Notas de prensa

Unha investigación sitúa en 1786 a primeira muiñeira con notación musical, da autoría de Melchor López

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.

Alonso, que comezou a traballar no aspecto máis humano e social da música da man do antropólogo Marcial Gondar, concluíu a súa tese baixo a dirección da tamén antropóloga Nieves Herrero. Nas súas pescudas confirmou que a evolución política do provincialismo e do rexionalismo, como antecedentes do nacionalismo no século XIX, levou a unha busca de elementos que conformasen a identidade galega e á formación dun canon da música galega que se basea “nunha escolla, na recuperación da música tradicional, folclórica”. É nese momento cando a muiñeira é considerada como un símbolo de Galicia.

O seu antecedente directo era “un baile chamado gaita galega”, que non se interpretaba necesariamente co instrumento do mesmo nome, e que “desde o século XVII circulaba pola Península Ibérica”. Alonso lembra que no século XVII son coñecidas e interpretadas “pezas populares coma as jácaras, as chaconas ou os canarios” e é a partir desa época cando os bailes cortesáns incorporan bailes populares coma eses, no caso de Galicia as pezas chamadas gaitas, que aparecen nos libros de composicións para guitarra, a cal era “o instrumento máis popular” e que se tocaba “mesmo nas barberías”.

A popularidade da composición denominada galega fai que se incorpore tamén ás pezas teatrais, de xeito que "cando saía o personaxe galego soaba a gaita, interpretada con guitarra” e o público sabía que estaba a ver un personaxe de orixe galega, “frecuentemente un personaxe cómico, que cando sae á escena crea confusión”. No ámbito relixioso a gaita galega “entra nos vilancicos, un xénero que non era só para o Nadal, tamén para as festas”, aínda que neste caso o carácter cambia: “o personaxe galego pasa a ser honesto e honrado, por exemplo un pastor humilde, traballador e esforzado”.

A referencia máis antiga á muiñeira aparece “nun texto de 1745 de frei Martín Sarmiento”, quen por certo compara os movementos deste baile cos que fan as galiñas e os galos, especialmente “os saltos que fan os galos”; a primeira destas composicións que puido atopar con notación musical Julio Alonso está datada no Nadal de 1786 e asínaa “o mestre de capela da Catedral compostelá Melchor López”.

Desta maneira, López actúa de mediador para incorporala á música culta. A partir da publicación da ‘Historia de Galicia’ de José Verea e Aguiar en 1838 xorde “o discurso que consolida a muiñeira como paradigma e referente identitario para Galicia”, apunta Alonso. Mesmo Manuel Martínez Murguía na súa ‘Historia de Galicia’ publicará as primeiras transcricións con notación musical de música popular galega, que lle enviou o tamén escritor estradense Marcial Valladares Núñez, quen contaba cunha ampla formación musical.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES