Notas de prensa

A USC lidera un proxecto europeo para estudar a saúde dos solos e determinar a súa sustentabilidade

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC lidera o proxecto SUS-SOIL, unha iniciativa incluída no programa Horizonte Europa e dotada con 7 millóns de euros de financiamento orientada a estudar a saúde dos solos, a fin de determinar así o seu grao de sustentabilidade. A catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría Mª Rosa Mosquera Losada, que tamén coordina o grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, atópase á fronte desta nova iniciativa europea de I+D+i.

Dita iniciativa está impulsada por un consorcio de 25 socios, entre os que figuran USC, Feuga, Goberno de Murcia e UDC como representantes españois, ademais doutras entidades dun total de 15 países.

A profesora Mosquera Losada explicou que o proxecto SUS-SOIL posibilitará analizar a saúde dos solos desde diversas perspectivas: física, química, biolóxica..., ao tempo que servirá para ampliar información e coñecemento sobre a existencia de residuos que poidan resultar nocivos para o medio ambiente e incluso tóxicos, tal e como pode ser naqueles casos nos que se advirta unha elevada concentración de antibióticos. Outro dos ámbitos de acción deste proxecto atinxe á avaliación de prácticas de xestión agroecolóxica que se desenvolven nos distintos territorios, a fin de validar o seu grao de éxito ou, de ser o caso, propoñer alternativas para a súa mellora, dixo.

A determinación da capacidade dos solos obxecto de estudo para a absorber carbono é outra das liñas de traballo contempladas nesta iniciativa de I+D incluída no programa Horizonte Europa. Esta dimensión, precisou a catedrática Rosa Mosquera, presenta un especial interese para Galicia, dadas as características singulares que presentan os solos da comunidade galega.

Alén das pescudas a realizar ao abeiro do programa SUS-SOIL, a profesora Rosa Mosquera salientou o compromiso de todos os socios implicados no consorcio impulsor do proxecto para propoñer ideas e mecanismos encamiñados e a favorecer a sustentabilidade dos solos, ao tempo que indicou que os traballos realizados no marco de programa europeo poderían servir tamén implementar mecanismos que posibiliten monetizar o carbono absorbido polos solos.

A coordinadora do grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxidos da USC e responsable do proxecto SUS-SOIL destacou asemade que a concesión deste programa ao Campus Terra reforza a pertinencia deste campus de especialización da USC, dado que se trata dunha temática que responde ás liñas estratéxicas do Campus Terra.

As primeiras accións programadas ao abeiro do proxecto SUS-SOIL comezarán a desenvolverse ao longo do outono de 2024, dixo Mosquera, para logo precisar que a USC, a través do grupo en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, non solo actúa como líder do proxecto, senón que xestionará de xeito directo un orzamento de arredor de 800.000 euros.

Respecto implicación da comunidade científica do Campus Terra neste novo programa europeo, Rosa Mosquera cifrou en preto dunha ducia o número de docentes, investigadores e demais persoal técnico da sede universitaria luguesa que terá unha participación activa na xestión e no desenvolvemento de SUS-SOIL. Daquela, entre as persoas implicadas atópanse, ademais de Mosquera, os tamén catedráticos da USC Antonio Rigueiro, Esperanza Álvarez, ademais de investigadores como Nuria Ferreiro ou Javier Santiago. Divina Vázquez Varela e Teresa Piñeiro ocuparanse das tarefas de xestión, do mesmo xeito que Pablo Fernández e Manuel Condado desenvolverán outros cometidos específicos.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES