
O xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, presentou hoxe no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia a proposta da Xunta para a 42ª edición da feira internacional de turismo, que recupera a súa data tradicional a principios de ano e que se celebrará de xeito presencial do 19 ao 23 de xaneiro; os tres primeiros días só para profesionais do sector e a fin de semana, para o público en xeral. Emilio de la Iglesia subliñou que se trata dun escaparate único para Galicia, que xa demostrou no 2021 que era un destino seguro e que volverá facelo no 2022.
O stand terá un deseño moderno e de cores vistosas que queren simbolizar a esperanza e a ilusión coa que Galicia afronta o segundo ano do Xacobeo logo de demostrar no 2021 que era un destino seguro e bater récords no que á recuperación do sector se refire malia a pandemia. Nese sentido, o espazo expositivo contará de novo coa presenza do botafumeiro de prata en tamaño real realizado por ourives hai máis de 60 anos e co que, como no 2021, os visitantes poderán fotografarse. Nesta ocasión formará parte dun set que xogará con espellos como símbolo das moitas facianas de Galicia como destino turístico.
En Fitur 2022, Galicia presentará medio cento de produtos e destinos turísticos e unha vintena de catas que se desenvolverán nunha ducia de espazos expositivos e informativos. Tamén haberá mostras de produtos enograstronómicos galegos de calidade coa participación de profesionais e de persoal de Centro Superior de Hostelería de Galicia, así como espazos para a exhibición de artesanía en vivo, co apoio de medios audiovisuais e da campaña Camiña a Galicia.
Cos deberes feitos
Emilio de la Iglesia indicou que Galicia chega a Fitur ilusionada e esperanzada logo de ter feito os deberes no 2021, de tal maneira que se situou como líder na recuperación turística nacional, 22 puntos por riba da media, ata acadar no verán cifras similares ás da prepandemia. Un éxito que o xerente da Axencia de Turismo de Galicia fixo extensivo ao Camiño de Santiago, que pechou o ano con preto de 180.000 Compostelas, un 20% máis das previstas. Ao seu entender, é froito da responsabilidade e do sentidiño dos profesionais, dos nosos visitantes e do conxunto da sociedade galega.
Con eses antecedentes, a Xunta e o sector queren demostrar que, en tempos de pandemia, Galicia é un refuxio e o Camiño, un oasis turístico ao aire libre. O Xacobeo xa foi no 2021 un dos motores da recuperación económica de Galicia e Emilio de la Iglesia asegurou que seguirá a selo no 2022 como eixo central dunha Galicia en constante renovación que, aos seus valores tradicionais, suma novas propostas turísticas e bota man das novas tecnoloxías para adaptarse ás necesidades dos visitantes do século XXI.
Vamos a Fitur coa mensaxe de que Galicia está de moda cunha oferta de calidade que é a que demandan os turistas logo da pandemia. Espazos abertos non masificados, actividades ao aire libre, gastronomía, cultura e deportes conforman esa variedade que se reflicte nos espellos do stand galego na feira internacional de turismo.
Seguridade sanitaria
Fitur 2022 celebrarase de novo no recinto ferial Juan Carlos I de Madrid entre o mércores 19 e o domingo 23, ambos incluídos. Para reforzar a seguridade sanitaria, vaise pedir o pasaporte covid, o certificado dixital europeo, aos cidadáns da Unión Europea e dos países que fagan uso desta mesma acreditación, mentres que aos demais países se lles solicitará o Spain Travel Health, así como test de antíxenos negativos de non poder presentar o pasaporte de vacinación. No recinto haberá tamén un rigoroso control de ocupación e da ventilación.
Fitur 2021 supuxo o reencontro do sector turístico trala pandemia, se ben tivo que adiarse ao mes de maio. A edición do 2020, con 253.000 visitantes, foi a última das grandes feiras internacionais do sector turístico que se celebrou antes dos confinamentos e peches de fronteiras. A de 2021 pechouse con 62.000 visitantes. Fitur foi a única das grandes feiras europeas de turismo que non deixou de celebrarse de xeito presencial en ningunha edición.
O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para reforzar o acompañamento psicolóxico aos estudantes. Este acordo, dotado con 60.000 euros, dá continuidade ao xa asinado en 2025, un ano no que se os dispositivos de acompañamento psicolóxico das universidades públicas galegas atenderon 370 alumnos.