Noticias

A iniciativa europea Vida Permanente potencia o voluntariado ambiental a través en 17 espazos naturais de Galicia

A Xunta de Galicia está a impulsar un proxecto europeo de voluntariado ambiental que se desenvolve en espazos naturais protexidos da Comunidade. Trátase da iniciativa Vida Permanente con Voluntarios – Life Evergreen with Volunteer’ (LEWO), aprobado ao abeiro do programa LIFE 2016 da Comisión Europea. O obxectivo de LEWO é potenciar o patrimonio natural de Galicia a través dun grupo de xuventude voluntaria formado por 300 mozos e mozas galegos entre os 18 e os 30 anos de idade inscritos no Corpo Europeo de Solidariedade.

Ata xuño de 2019 e en varios fluxos, estes voluntarios realizarán diferentes actividades de protección, sensibilización e mantemento de 17 espazos imán de Galicia: o Parque Nacional das Illas Atlánticas, os seis parques naturais da comunidade, o monumento natural da praia das Catedrais, espazos da Rede Natura 2000, as Reservas da Biosfera coas que conta a comunidade e O Courel. Prevese unha reserva dun 10% das prazas para xente nova con diversidade funcional.

En concreto, os participantes neste proxecto levarán a cabo actividade de limpeza, sinalización, catalogación de flora e fauna, loita contra especies exóticas prexudiciais para os hábitats, así como obradoiros didácticos e de sensibilización ou actividades de ocio educativo. Os voluntarios e voluntarias realizarán as súas accións durante 105 días, dos cales os sete primeiros serán de formación cunha xornada en Santiago e seis xornadas prácticas nos propios espazos de actuación. Os participantes contarán cunha axuda de 4 euros ao día e axuda para os gastos de desprazamento. Asemade, o proxecto tamén procura a concienciación en centros educativos e familias dos ámbitos territoriais en que se emprazan os espazos naturais obxecto da intervención.

A iniciativa conta cun orzamento de 800.162 euros, do que a Consellería de Política Social contribúe cun 33% (267.735 euros) e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio cun 7% (53.750 euros). Ademais, a Consellería de Medio Rural participará no proxecto a través da formación dos mozos e mozas que se impliquen como voluntarios. Cómpre salientar que ao abeiro do programa LIFE 2016 da Comisión Europea soamente resultaron aprobados tres proxectos, dous en España e o outro en Italia. Ademais, no caso de Galicia dáse a circunstancia de que se trata de unha iniciativa impulsada desde a propia administración, e non desde entidades do sector que é o máis habitual.

Os interesados en participar poden atopar máis información e inscribirse como voluntarios na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Esta iniciativa permite que Galicia continúe situada á vangarda en materia de voluntariado, segundo o informe do Observatorio da Plataforma do Voluntariado de España. De feito, Galicia é a Comunidade Autónoma máis participativa no conxunto do estado.

Ámbitos de intervención

Os espazos naturais que serán obxecto deste innovador proxecto son o Parque Nacional das Illas Atlántica e os seis Parques Naturais de Galicia: as Fragas do Eume, o complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Vixán e Carregal, o monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro e a serra de Enciña da Lastra.

Así mesmo, os voluntarios realizarán actuacións de preservación e coidado no monumento natural da praia das Catedrais; e en dous espazos da Rede Natura 2000: Carnota-Monte Pindo e Ribeira Sacra, e canóns do Sil.

Tamén hai contempladas intervencións nas seis Reservas da Biosfera de Galicia: Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá; río Eo, Oscos e Terras de Burón; área de Allariz; as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Terras do Miño e a tranfronteiriza do Xurés-Gerês. E unha última zona obxecto desta iniciativa é O Courel.

R., 2018-10-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o 8 de xuño nos exteriores do complexo e contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes. O obxectivo é gozar coa práctica deportiva nun enclave como é Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia.

Notas

A mostra presentase en paneis explicativos, documentos e material inédito, xunto con exemplares de revistas orixinais. O director mostra, en cinco etapas, a historia de tan senlleira publicación. No ano 1956 a revista pasa a ter a súa sede editorial na cidade de Lugo, parece ser que nun dos chalés das chamadas 'Casas Baratas' e alí permanecerá ate o ano 1962.
A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES