nadal 2003
Nadal 2003

O Nadal encerra múltiples tradicións que, por costume, asumimos ano tras ano sin preguntarnos, moitas veces, que significado teñen no conxunto de celebracións que marcan estas entrañables datas.
Típicos do Nadal son elementos ornamentais como o nacemento, a árbore ou a estrela; pero tamén acontecementos como a chegada de Papá Noel, os Santos Inocentes, a celebración do Fin de Ano ou a visita dos Reis Magos.
E propias de Galicia son as tradicións do tizón, cachopo ou cepo de nadal, así como as relacionadas coa gastronomía entre as que cómpre destaca-la feira do capón de Vilalba.
I é que o Nadal galego ancestral, insertado na tradición cristiá desde o século IV, ten tamén unha palpable relación agraria, cando o labrego –debido ó mal tempo e ós días curtos- concentra o seu esforzo en traballos artesanais dentro da casa ou en labores como a matanza do porco. Avós, fillos, netos… reúnense a carón do lume onde, según os contos, tamén se congregaban as ánimas dos antepasados mortos na Noiteboa. Costumes que, xunto cos cantos, os donativos…, conforman as tradicións nadaleiras que hoxe se conservan.
Nadal na lareira.-
Di Ramón Otero Pedraio: "é un cañoto grande dun árbore , que nas montañas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios de Pontevedra, e noutras terras, botan ó lume na notite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a mitá, e o que queda gárdano para cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, para arreder o pedrazo e os raios. Nalgús lados, semella que aproveitan a borralla para botaren nos eidos, o cual sí que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén tén relación coa presencia das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume. O tizón de Nadal é rito coñecido e usado en toda Europa, e faise tamén en moitas partes de España. En Cataluña vén ser o que chaman tió, no que baten os nenos da casa para que lles boten dulces, que os pais meten dentro. A súa orixe recúa con seguranza deica os tempos mais vellos.". É o Tizón de Nadal, tamén coñecido como cepo ou cachopo: unha rama grande de boa madeira, polo xeral de carballo, que se botaba á lareira na noite de Nadal mentras a familia cantaba panxoliñas e contaba contos. A tradición di que as cinzas tiñan propiedades máxicas, polo que decidían gardalas nun rincón da casa para reutilizalas en caso de tormentas, xa que se consideraba que tiñan propiedades para espantar ós tronos.
O acibro.-
Trátase dun arbusto de entre dous e cinco metros de altura, de longa vida (sábese de acibros de ata 300 anos), con follas de beiras onduladas e espiñentas e o seu froito –non comestible- é unha boliña vermella que madura en outono e mantense varios meses durante os que se emprega como elemento ornamental. En Galicia dáse, fundamentalmente, na serra de San Mamede (concellos de Maceda, Montederramo, Vilar de Barrio e Laza), na serra dos Ancares, en O Incio, no val do Lóuzara, no monte Oribio (Concello de Samos), no Courel (especialmente na Devesa da Rogueira), na Rogueira, e preto da costa como na fraga de Caaveiro ou no concello de Gondomar, na parroquia de Morgadáns. Ademáis de empregarse como substituto do ébano, o acevro ten outros usos relacionados coas crenzas. Xunto á relacionada co amor (falan as tradicións dun ritual que consiste en cortar una pola de acevro ás doce da noite de San Xoan para, logo de pasala trece veces baixo as ondas do mar mentras se reza un credo de cada vez, tocar con ela á moza elexida), o acevro está íntimamente relacionado co Nadal. Un costume que ven de vello cando na entrada do inverno as tribus xermánicas colocaban pólas de acevro nos seus cuartos, ou cando en tempos dos romanos se asociaba ás festas de finais de decembro que se celebraban na honra de Saturno, o deus da sementeira.
A feira do capón de Vilalba.-
Recurrimos de novo ó texto dun recoñecido escritor galego para aproximarnos a unha tradición nadaleira de Galicia que se produce na capital da Terra Chá lucense. Di Álvaro Cunqueiro no libro “La cocina gallega”: "voy todos los años a Villalba, donde está la torre de los Andrade. Pujo como puedo, a veces ayudado por expertos y hábiles regateadores, como el viejo Chao que en gloria esté, y apalabro los pares que necesito, que tengo favores que pagar a anigos de Barcelona, Vigo, Madrid, Pamplona....Aunque cada vez hay menos regateos, ya que existen tratantes que apartan docenas de pares para mandar fuera del Reino en las grandes ciudades". Única en Galicia e famosa en Europa, a feira do capón de Vilalba presenta en vésperas do Nadal o producto autóctono sobre brancos manteis, ben pelados e limpos, coa enxundia cravada con seis pauiños de abidueira. Logo de ser seleccionados, introducidos e cebados con extemo coidado na chamada “capoeira” desde o mes de novembro, os capóns de Vilalba convírtese nun producto gastronómico de excelencia que orixinou o dito: "capón de ocho meses, comida para mesa de reyes".
O Belén.-
Nos pobos de tradición católica, o nacemento de Xesús nun pesebre de Belén represéntase con réplicas deste momento: o pesebre, o boi e a mula, Xosé, María e Xesús, os pastores e os Reis Magos forman parte da simboloxía popular iniciada por San Francisco de Asís en 1223, según conta a lenda. En España foi a dona de Carlos III quen levou á Corte unhas figuriñas de porcelana procedentes de Nápoles e que representaban o Nadal. Prendado deste nacemento, o monarca mandou traer un Belén completo para o seu fillo e mandou crear unha fábrica de porcelana.
A estrela.-
É o símbolo da guía: a que levou ós Magos ata Belén para adorar a Xesús no pesebre. Soe colocarse na punta da árbore de Nadal, ou sobre o Portal na representación do nacemento.
A árbore de Nadal.-
A colocación do pino de nadal é unha tradición anterior á cristiandade e provén da cultura celta onde soía celebrarse a cegada do inverno colocando unha árbore –xeralmente un abeto- no centro do pobo adornado con cáscara e ovo pintadas. Algunhas investigacións especifican que esta árbore estaba presente nas ceremonias da primitiva Roma, sendo conservado polo cristianismo que o adornou con obxectos brilantes e velas que representaban o sol, a lúa e as estrelas. Foi cara o século XVI cando Marín Lutero e os seus seguidores adaptaron este costume e introduciron a árbore adornada con velas na noite do 24 de decembro en fogares e templos. Existe paralelamente a lenda dun misioneiro inglés que difundía a palabra de Xesús entre as tribus do norte de Alemania. Ó chegar a Geismar viu como pretendían sacrificar a un príncipe atado ó tronco dunha árbore para ser ofrecido ó deus Thor. Irrumpindo na ceremonia, o misioneiro derribou a árbore cunha hacha, brotando nese mesmo intre un fermoso pino que, según a lenda, era a proba da vida nova que representaba Xesús. Posteriormente, o príncipe Alberto, home da raíña Victoria, popularizou esta tradición no século XIX, difundíndose polo mundo.
Papá Noel.-
Tamén coñecido como Santa Claus, a orixe desta personase anglosaxona débese buscar na tradición danesa de San Nicolás como un home que repartía agasallos. Unha figura que no século XIX –concretamente no ano 1841- empeza a asociarse a un vello home que tomou a forma actual provocada, según algúns comentarios, a un debuxante da Coca-Cola no ano 1931, e co fin dunha campaña publicitaria. Penetrando polas chemineas en Noiteboa, os agasallos de Papá Noel enchen as casas no día de Nadal.
Os Reis Magos.-
As primeiras referencias de Melchor, Gaspar e Baltasar aparecen por no século VII nun Códice da Biblioteca de París. Pero, ¿quen son estas entrañables personaxes tan agardadas, ano tras ano, sobre todo polos máis pequenos? San Mateo os cita nun dos Evanxeos da Biblia e narra como uns Magos, guiados por unha luminosa estrela, chegan a Belén para adorar ó Neno Xesús. Sen menciona-los seus nomes (ata o século IX) nin a súa orixe, algunhas interpretacións din que podían ter sido astrólogos babilonios ou sacerdotes persas, e dise que son tres polo número de agasallos ofrecidos: ouro, incienso e mirra. As tradicionais cabalgatas na noite do 5 de xaneiro anuncian a chegada destes Magos de Oriente que poñen o remate ás festas de Nadal.
A tarxeta de felicitación.-
Sir Henry Cole, na Inglaterra do ano 1843, instaurou a tradición de enviar unha tarxeta de felicitación das festas nadaleiras. A primeira tarxeta comercial foi deseñada por J.C. Horsley e dela chegáronse a vender 1.000 copias en Londres. Posteriormente, en 1849, outro artista inglés, Willian Egley, conseguiu producir unha tarxeta popular e máis económica. Desde entón, e con variados motivos relacionados cos costumes nadaleiros, envíanse milleiros de felicitacións cada ano.
O Turrón
Este postre nadaleiro, de fama universal, asóciase á tradición cristiana e hoxe alcanzou fama universal. Elaborado con améndoas ou avelás, mel, clara de ovo e sucre, o turrón español conseguiu denominación de orixe en 1939, pero ata o 4 de setembro de 1990 non foi regulado según as normas da Unión Europa. O proceso de fabricación foi artesanal ata mediados do século XX, aínda que o turrón aínda conserva hoxe o aroma romántico dos antigos productos que continúan nas mesas durante os días de Nadal.
As Uvas en Noitevella
A tradición de tomar as doce uvas, remontase a principio dio século XX. Ista costume é exclusiva do noso país, a súa orixe no foi por motivos relixiosos ou culturais, senón mais ben a intereses económicos.
Na Noitevella do 1909, os cosecheiros idearon o rito de tomar as uvas da sorte, na última noite do ano, para desfacerse do excedente de uvas de aquel ano. Con elas damos paso ó aninovo que celebramos na coñecida como Noitevella: unha tradición que se remonta ós inicios do Imperio Romano onde adicaban xaneiro ó deus Janus que mira diante e detrás: o ano que se vai e o principio do que ven, representados en dous rostros de home vello e mozo. Entón os romanos convidaban a xantar ós amigos e intercambiaban mel con dátiles e figos para que o ano empezase con bon sabor. Co mesmo fin de bonaventura ofrecéronse tamén as lentellas, mentras que na Idade Media a Igrexa tratou de opoñerse a estes vellos costumes, o que non conseguiu.
