
A presentación de ambas actividades tivo lugar hoxe no Pazo de San Roque e contou coa presenza do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do presidente do Banco de Alimentos de Santiago, José Pita; dun dos organizadores de Go!Go!Zo!, Julio Asorey, e dun dos fundadores da Escola A Casa do Rock de Santiago, Adrián Hernández.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a importancia deste tipo de propostas, incluída dentro do ciclo Novas Músicas en Galego, coas que desde a Xunta procuramos poñer en valor o talento de Galicia e fomentar a creatividade na nosa lingua por parte, especialmente, da mocidade.
Doutra banda, Xosé Merelles gabou o labor de dinamización cultural e turística do Festival Go!Go!Zo! que se desenvolve nun espazo chave para miles de peregrinos dos cinco continentes, o Monte do Gozo. Un espazo que se está a dinamizar fortemente con actividades durante todo o ano coas que se está a achegar este espazo á veciñanza de Santiago de Compostela.
Programación para o 23 e 24 de setembro
A última fin de semana do Go!Go!Zo! comezará o sábado 23 de setembro de 17,30 a 20,30 horas coa primeira sesión de Combos Musicais, que seguirán o domingo 24 nese mesmo horario. Nestes participarán varias bandas que se forman nas escolas A Casa do Rock, en Santiago de Compostela; Rock School Escola, na Coruña, e Dzetta Music Center, en Vigo.
A actividade máis destacada será a tradicional Macroactuación organizada por A Casa do Rock, que terá lugar o día 24 ás 16,00 horas e que, nesta terceira edición, renderalle homenaxe ao 30 aniversario do Xacobeo 93 e á apertura do complexo do Monte do Gozo. Farao a través da interpretación en galego do tema Born in te USA, de Bruce Springsteen, que actuou ese mesmo ano en Compostela, e da versión de Chuck Berry da canción Jonhny B Goode, que tamén visitou Santiago en 1993.
Todas as persoas interesadas en participar deberán levar os seus propios instrumentos e poderán inscribirse en www.acasadorock.com, onde tamén atoparán dispoñibles as partituras.
Xornada solidaria a favor do Banco de Alimentos
A rolda de prensa foi tamén escenario para lembrar que outro dos obxectivos principais do festival é achegar o noso gran de area a algunha causa e, nesta edición, realizaremos este domingo 17 unha xornada solidaria con actividades para toda a familia a favor do Banco de Alimentos de Santiago, indicou Julio Asorey.
O programa estenderase de 11,30 a 20,30 horas e haberá propostas para a cativada, como as actuacións de Peter Punk e Pakolas, e para os adultos, como os concertos de Nékrora, Onda Dagda e Shower Hell, que se sumarán á sesión do picadiscos Javissolla.
Todas as propostas serán de balde a excepción do xantar solidario, que terá un custo de 20, dos cales unha parte irá destinada ao dito Banco de Alimentos.
Toda a información sobre o festival Go!Go!Zo! Pode consultarse no web www.gogozo.gal e nos seus perfís de redes sociais.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.