Noticias

Os universitarios galegos realizan 2.234 doazóns de sangue durante a primeira fase da campaña universitaria da ADOS

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), amosa o seu agradecemento a toda a comunidade universitaria, pola súa participación na primeira fase da campaña de doazón nos sete campus galegos, e que supuxo acadar unha cifra de 2.234 doazóns, das cales 800 (un 35,8 %) correspondían a persoas que doaban por vez primeira. ADOS comeza o 27 de febreiro a segunda fase da campaña universitaria de doazón de sangue, que se prolongará ata o vindeiro mes de abril, marcándose como obxectivo o fomento da doazón na comunidade universitaria, así como renovar a base de doantes e superar as 4.453 doazóns recollidas no pasado curso.

Primeira doazón

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra a importancia que ten o desenvolvemento das campañas de doazón no eido da educación, tanto en centros educativos non universitarios como universitarios, xa que, para moitos rapaces e rapazas, é o primeiro contacto que teñen co solidario xesto da doazón de sangue.

Doazón de medula ósea

Esta iniciativa, que se prolongará ata o vindeiro mes de abril, é posible grazas á colaboración que brindan os reitores das tres universidades, así como os decanos e directores de todos os centros educativos, membros da comunidade universitaria (PAS, alumnos e alumnas...)

Nas xornadas previas ao desenvolvemento de cada campaña, impartiranse charlas didácticas e distribuirase material informativo cos requisitos precisos para doar, e a data e lugares onde poder participar.

Ademais, ao longo desta segunda fase vaise a levar a cabo unha intensa campaña de información, sensibilización e de captación de doantes de proxenitores hematopoéticos, tamén coñecidos como medula ósea, en centros docentes universitarios e non universitarios, comezando na Facultade de Enfermería da USC, en Santiago de Compostela.

ADOS reitera o agradecemento a todos os membros da comunidade universitaria pola súa colaboración, ao tempo que tamén agradece o seu compromiso co labor educativo e de sensibilización que se levan a cabo nas universidades. Neste sentido, lembrar que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue colabora coas universidades noutras iniciativas, como a realización de visitas formativas por parte dos centros universitarios ata os laboratorios de ADOS, colaboración con distintos colectivos e asociacións universitarias, ou a realización de proxectos de aprendizaxe e servizo levados a cabo con distintas facultades.

R., 2024-02-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o sábado 8 de xuño nos exteriores do complexo e nesta ocasión contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade lúdico festiva contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes durante a mañá. A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa.

Notas

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
Baixo o título Love Velo, ata finais de maio pode visitarse na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense unha exposición biográfica arredor da figura de Xosé Velo, que a principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María para denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. Xosé Velo Mosquera, explícase na exposición, naceu en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES