
O proxecto ELBA, que conta con preto dun millón de euros para a súa execución, traballará no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras que contribúan a mellorar o campo do Big Data Analytics, un paradigma de Intelixencia Artificial (IA) que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos. Esta iniciativa, de tres anos de duración, nace para dar resposta á escaseza de profesionais cualificados para abordar a súa xestión, particularmente determinadas áreas xeográficas.
Na apertura celebrada esta mañá interveu o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez, que subliñou a importancia e pertinencia deste proxecto e o impacto que vai xerar nos países de Asia Central. A USC conta cunha traxectoria recoñecida na xestión da proxectos de formación de capacidades en colaboración coas universidades participantes nesta iniciativa.
Encontro do reitor con homólogos de Asia Central
Durante a xornada o reitor Antonio López Díaz, mantivo un encontro con catro reitores das universidades participantes coa finalidade de estreitar vínculos con estas institucións.
Este proxecto é unha oportunidade para fortalecer os lazos con outras institucións europeas e de Asia Central nun eido tan punteiro como o do Big Data Analytics, indica o investigador principal desta iniciativa e profesor da ETSE, David Losada. Entre outros retos, o proxecto ELBA pretende definir unha axenda para a mellora nas capacidades dos socios de Asia Central na formación e investigación en tecnoloxías Big Data, así como noutras tecnoloxías relacionadas, sinala.
Xunto á USC, institución coordinadora do proxecto, participan tamén outros dous socios europeos (Politécnico de Turín e Universidade de Primorska) e dez institucións de Asia central, procedentes de Uzbekistán, Kazakhstán, Kirgizistán e Tadzhikistán. As tarefas da USC estarán orientadas a mellorar a capacidade formativa dos socios de Asia Central, monitorizar e asesorar o desenvolvemento de plans de estudo en Big Data Analytics e proporcionar métodos e ferramentas de aprendizaxe en tecnoloxías intelixentes de procesado de datos masivos. Nesta reunión inicial os socios definirán as principais directrices do proxecto e liñas de acción para acometer neste primeiro ano de execución e participarán en varios seminarios sobre boas prácticas para a execución de proxectos impartidos por docentes e técnicos da USC.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.