Notas de prensa

A catedrática África González publica 'Inmuno Power', un manual que desvela os segredos do sistema inmunitario

Inmuno Power é un libro co que a súa autora, a catedrática da Universidade de Vigo África González quere axudar 'a entender dunha forma sinxela e divulgativa que é o sistema inmunitario, un dos sistemas máis complexos do noso corpo'. Así o explica a propia autora que ao longo de 288 páxinas analiza que é e como funciona o sistema inmune e achega as claves para coidar e protexer 'a primeira liña de defensa do corpo humano'.

O volume nace, como recoñece a autora, “da necesidade de explicar e resolver moitas dúbidas que xorden” e da falta de “libros divulgativos sobre como funcionan as nosas defensas, como podemos fortalecelas, que son as vacinas, as alerxias, as intolerancias, a inmunidade en nenos...” Para iso achega respostas a numerosas preguntas relacionadas co sistema inmune: de que nos protexe o sistema inmunitario? cal é o seu papel para defendernos do cancro? como inflúe a idade ou a alimentación nas nosas defensas? cal sería a vacina perfecta?. Outros dos temas que aborda a científica neste libro pasan polo funcionamento dos anticorpos, as alerxias, as diferencias entre as alerxias alimentarias e as intolerancias ou a función da febre. Ademais, como destacada investigadora neste eido, África González presenta neste libro tamén as técnicas inmunolóxicas e últimos avances en inmunoterapia.

González recoñece que, en xeral, a cidadanía está “moi interesada pola saúde e a pandemia evidenciouno aínda máis”. Por iso destaca a necesidade de facer un esforzo “para explicarse de forma divertida, próxima pero rigorosa, evitando bulos, mitos e pseudociencia. Hai que ser moi críticos e ter moito coidado con algunhas cousas que se publican ou venden e que non teñen ningún respaldo científico”. O manual, publicado pola editorial La Esfera de los libros, está destinado a todos os públicos, organizado en capítulos independentes e en formato preguntas-respostas, amenizado por “ilustracións frescas e divertidas”.

Sentinelas protexendo o castelo

A catedrática recoñece que se ten transmitido “que o sistema inmunitario é complexo, pero todo é posible explicalo e adaptalo a distintos niveis”. Neste caso defíneo como “toda unha serie de sentinelas protexendo o noso castelo, preparados para actuar se entra o inimigo. Se con eles non é suficiente e non se contén a agresión, chámase a outros soldados moito máis específicos. Estes son máis lentos en actuar pero moi eficaces”. No libro, a catedrática explica como funciona este exército, quen e como o dirixe e como se detén. Todo este sistema tamén “vixía fronte a tumores, detecta sinais de perigo internas e rexeita transplantes incompatibles, ao tempo que repara os tecidos unha vez que a infección foi resolta”.

Precisamente unha das claves que se abordan no libro é a posibilidade reforzar e fortalecer o sistema inmunitario. “É, xunto co sistema nervioso, o único que ten memoria a longo prazo, e ao igual que podemos adestrar e aprender cousas, tamén o fai o noso sistema inmunitario”. O mellor adestramento, explica, son as vacinas, “que nos van evitar enfermar”. Pero con todo, ao longo da vida as persoas están “sometidas a estímulos infecciosos e fronte a eles, a defensa é o sistema inmune”. Na súa efectividade e fortaleza inflúen, lembra a docente, “aspectos como a xenética, sexo, idade, vacinas previas ou infeccións, fármacos, nutrición, deporte, estrés, consumo de tabaco, alcol, drogas, horas de sono....e tamén elementos do propio patóxeno como a súa virulencia, mutacións, capacidade de contaxio... que farán que unha persoa poda ou non infectarse”.

Segundo González, Inmuno Power ben podería ser un libro de cabeceira que axude a resolver moitas dúbidas que aínda existen, porque “a inmunoloxía é unha especialidade relativamente nova, con pouca participación nos plans de estudo”. Neste sentido considera que se debería incrementar a súa presenza a distintos niveis, dende colexios e institutos ata a formación universitaria, porque “é importante saber que o sistema inmunitario está na base de moitas enfermidades e, canto mellor o coñezamos, mellor poderemos abordalas”. O libro pode adquirirse a partir deste mércores 1 de setembro.

Universidade de Vigo, 2021-09-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES