
A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ emprendido por GaliciaDigital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Deputación Provincial de Lugo (Delegación de Cultura), o Concello de Lugo e a Real Academia Galega. Ademais, incorpórase a esta edición como entidade co-patrocinadora o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Esta mostra itinerante percorreu xa numerosas cidades e localidades galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid e os Centros Galegos de Barcelona, Salamanca, León ou Vitoria, abríndose agora no Centro Galego de Lisboa, o que supón un fito importante no desenvolvemento e expansión deste proxecto.
A exposición está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Catalunya a maior parte da súa obra, e foi, ademais dun grande animador das actividades galegas en Catalunya, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no País catalán.
Neste acto tamén se presentarán a reedición do folleto que presenta os contidos completos da exposición, e a segunda edición da Antoloxía Poética de Manuel Rodríguez López, coordinada por Xesús Alonso Montero e Santiago Rodríguez.
Na inauguración da mostra participarán Álvaro Moreira, presidente do Centro Galego de Lisboa, e o Director de GaliciaDigital, Antonio Giz.
Máis información en: Proxecto Manuel Rodríguez López
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.