O Mazapán
Dúas cidades -Venecia e Toledo- dispútanse a propiedade do mazapán: un doce tamén nadaleiro que, según algunhas fontes de información, xa apreciaban os gregos, aínda que Platón chegou a consideralo pouco recomendable. Cronistas de Toledo din que en 1212, e a raíz da batalla contra os árabes librada por Alfonso VIII de Castela, foi cando as monxas do convento de San Clemente empezaron a elaborar unha certa clase de pan a base de améndoas e sucre. Sen embargo, existen outras versións que sitúan a orixe do mazapán en Italia: por un lado, e de acordo coa lenda italiana, o mazapán naceu en Venecia no século XVI en que se fabricou un distinto tipo de pan para combati-la fame, o que conseguiron triturando améndoas e sucre e ó que chamaron Marzipane ou Pan de San Marcos na honra ó patrono da cidade; e por outro, dise que a invención do mazapán debeuse ó gremio de panadeiros italianos que na Idade Media se chamaban Irmáns de Marcos.
O Roscón de Reis
Este doce de Nadal ten unha orixe pagana e vencellada ó Imperio Romano, aínda que foi anos máis tarde -coa cristianización- cando se empezaron a elaborar unhas tortas redondas con figos, mel e dátiles que levaban no seu interior unha faba seca: a quen lle tocaba era nomeado rei de reis durante un curto periodo de tempo. En Francia a figura do "rei faba" recaía no rapaz máis probe, sendo Felipe V quen importou esta tradición para España como remate das festas do Nadal e tal e como o coñecemos hoxe: un doce desprovisto de simbolismo, con froitas escarchadas e unha sorpresa agachada no seu interior.
O Pavo (en Galicia é tradicional tamén o capón de Vilalba)
Considérase que esta tradición penetrou en Europa procedente de México no primeiro tercio do século XVI, como unha lembranza que trouxo Hernán Cortés das novas terras onde os aztecas o chamaban guajalote. Dise, tamén, que o pavo alimentou ós famentos colonos ingleses do Mayflower que desembarcaron en Massachusetts o último xoves de novembro de 1620, o que provocou que os americanos celebren nesta data o chamado Día de Acción de Gracias cun xantar clásico a base de pavo recheo. Os xesuitas foron os que o introduciron en Europa ó levalo ós seus colexios.
Roupa interior vermella
Descoñécese propiamente a orixe desta tradición que se sitúa na Idade Media cando case todo estaba reprimido, sobre todo nas clases sociais máis baixas. Na antigüedade relacionábase a cor vermella co demo, o sangue e as meigas, polo que se chegou a prohibi-la prantación e o consumo de productos de cor vermella coma os tomates e os pementos, entre outros; así como vestirse con roupa vermella. Sen embargo, no inverno, cando a natureza semella morrer debido ás xeadas e ás neves, o vermello simboliza o sangue e a vida. Por iso, como estaba prohibido e as xentes pensaban que levar un símbolo de vida traía boa sorte, optaron por levala agachada baixo a vestimenta, imprantándose a tradición da roupa interior vermella en Nadal ata os nosos días.
Iluminación nadaleira
Relacionada coa reducción das horas de luz solar -sobre todo nos países nórdicos- imprántase a tradición da iluminación nadaleira extendida hoxe nas rúas das cidades.
A Misa do Galo
Os católicos optaron por celebrar unha misa no momento do canto do galo o día que empezaba a alongarse a claridade diurna. A primeira Misa do Galo foi celebrada en Roma no século V polo Papa Sixto III. Na actualidade celébrase ás doce da noite do 24 de decembro (00:00 do 25 de Nadal) e está íntimamente relacionada coa Natividade de Xesús.
Os Santos Inocentes
Cada 28 de decembro recúrrese a esta celebración que na súas orixes está vencellada á lenda de Herodes: según a Biblia, Herodes entérase de que nace un neno que, según as profecías, sería o Rei de Reis. O medo a perde-lo trono, e averiguando que os Magos de Oriente viaxaban para adorar ó Neno, pídelles que lle comuniquen onde se atopa para así poder ir tamén adouralo. Cando os Magos saben que Herodes o que verdadeiramente pretendía era matalo, regresan ó seu país sen dicirlle nada o que provoca a ira de Herodes que ordea matar a tódolos primoxénitos nados por aquel entón; unha matanza que según esta lenda coñécese como os Santos Inocentes. Na actualidade é tradicional "contar mentiras" con fins lúdicos.
A flor de Pascua
Orixinaria de México -ó igual que o pavo- esta pranta introduciuse en Europa cando os conquistadores. A crenza de que a súa cor vermella trae calor e sorte en Nadal extendeu esta tradición no século XX.