Notas de prensa

Un equipo do IDEGA rexistra unha metodoloxía para analizar con maior precisión a realidade económica dos territorios

Un equipo do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia rexistrou unha nova metodoloxía que permite elaborar análises económicas e ambientais cun nivel de detalle territorial moi superior ao que ofrecen as ferramentas convencionais. Denomínase Path-Q-Plus para a interrexionalización de marcos contables input-output, investigación da tese de doutoramento de Uvenny Quirama Estrada, dirixida por Xesús Pereira López e Melchor Fernández Fernández.

Os chamados marcos contables input-output (é dicir, sistemas estatísticos que describen como se relacionan as distintas industrias: quen produce, quen compra e quen utiliza eses bens e servizos) constitúen unha ferramenta fundamental para medir o impacto das actividades económicas. Con todo, adoitan establecerse para ámbitos territoriais amplos, ofrecendo menos información sobre o funcionamento de áreas máis pequenas.

A metodoloxía desenvolvida no IDEGA permite trasladar esa información a estas escalas territoriais máis reducidas para obter unha representación precisa das conexións económicas existentes entre distintas zonas.

No marco da tese de Quirama, o primeiro exercicio de validación realizouse en Galicia. A investigadora definiu cinco grandes áreas funcionais —A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo— empregando como criterio principal os desprazamentos por motivos laborais, é dicir, onde viven as persoas e onde traballan. A partir desa información foi posible localizar os principais centros de produción e caracterizar con maior precisión a distribución territorial da actividade económica.

Esta capacidade de análise abre novas posibilidades para o deseño de políticas públicas e estratexias de desenvolvemento adaptadas ás características específicas de cada territorio. Ademais de medir impactos económicos, a metodoloxía facilita a avaliación de efectos sociais e ambientais, proporcionando información máis detallada para a planificación e a toma de decisións. O obxectivo, destaca a investigadora Uvenny Quirama Estrada, “é dispoñer de ferramentas que permitan comprender mellor a diversidade territorial e adaptar as políticas públicas ás necesidades reais de cada ámbito de estudo”.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES