Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Posible solución...?

viernes, 17 de diciembre de 2021
No artigo inmediatamente anterior facía alusión a unha certa inquietude, desacougo, dos cidadáns cando nos factores básicos de cambios sociais, e de etapa, se introducen novos paradigmas; e no contido do artigo tamén facía referencia as profundas diferenzas entre o sistema capitalista e as diversas manifestacións comunistas do marxismo, resaltando que na actualidade as dúas versións suavizadas dun e doutro non parece que acerten en buscar solucións aceptables.

Xeneralízase nos pobos o sentimento de que non se está facendo o que debía facerse, que se perde demasiado tempo en debates intranscendentes e de escaso interese para os administrados. E algunhas innovacións, aínda que necesarias, perden consenso polo seu matiz ideolóxico.

A situación élles complexa: O neocapitalismo, se non se corrixe, leva consigo o descrédito do sistema; as versións comunistas, para sosterse, derivan en férreas ditaduras, con modos capitalistas no económico, e nas socialdemocracias como na dereita centrista impera o desconcerto na xestión política, no que se filtran toda clase de vacilantes ensaios ideolóxicos, por indefinición substancial dos seus respectivos principios. Todo isto apunta a un posible recurso á sociedade civil, o que xa empeza a ocupar a algúns estudosos desta temática, con fundamento en que o individualismo, a indiferenza das importantes cuestións sociais, os estados de ignorancia voluntaria, etc., cerran a posibilidade a unha solución xusta, eficaz e aceptable dos problemas estatais.

A sociedade civil, para que poda exercer o poder soberano e democrático, é necesario que conte, cando menos, maioritariamente, con cidadáns auténticos. É dicir, aínda que todos posuímos a condición de cidadáns, a autenticidade implica compromiso social, e politicamente comporta o dereito e o deber de influír nos gobernos do seu país para que xestionen os obxectivos programáticos que lles foron aceptados nas respectivas eleccións, evitando desviacións ocasionais, que prodigan con manifesta indignidade e incualificable indiferenza.

Lamentablemente, a sociedade civil está tamén desorientada: Carece dun ideal ético compartido, e incluso non se preocupa seriamente de intentar establecelo, nin de que o poder político non caia nun rexeitable relativismo, desentendéndose da verdadeira solidariedade, que talvez deba ser entendida, como di Victoria Camps, como un valor, unha virtude e unha situación: Como un valor, cando se considera unha unión, compartindo coas outras persoas as necesidades e sentindo con eles o mesmo dolor que os aflixe; como unha virtude, análoga a caridade, e como unha situación "etnocéntrica", ensanchando ese universo común do nosoutros, cuxos integrantes sempre se consideran nunha perspectiva favorable e acolledora.

E por moito que a vostedes, amigos lectores, lles pareza utópico o recurso á sociedade civil, creo que pode afirmarse que non hai outra dirección DEMOCRÁTICA. Certo é que non se ve moi clara a incoación dun proceso de organización na sociedade que se poda aceptar como unha tendencia histórica subxacente; pero si hai intelectuais que aportan ideas básicas indicativas, como J. L. Vidal Beneyto, na súa obra HACIA UNA SOCIEDAD CIVIL GLOBAL, Taurus, Madrid, 2.003; LA SOCIEDAD CIVIL GLOBAL, Tusquets Editores, de Mary Kaldor, profesora na London School of Economics. Constátase, ademais, unha crítica nos medios, ás veces en liña ideolóxica, aos partidos, que cataliza opinións variadas de desprestixio nos mesmos: Algo, pois, parece que comeza a moverse nestes tempos.

