Noticias

Galicia propón un total de 117 areais para optar á Bandeira Azul 2023

Galicia propuxo un total de 117 areais para optar á Bandeira Azul 2023, o que supón 2 novas candidaturas con respecto ás presentadas na edición do pasado ano 2022, tal e como salientou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, logo de participar na reunión do xurado nacional que concede estes distintivos. Do Campo incidiu en que a Comunidade galega, coas 117 propostas —38 da Coruña, 19 de Lugo e 60 de Pontevedra—, é a terceira autonomía que máis opcións presentou, por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía. Os areais candidatos de Galicia foron avaliados xunto cos de Madrid, País Vasco, Cantabria, Asturias e Estremadura.

Nese sentido, a representante da Xunta desexou que o esforzo realizado por 34 concellos —14 da provincia da Coruña, 8 de Lugo e 12 de Pontevedra—, un máis que o pasado ano 2022, se vexa recompensado cun distintivo para o 100% das candidaturas, sobre todo porque as administracións locais dedican importantes recursos para que os seus areais gocen de boa calidade das augas —que ten que ser excelente—, seguridade, servizos, e accesibilidade; así como para unha atinada xestión ambiental.

O fallo do xurado, que valorará que os areais sexan lugares seguros e accesibles para todas as persoas, darase a coñecer a mediados do mes de maio, tal e como lles trasladou o presidente da Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), José Palacios.

Asemade, este encontro foi unha oportunidade para abordar a necesidade de aumentar a resiliencia das zonas litorais, sobre todo das dunas e das pradarías submarinas, xa que actúan como axentes protectores naturais das praias ante os temporais e, polo tanto, son imprescindibles para mitigar os efectos do cambio climático.

R., 2023-02-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.
Foto de la tercera plana (tomas-barros-pardo.jpg) De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.

Notas

Desde este xoves a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a exposición De pictura, con obras do artista Juan Carlos Meana (Vitoria-Gasteiz, 1964-Pontevedra, 2023) e comisariada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Buxán. A mostra, que pon o foco na faciana máis pictórica do homenaxeado, enmárcase no ciclo expositivo Reciprocidade, coordinado por Javier Blanco Sierra, e será a que peche a programación desta sala do curso académico 2023/2024.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou na facultade de Filoloxía o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo propio ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte dos consorcios europeos de investigación CLARIN -tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -ensino e investigación no ámbito das humanidades dixitais-.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES