Noticias

Gaiás festexa as Letras Galegas cun abano de propostas que inclúen desde teatro a exposicións, actividades escolares ou unha lectura compartida

A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.

O alumnado, de primeiro curso da ESO, realizará unha escolma de poemas previa ao encontro, para intercambiala entre os dous centros e posteriormente realizar unha posta en común na Cidade da Cultura. O encontro estará animado e moderado pola autora Nuria Vil, que desde 2016 forma parte do espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro, da plataforma de crítica literaria A Sega e, recentemente, do proxecto multidisciplinar Indóciles, no que achega ao público a obra de Luísa Villalta xunto a Vero Rilo e Mónica de Nut —que tamén conta cunha función no Gaiás este 25 de maio—.

Ademais, a Cidade da Cultura convida a todas as persoas que o sábado 11 visiten o complexo a prestar as súas voces para darlle vida aos versos de Luísa Villalta. Nesta lectura compartida, que será gravada en vídeo e difundida pola rede, poderán ler un dos textos da escolma realizada pola tamén poeta e profesora Oriana Méndez (Vigo, 1984), que abrangue vinte poemas dos catro títulos que Villalta dispuxo en vida para a súa publicación: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004).

Actividades na Biblioteca de Galicia

Á celebración do Día das Letras Galegas no Gaiás súmase tamén a Biblioteca de Galicia con tres propostas para públicos de todas as idades. Así, o sábado 11 de maio, a cativada e as súas familias poderán gozar da representación teatral Isaura e Tristán. Contastorias , unha enxeñosa peza de monicreques de Fantoches Baj baseada na da novela de Luísa Villalta As chaves do tempo.

Precisamente dúas semanas despois, o sábado 25 de maio, será a quenda do público adulto coa representación de Indóciles, un espectáculo a tres mans no que Vero Rilo, narradora, Nuria Vil, recitadora, e Mónica de Nut, música, nos mergullan no legado literario provocador e rebelde que nos deixou Luísa Villalta.

Por último, todas as persoas que ata setembro visiten a Biblioteca de Galicia, terán a oportunidade de achegarse aos fondos bibliográficos que conserva relativos á escritora homenaxeada este ano, e que se exhibirán na mostra Luisa Villalta, a memoria dos sons.

Todas as actividades son de balde, aínda que para os dous espectáculos teatrais é preciso reservar praza previamente na web da Cidade da Cultura de Galicia.

R., 2020-04-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, o que supón un incremento de case un 3% respecto ao ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo conxunto desenvolvido nos últimos anos pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. Segundo os datos correspondentes ao ano 2023, en Galicia recuperáronse un total de 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de latas e outros envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Creada co obxectivo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtametraxes para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na Facultade de Comunicación. As curtas dos estudantes de Comunicación Audiovisual Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
O proxecto Caxato (‘Camiño de Santiago: camiño de intercambio e de aprendizaxe cultural europea’) pretende que persoas maiores de 50 anos sexan protagonistas da súa propia experiencia formativa, potenciando a adquisición de competencias culturais e artísticas, sociais (soft skills), dixitais e de sustentabilidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES