Notas de prensa

Un congreso internacional e múltiples actividades culturais para celebrar o centenario de Saramago

Un congreso internacional e, arredor del, múltiples actividades culturais, desde unha exposición ata recitais poéticos, pasando por un ciclo de cinema, unha performance e unha instalación artística. Así celebrará a Universidade de Vigo o centenario do nacemento do premio Nobel José Saramago. Será do 26 ao 29 de outubro en distintos puntos da cidade de Vigo, entre eles o Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia e o Instituto Camões

Todo isto baixo a batuta da I Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, desde onde levan meses organizando cada detalle dunha cita que agardan se converta en histórica.

Máis de medio cento de conferencias nun congreso aberto á cidadanía

O eixe central das actividades será a VII Conferencia Internacional José Saramago, un encontro aberto á cidadanía –non é preciso inscribirse- e que se levará a cabo no auditorio do Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, no edificio Cambón. “Contaremos coa intervención de 61 conferenciantes procedentes de 41 universidades e 18 países”, explica o director da cátedra, Burghard Baltrusch, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, ao que engade que, en termos de continentes, estarán representados Europa, América –tanto do sur como do norte-, Oceanía, Asia e África. Contarase, ademais, segundo el mesmo indica, con dez convidados especiais adicionais -xornalistas, artistas e investigadoras/es-.

“No ano no que se celebra o centenario queremos transformar este VII congreso nun evento especialmente amplo e cunha proxección internacional e mediática aínda maior ca en anteriores ocasións”, salientan desde o comité organizador, facendo así fincapé en que o obxectivo era traer a Galicia o maior número posible de representantes da Jangada, a Rede Internacional de Cátedras José Saramago, centros de investigación e asociacións, mais tamén investigadores, estudantes e outro público interesado.

Como primeiro eixe temático, o congreso explorará a fonda relevancia contemporánea do legado filosófico deixado por José Saramago, incluíndo cuestións relacionadas cos animais, a empatía e o antropomorfismo. Completan este eixe, entre outros, os obxectivos sociopolíticos da rede JANGADA de cátedras, institutos e asociacións, a partir dos principios ético-morais consagrados na Carta Universal dos Deberes e Obrigacións dos Seres Humanos. Inspirada no discurso que Saramago pronunciou o día 10 de decembro de 1998 en Estocolmo, cando recibiu o Premio Nobel de Literatura, foi elaborada na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), por unha comisión de especialistas internacionais e sometida á ONU en 2018. Deste xeito, esta Carta e o debate internacional sobre os seus temas constituirán o segundo eixe temático deste congreso. “Un cuarto eixe temático estará dedicado ás reflexións sobre a situación actual e o futuro da cultura e lingua galegas, a partir dos vieiros e reivindicacións que nos ofrece o pensamento saramaguiano”, engade desde a organización.

Forte actividade cultural arredor do congreso

No relativo ás actividades culturais, o programa do congreso inclúe unha performance da poeta galega Silvia Penas –o xoves 27 ás 18.30 na sede de Afundación-; un recital de poesía de Patricia Lino –no Camões o venres 28 ás 18.15 h-, e a instalación artística do portuense Miguel Januário, no Camões o mércores 26 ás 18.15 horas.

Xunto a estas actividades que se levarán a cabo nos propios días de celebración do congreso, a programación cultural inclúe tamén unha exposición sobre o diálogo que se estableceu entre Saramago e a pintora portuguesa Graça Morais. Será na sala de exposicións II da Sede Afundación Vigo do 18 ao 29 de outubro, estando previsto para o día 27 a visita á exposición da propia artista.

Baixo o título O surrealismo de Saramago no cinema, o congreso trae tamén consigo un ciclo de cine. Neste caso será no Marco, o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, do 25 de outubro ao 19 de novembro. Proxectaranse diferentes filmes e curtametraxes en versión orixinal con subtítulos en castelán. As proxeccións arrancarán o martes 25 ás 19.30 horas coa proxección de Enemy (O Homen Duplicado), dirigido por Denis Villeneuve (Canadá/Espanha 2013), presentado polo guionista de cine e televisión Javier Trigales.

“Da atmosfera creada con todas estas actividades valerase a destacada escritora portuguesa Isabela Figueiredo para crear textos de ficción inspirados nesas temáticas que serán repartidos e publicados nos días do congreso”, explican desde a comisión organizadora ao respecto da residencia literaria O sublime código da insubmissão.

Universidade de Vigo (UVigo), 2022-10-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES