
Unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana inclusiva e varios espectáculos científicos para toda a familia son os ingredientes esenciais cos que preparamos con moito agarimo este festival, detalla Miguel Correa, director do CINBIO e integrante do comité organizador de CinVigo. Ciencia na rúa. Volvemos con moita ilusión e enerxías renovadas para que a Porta de Sol de Vigo se transforme un ano máis nun auténtico laboratorio aberto a toda a cidadanía.
Co foco especialmente posto no fomento das vocacións científicas entre a mocidade e a cativada, buscamos multiplicar o retorno á sociedade en forma de coñecemento científico, innovación e formación; queremos demostrar que a ciencia na rúa está máis viva ca nunca, ademais de dar a coñecer a existencia na nosa cidade dun centro especializado en nanomateriais e biomedicina, engade Correa.
Máis de 250 estudantes de ensino medio exporán os seus proxectos
O prato forte de CinVigo será novamente unha gran feira científica na que máis de 250 estudantes de ESO, Bacharelato e ciclos formativos de FP serán os grandes protagonistas, presentando os seus proxectos científicos ao público asistente e competindo por uns premios finais. Un total de 70 proxectos, desenvolvidos polo alumnado de 32 centros educativos de toda Galicia, foron os elixidos para formar parte da terceira edición desta gran festa da ciencia. Os equipos participantes exporán os seus proxectos na Porta do Sol e terán a oportunidade de ofrecer as súas explicacións ás persoas que se acheguen aos seus postos ao longo da fin de semana, ademais de defendelos nos chamados minutos de ouro, que terán lugar no escenario oficial de CinVigo ás 16.30 e ás 18.00 horas do sábado 26 de abril.
Os proxectos tratarán de demostrar fenómenos físicos, químicos ou naturais relacionados coa ciencia, concursando a través de tres niveis ou categorías de participación: Early researchers para estudantes de 1º e 2º da ESO, Young researchers para 3º e 4º da ESO, e Teen researchers para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato e ciclos formativos de FP. Os traballos gañadores serán escollidos por un xurado especializado e haberá tamén un premio do público, que poderá votar ao mellor proxecto a través duna aplicación. Unha bolsa de apoio para os estudos universitarios, a participación noutra feira científica ou unha estadía no CINBIO serán algúns dos premios aos optarán os equipos concursantes. O horario de apertura ao público da feira científica será de 11.00 horas a 14.30 horas e de 16.00 a 19.00 horas na primeira xornada do sábado 26 de abril, e de 11.00 a 13.00 horas na xornada do domingo 27. A entrega de premios terá lugar o domingo a partir das 13.00 horas.
Obradoiros científicos infantís
Para as e os máis cativos e cativas da casa, entre os 3 e os 12 anos, o CinVigo programou unha serie de obradoiros científicos infantís, nos que poderán participar, xogar, gozar e aprender a través de actividades deseñadas seguindo metodoloxías de aprendizaxe activo que os converterán en científicos e científicas por un día. Crear pulseiras sensibles á luz ultravioleta, explorar as propiedades da electricidade mentres constrúen circuítos con plastilina condutiva ou explorar os mundos microscópicos serán algunhas das experiencias que lles permitirán descubrir o asombroso mundo da ciencia.
Unha gran carpa acollerá estes divertidos experimentos, que estarán dispoñibles en diferentes quendas de participación de 11.00 a 14.10 h e de 16.00 a 19.20 horas durante a xornada do sábado 26 e de 11.00 a 12.30 horas o domingo 27 de abril. Para poder participar, de xeito gratuíto, será necesario inscribirse previamente a través desta ligazón.
Detectives por un día coa xincana CinVigo Holmes
Os máis curiosos e curiosas poderán converterse en detectives por un día e descubrir a ciencia dunha maneira emocionante na xincana CinVigo Holmes polas rúas de Vigo, organizada polo CINBIO e adaptada a persoas con diversidade funcional grazas á colaboración da asociación DisCamino. Esta actividade, pensada para que a mocidade e o público familiar amosen as súas habilidades nun xogo de pistas, dará comezo o sábado 26 ás 11.00 horas e concluirá sobre ás 13 horas. Para participar é preciso realizar inscrición previa desde a páxina web do evento.
Unha mostra do traballo dos grupos do CINBIO e un espectáculo científico completan a programación
O programa de actividades da terceira edición de CinVigo complétase con outras propostas paralelas que o converten nun festival para todos os públicos. Ao longo das dúas xornadas, as persoas que se acheguen ata a Porta do Sol poderán visitar os postos informativos e divulgativos do CINBIO e coñecer de preto o labor investigador desenvolvido polas científicas e científicos de grupos de investigación punteiros como o de Química Orgánica (ORCHID), o de Comunicación celular en cancro e en enfermidades asociadas á idade (CellCOM), TeamNanoTech (TNT), o grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio), o de Evolución Molecular Computacional (CME) ou o de Física e Química de Materiais (MCPG).
Ademais, o espectáculo Cienceando, que tamén conta coa colaboración da FECYT, será o encargado de pechar a xornada do sábado a partir das 19.00 horas. Esta proposta, que ofrecerá un percorrido pola historia da ciencia a través de demostracións e experiencias espectaculares que permitirán, por exemplo, coñecer a natureza do lume, contará cunha nova sesión que terá lugar no escenario do festival ás 12.00 horas do domingo.
CinVigo. Ciencia na rúa é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Unión Europea, ademais de contar co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, do Concello de Vigo, da Autoridade Portuaria de Vigo e outras entidades como Radio Vigo, Büchi, Jasco, Frutas Nieves, ou Portomédica, que se suman á colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Ademais, CinVigo tamén conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade a través do Plan Corresponsables.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.