnoloxías enerxéticas nun sector crucial para reducir as emisións globais, en que a toma de decisións nas fases iniciais de deseño dos barcos resulta determinante para a súa viabilidade futura.

Universidade da Coruña (UDC), 2026-06-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES