Notas de prensa

Preto de 150 especialistas analizarán en Pontevedra como a pandemia situou a bioseguridade en primeiro plano

O concepto de bioseguridade fai referencia a toda unha serie de normas e medidas dirixidas a protexer ás persoas dos riscos biolóxicos, químicos ou físicos aos que poidan estar expostas no desenvolvemento das súas funcións profesionais, algo que ata hai pouco parecía cinguirse a ámbitos moi específicos.

Mais isto mudou por completo coa pandemia, que obrigou a trasladar moitas desas medidas ou protocolos a todo tipo de instalacións, ás rúas e mesmo aos fogares.

'Algo que antes era utilizado por uns poucos traballadores, especificamente en zonas biocontidas ou con riscos especiais, foi vital implantalo dun modo masivo en hospitais, residencias, centros comerciais...', salienta Marina Peña, veterinaria do Servizo de Bioexperimentación do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo e presidenta do V Congreso Nacional da Asociación Española de Bioseguridad (AEBioS), que se desenvolverá en Pontevedra entre o 30 de setembro e 1 de outubro cos efectos da covid-19 neste ámbito como un dos seus temas centrais.

Segundo as estimacións da organización, prevese que entre 150 e 175 expertos e profesionais participen na Sede Afundación nun congreso que a AEBioS promove xunto co Cinbio e o seu Servizo de Bioexperimentación. De caractér bienal, este encontro estaba inicialmente previsto para outubro de 2020, mais a pandemia obrigou a adialo en dúas ocasións, ao igual que provocou cambios no seu programa. Na súa versión inicial, lembra Peña, “só había unha charla, bastante visionaria, que falaba de coronavirus como posibles virus emerxentes”. Mais a covid-19 trouxo consigo un “proceso de investigación acelerado”, en ámbitos como os tratamentos e vacinas, pero tamén no establecemento de “barreiras de bioseguridade”, de medidas de protección ou de barreiras de descontaminación, polo que era necesario, sinala a presidenta do comité organizador e vicepresidenta de AEBioS, “incluír todas esas innovacións no programa”.

Con esa idea, o congreso incorporou unha sesión titulada SARS-CoV2: o inimigo invisible, que contará coa intervención da codirectora do laboratorio de coronavirus do Centro Nacional de Biotecnología (CNB) do CSIC Isabel Sola, cuxo grupo está desenvolvendo un tres candidatos á vacina do CSIC. Tamén participará o investigador do CNB-CSIC Juan García Arriaza, que desenvolveu “o prototipo máis avanzado de vacina que temos en España contra o coronavirus SARS-CoV2”, como destaca a organización. A sesión contará así mesmo coas intervencións da catedrática de Inmunoloxía da UVigo Ãfrica González, o investigador do CNB Lluís Montoliu e o perito xudicial Pablo Medina.

Máis aló da covid-19, a bioseguridade nun mundo global

“Agora máis que nunca, estámonos dando conta do importante que é a bioseguridade á hora de evitar e controlar pandemias”, salienta Peña, que lembra que a covid-19 obrigou a instaurar “protocolos específicos, formar ao persoal e implantar normas de bioseguridade” en espazos e instalacións como residencias da terceira idade, á vez que puxo en primeiro plano a súa importancia de cara a “vivir nun mundo máis seguro”. Nese senso, o obxectivo do congreso é promover o “intercambio de ideas e coñecementos” entre expertos e profesionais de diferentes ámbitos da bioseguridade, como laboratorios, biobancos, animalarios, hospitais, servizos de prevención de riscos laborais... Máis aló do bloque dedicado á covid-19, este foro abrangue outras catro sesións, que porán o foco en bioseguridade aplicada, requirimentos legais de centros e instalacións, diferentes ámbitos de aplicacións ou retos aos que se enfronta a bioseguridade nun mundo globalizado. “Unha cousa que nos demostrou o virus é que o risco de que se produza unha pandemia está aí e que é moito máis fácil nun mundo globalizado”, sinala a presidenta do comité organizador dun congreso que, con esa idea, porá o foco na necesidade de métodos de vixilancia “exhaustivos” en materia de enfermidades, ao igual que na importancia, en materia de saúde animal, de ter “baixo control" enfermidades que poden transmitirse a humanos.

“A bioseguridade a biocustodia deben converterse nun tema clave para os gobernos”, salienta Peña, que incide en que outra das cuestións a abordar nestas xornadas será a necesidade de actualizar a lexislación española neste ámbito para adaptala aos estándares internacionais, como sería o caso da referida ao traballo con instalacións de biocontención de nivel 3. Neste punto, lembra que, co asesoramento da Fao, o Cinbio puxo en marcha recentemente un laboratorio NCB-3, “no que poden traballarse con patóxenos ata de tipo III”, así como unha instalación de biocontención ANCB-2, “para aloxamento de animais deliberadamente infectados con patóxenos de ata grupo II”.

San Simón e a lepra, na xornada previa

O V Congreso de AEBioS celebrará a súa inauguración o día 30, xornada que abrirá unha conferencia de Rafael Sánchez sobre a enerxía dentro da bioseguridade. Mais a actividade arrancará xa o 29, cunha xornada previa na illa de San Simón, que porá o foco no seu pasado como lazareto. “Pareceunos unha boa idea, que enlazaba coa temática do congreso”, sinala Peña, que lembra que as intalacións para persoas enfermas de lepra “foron a orixe da aplicación de medidas de bioseguridade no manexo das enfermidades epidémicas”. Esta xornada previa completarase con talleres sobre desinfección de espazos e xestión de residuos perigosos, así como co desenvolvemento das probas para obter a certificación da federación internacional de asociacións de bioseguridade IFBA.

Universidade de Vigo, 2021-07-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdg-hamlet.jpg) Publicada en 1603, a traxedia do príncipe de Dinamarca pisa agora o escenario do Centro Dramático Galego cunha versión que sitúa no presente os seus conflitos e as tensións da coñecida trama: Hamlet enfróntase á morte do pai, ao precipitado matrimonio da súa nai co seu tío e á aparición dun fantasma que lle esixe vinganza, nunha historia marcada pola traizón, o remorso e a procura de certezas nun mundo moralmente corrompido. Nesta nova montaxe constrúese ao longo de 130 minutos unha peza viva, accesible e tamén divertida, sen renunciar á profundidade do texto orixinal. A intención é ofrecer un espectáculo no que o público galego poida verse reflectido dalgún xeito, recoñecendo cuestións, contradicións e dilemas que tamén forman parte da nosa época.
Foto de la tercera plana (aida-fernandez-rios.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias elixiu á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como 'Científica Galega do Ano'. Foi unha investigadora de referencia internacional no estudo dos océanos, labor que exerceu desde o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, pertencente ao CSIC. O investigador do Instituto José Luís Garrido, quen, ademais de traballar durante tres décadas con Aida Fernández Ríos mantivo con ela unha relación moi estreita, destaca o que el chama 'o efecto Aida': 'Tiña un carisma extraordinario e un encanto persoal tremendo'.

Notas

Dezaseteº Ribeira Sacra xa distribuíu por días a programación musical da súa 10ª edición, que se celebrará do 24 ao 26 de xullo en distintos enclaves da Ribeira Sacra lucense. The Divine Comedy, Sidonie, Baiuca, Anni B Sweet e Puño Dragón encabezan un cartel que volverá unir música en directo, patrimonio, paisaxe e identidade nunha proposta concibida para gozar da Ribeira Sacra desde dentro.
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) será o protagonista da Nerd Nite de marzo, que se desenvolverá o xoves 26, ás 20.30 horas, na Nave de Vidán. Nesta ocasión as persoas relatoras serán persoal investigador deste centro da USC: Diego Peña Gil, Rebeca García Fandiño e Pablo del Pino González de la Higuera. A sesión leva por título 'Paseando polo mundo molecular'.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES