
A xornada é froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas IPPOG (promotor da Masterclass) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear). A masterclass consistirá nunha serie de conferencias sobre física de partículas, ademais dunha sesión práctica na que se usarán datos reais obtidos no experimento CMS do CERN. O estudantado participante analizará os resultados deste traballo a través dunha videoconferencia con persoal do CERN, e con mocidade de Alxeria, Italia, Ucraína e Finlandia, que participan na xornada de maneira simultánea.
Poderán participar dous estudantes de 2º bacharelato de cada centro. É posible inscribir tamén a unha terceira persoa de reserva, que poderá ser admitida dependendo da evolución das inscricións. O profesorado acompañante pode asistir e participar na actividade, aínda que non é un requisito obrigatorio (deberá indicarse á hora de realizar a inscrición). O número máximo de participantes é de 100 estudantes. O IGFAE farase cargo da manutención durante a xornada.
Consideramos importante contar con rapazada que poida aproveitar a experiencia, valorando principalmente a afección pola ciencia e o coñecemento do inglés, importante para seguir a videoconferencia, explican dende a organización da iniciativa. A selección do estudantado queda á discrecionalidade do persoal docente.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.