Penso que na mente de moitas persoas, incluso afiliadas a partidos políticos, están presentes todas estas inquietudes, posto que, como di F. Savater, inda que para outra aplicación, "leyendo en mi propia mente, puedo leer en la del otro". Na sociedade civil, por conseguinte, late ese desacougo; pero non é fácil acadar o consenso necesario para definir un ideal ético compartido universalmente dentro dela, e non digamos nada respecto a un paradigma socio-económico. Interpóñense demasiadas discrepancias que sería necesario ir limando xa desde a formación primaria, habituando aos alumnos/alumnas a considerar as críticas non como xeradoras daquelas, senón como medio adecuado para superalas. Pero como apuntábamos no artigo anterior, o factor do ensino tamén propicia inquietudes.

Por suposto, estas discrepancias turban unha visión clara da realidade e dificultan a solución valiosa do que poda ter de positivo o capitalismo e o mesmo comunismo, para artellar un "constructo" sinérxico que oriente os comportamentos políticos desvencellados, incluso, do sentido común. Pero as sociedades, que contan con cidadáns moi preparados, están remisas nas emerxencias de líderes con vontade de asumir a responsabilidade da pilotaxe nelas mesmas.

Polo menos, a sociedade debería condicionar o voto a certas políticas non concordes cos seus obxectivos xustos, para que se respecte a xustiza, a solidariedade, a liberdade, e se propicie unha razoable prosperidade en función dos medios de que se dispón e da adecuación contextual.

Repito, talvez todo isto soe a utópico. Non obstante, creo que non hai que dubidar que, se a gobernabilidade dos países segue os rumbos que inquietan aos cidadáns, haberá que escudriñar na historia para encontrar orientacións e apoios de tendencias, máis ou menos solapadas, que abran horizontes á sociedade civil, algo que están xa facendo, para propiciar a aceptación da propaganda propia, aqueles partidos que pretenden, ideoloxicamente, vendernos prácticas fracasadas dun pasado vestido de actualidade e innovacións que destrúen sen crítica documentada o que pretenden mellorar.

Esperemos que eses síntomas de que a sociedade civil está intentando incoar procesos de organización respondan a algo real, impulsada pola estrita necesidade de encontrar solucións posibles. E non esquecemos que os cambios sociais poden levar tempo coas enerxías almacenadas e, nun intre, desencadearse unha explosión inesperada e sorprendente.

Xustamente por isto, é aconsellable valorar en profundidade os rexistros históricos das dinámicas socias que impulsaron relevantes cambios paradigmáticos análogos; pero non para xustificar decisións extravagantes, senón para fundamentar solucións, pertinentes aos problemas que afloran nunha actualidade líquida, plaxiando ao sociólogo polaco Z. Bauman.

Ofrécese, pois, como necesario que é mester acudir á historia para investigar no pasado os fundamentos que afiancen a ampliación do noso presente e, e así o ve Savater, como manifesta nestes termos: NADA MÁS TRIVIAL QUE QUERER CONSTRUIR EFICAZMENTE EL PRESENTE Y PROYECTAR CON SAGACIDAD EL FUTURO SI SE IGNORA DE DONDE VIENE. ESE FUE EL IDEAL DE UN "PROGRESISMO" PSEUDOILUSTRADO QUE NO DEJA DE TENER SUS AURÚSPICES ACTUALES. Si,... mais neste caso intentando que o futuro apoie a súas lilainas ideolóxicas.

Paréceme oportuno ofrecerlles aquí a seguinte cita de Ortega y Gasset no que respecta ao recurso á historia, no parágrafo inmediatamente anterior: "No basta con preparar cuidadosamente el hecho del pasado para que en toda su pureza se le pueda ver. LA HISTORIA NO ES SÓLO VER: ES PENSAR LO VISTO. Y PENSAR ES SIEMPRE, EN UNO Y OTRO SENTIDO, CONSTRUCCIÓN...", (As maiúsculas son miñas). Pax. 182, Obras completas, V. VI, Madrid, 1964,

Xa non son poucos os intelectuais que inclúen entre eses síntomas o feito de que a mesma sociedade civil estea pedindo constantemente o cambio de liderados, o que abre a esperanza, cando menos, á existencia emerxente dunha sensibilidade que pode levar ao ensaio de adecuados correctores historicamente presaxiados.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES