
O equipo da Universidade da Coruña formado por investigadores do grupo Xestión Sostible dos Recusos Hidrícos e do Solo (AQUATERRA), participa no proxecto europeo SUS-SOIL.
Esta iniciativa, coordinada pola USC xunto cun consorcio de 25 socios, entre eles a UDC, participará na avaliación da saúde e funcionalidade dos solos baixo diferentes estratexias agroecolóxicas de manexo de cultivos, establecendo 15 experiencias piloto en toda Europa, para determinar o seu grao de sustentabilidade.
O equipo de traballo da UDC está coordinado pola investigadora Ramón y Cajal Vanessa Álvarez López, xunto con Eva Vidal Vázquez, profesora titular; Marcos Lado Liñares, Profesor contratado doutor; e Manuel López Vicente, investigador distinguido contratado no programa de atracción da Xunta de Galicia; todos do Departamento de Física e Ciencias da Terra.
SUS-SOIL, que acadou unha financiación de 7 millóns de euros do programa Horizonte Europa, busca estudar a saúde dos solos desde diversas perspectivas, incluíndo caracterizacións químicas e físicas, pero tamén propiedades biolóxicas. Outra das liñas de traballo do proxecto é o estudo da capacidade dos solos para secuestrar carbono, o cal é de gran interese na rexión de Galicia polas características dos nosos solos.
Está previsto que as primeiras etapas do proxecto dean comezo en outono deste ano. A investigadora Vanessa Álvarez López, coordinadora do equipo de traballo da UDC, destaca que a financiación de proxectos de investigación multidisciplinares na que se poña en relevo o papel da microbioloxía do solo, é clave para dar valor aos sistemas agrarios sostibles a longo prazo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.