Noticias

A Xunta incluirá aos pacientes inmunodeprimidos entre os grupos de risco que recibirán a vacina de alta carga fronte a gripe

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai reforzar a protección dos pacientes inmunodeprimidos fronte a gripe na vindeira campaña de inmunización. Estas persoas serán incluídas entre os grupos de risco que recibirán unha vacina de alta carga e sumaranse aos maiores de 80 anos e as persoas de máis de 60 que viven nun centro residencial, que xa recibiron esta dose reforzada na pasada campaña. A vacina antigripal de alta carga ten un valor engadido con respecto ás convencionais ao mellorar a resposta vacinal nas persoas que a teñen indicada pola súa idade, que provoca que o sistema inmune non responda de forma óptima ás vacinas convencionais, ou en persoas inmunodeprimidas por algunha patoloxía.

Deste xeito, como novidade, na vindeira campaña a Xunta incorpora tamén a este último colectivo no que se atopan, como subliñou Rueda, “pacientes trasplantados ou que están a recibir quimioterapia en doses altas”.

Tal e como explicou o presidente, o Consello autorizou hoxe “destinar 6,3 millóns de euros” a mercar este tipo de vacinas para inmunizar “aos colectivos de maior risco”. 2A previsión é adquirir 210.000 doses para a vindeira campaña”, indicou.

A maiores, a Consellería de Sanidade ten aberta nestes momentos a licitación das vacinas fronte á gripe para a poboación xeral por valor de 2,8 millóns de euros e, como novidade, a Xunta está a traballar para mercar unha vacina intranasal para os cativos. Deste xeito, “os nenos poderán protexerse o vindeiro outono fronte a gripe sen precisar un pinchazo”, indicou Rueda.

Desta forma, Galicia reforza a súa aposta pola prevención coa mellora continua do calendario de inmunización ao longo de toda a vida e segue mantendo “o seu posto de referencia na estratexia de vacinación”.

Así, este ano acadouse un 82,83 % de cobertura vacinal na poboación de 80 e máis anos grazas ás facilidades proporcionadas. Na última campaña da gripe, a Dirección Xeral de Saúde Pública ampliou os días de vacinación ata o 26 de xaneiro, enviáronse citas de forma proactiva a través de sms e ofreceuse a vacina tanto en centros de saúde como en grandes recintos.

Investimento de 40 M€ no Programa galego de vacinación

Para o ano 2024 a Xunta incrementou o investimento no Programa galego de vacinación nun 40 %, situándose preto dos 40 millóns de euros e duplicando o orzado desde o ano 2020. Este incremento responde á incorporación nestes anos das vacinas fronte á meninxite B, a bronquiolite polo virus respiratorio sincitial, o rotavirus ou o herpes zóster, entre outras.

A clara aposta da Xunta pola prevención das enfermidades fixo que Galicia fose a primeira comunidade autónoma en adquirir e recibir as doses para levar a cabo a inmunización contra o virus respiratorio sincitial (VRS), un dos responsables da bronquiolite en bebés. Como consecuencia, un informe preliminar da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a primeira campaña de protección fronte ao VRS indica que os ingresos hospitalarios de nenos e nenas por este virus se reduciron ata nun 90 % en Galicia.

Os datos da vixilancia epidemiolóxica amosan que o virus VRS circulou nesta tempada a niveis similares da tempada anterior e que o impacto da inmunización dos lactantes fronte ao VRS está a ser moi positivo, dado que na poboación vacinada os valores das taxas de hospitalización son moito menores en comparación coa tempada anterior e en comparación con outros grupos de idade non vacinados. Hai que ter en conta que unha das particularidades deste virus é que non só afecta os nenos de risco senón que a maioría das hospitalizacións por VRS ocorren en lactantes sans.

R., 2024-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o sábado 8 de xuño nos exteriores do complexo e nesta ocasión contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade lúdico festiva contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes durante a mañá. A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa.

Notas

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
Baixo o título Love Velo, ata finais de maio pode visitarse na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense unha exposición biográfica arredor da figura de Xosé Velo, que a principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María para denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. Xosé Velo Mosquera, explícase na exposición, naceu en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES