Noticias

Galicia participará no proxecto europeo AgrifoodTEF para incorporar intelixencia artificial e tecnoloxía robótica ao sector agroalimentario

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria participará no proxecto europeo AgrifoodTEF (Testing and Experimenting Facilities), que ten como fin a incorporación da intelixencia artificial e tecnoloxías robóticas ao sector agroalimentario e forestal. A Axencia forma parte dunha iniciativa que, en total, mobilizará 60 millóns de euros nos próximos catro anos. Este orzamento está repartido entre nove Estados membro da UE (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Suecia) con 30 entidades participantes.

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo -que pertence á Axencia- integrarase no núcleo da parte galega dun proxecto orientado ao ámbito da produción láctea, con especial atención á alimentación de precisión e á mitigación dos gases de efecto invernadoiro. Neste sentido, a Axencia contará con 888.100 euros para desenvolver a iniciativa. O 50% desta cantidade procede da Unión Europea; mentres que a metade restante está cofinanciada polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación.

Esta iniciativa, na que tamén participa a empresa de tecnoloxía Gradiant e colabora o centro galego de innovación dixital DIH Datalife, busca acelerar a transformación dixital e favorecer a competitividade de pequenas e medianas empresas que conforman o sector agroalimentario.

O proxecto AgrifoodTEF

A iniciativa comezou no ano 2023, logo de que a Comisión Europea fixera unha convocatoria para apoiar unha única rede paneuropea de espazos controlados de probas de intelixencia artificial para o sector agroalimentario e dende este ano conta coa participación galega a través do nodo español. Cabe sinalar que os proxectos tipo TEF están enmarcados no Programa de Traballo 2021-2022 do Programa Europa Dixital (DEP). En España -a parte de Galicia-, tamén participan as comunidades autónomas de Andalucía e Cataluña.

R., 2024-01-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.
Foto de la tercera plana (tomas-barros-pardo.jpg) De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.

Notas

Desde este xoves a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a exposición De pictura, con obras do artista Juan Carlos Meana (Vitoria-Gasteiz, 1964-Pontevedra, 2023) e comisariada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Buxán. A mostra, que pon o foco na faciana máis pictórica do homenaxeado, enmárcase no ciclo expositivo Reciprocidade, coordinado por Javier Blanco Sierra, e será a que peche a programación desta sala do curso académico 2023/2024.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou na facultade de Filoloxía o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo propio ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte dos consorcios europeos de investigación CLARIN -tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -ensino e investigación no ámbito das humanidades dixitais-.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES