Noticias

Os premios Eduemprende idea 2023 recoñecen o traballo de seis institutos e centros de FP

Un total de seis institutos e centros integrados de FP veñen de alzarse cos premios do concurso Eduemprende Idea 2023, un certame impulsado polas Consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidade e de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de incentivar a realización de proxectos empresariais entre o alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño. As persoas participantes debían presentar ideas de negocio orixinais que puideran dar lugar ao desenvolvemento de novas empresas, promovendo, deste xeito, a cultura emprendedora entre o alumnado galego.

Os seis proxectos premiados, tres na modalidade de ciclos de grao medio e tres na modalidade de ciclos de grao superior, recibirán un total de 12.000 euros a razón de 3.000€ para o 1º premio, 2.000€ para o 2º e 1.000€ para o 3º.

Así mesmo, os gañadores poderán incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Educación e recibir asesoramento técnico a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

As ideas gañadoras abarcan unha ampla gama de temáticas, desde a arte urbana e a sustentabilidade ambiental ata a inclusión e a moda personalizada, demostrando a capacidade de xerar solucións innovadoras para satisfacer as necesidades e desexos da sociedade contemporánea. O seu enfoque na inclusión, a sustentabilidade e a experiencia do cliente marca un estándar elevado para a innovación empresarial cun impacto positivo na sociedade.

Proxectos da modalidade de ciclos superiores

A proposta Street Art Galicia, do Instituto IES Rosalía Mera (A Coruña), que se alzou co primeiro premio na modalidade de ciclos superiores, busca converterse nunha plataforma de referencia para a arte urbana galego, ofrecendo un catálogo dixital e físico de obras, entrevistas con artistas e actividades relacionadas.

O segundo premio desta modalidade foi para o Centro Integrado de FP Politécnico, de Santiago de Compostela con Mam Madeira, un proxecto de carpintería sostible, utilizando principalmente madeira reciclada para crear produtos únicos que contribúan á creación de espazos acolledores.

O terceiro premio, Miña Creativa do Centro Integrado de FP Montecelo de Pontevedra, céntrase no deseño gráfico e a xestión web cun forte compromiso coa inclusión, ofrecendo medidas para garantir a accesibilidade dos contidos en liña para persoas con diversas condicións.

Proxectos da modalidade de ciclos de grao medio

Na modalidade de ciclos de grao medio, o primeiro premio recaeu no Centro Integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa) coa proposta Green Paws, que aborda o benestar animal e a sustentabilidade mediante a construción de casetas para animais rueiros utilizando materiais reciclados e unha aplicación para localizar e rexistrar a estes animais.

O segundo premio foi para o Instituto IES A Pinguela (Monforte de Lemos) con StyleClo, unha aplicación móbil de moda que permite aos usuarios crear combinacións de roupa de maneira rápida e sinxela, con suxestións personalizadas baseadas no clima, a ocasión e as preferencias individuais.

Por último, o terceiro premio desta modalidade recaeu no Centro Integrado de FP Compostela con Laetus, que aspira a converterse nunha cadea de gastrobares de luxo en Santiago de Compostela, fusionando a tradición culinaria galega con influencias de América e Asia para ofrecer unha experiencia gastronómica única

R., 2024-03-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o sábado 8 de xuño nos exteriores do complexo e nesta ocasión contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade lúdico festiva contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes durante a mañá. A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa.

Notas

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
Baixo o título Love Velo, ata finais de maio pode visitarse na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense unha exposición biográfica arredor da figura de Xosé Velo, que a principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María para denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. Xosé Velo Mosquera, explícase na exposición, naceu en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES