Notas de prensa

Presentado o libro Made in Galiza, de Séchu Sende

A Feira do Libro de Vigo acolleu o acto de presentación desta obra na que se trata a lingua como o produto máis rico e elaborado de Galicia, como creación e espazo de comunicación común.

Con espírito rebelde e unha imaxinación literaria rebordante, Séchu Sende entra a cachón no tema da lingua no seu novo libro, titulado Made in Galiza. A lingua como o produto máis rico e mellor elaborado da Galiza, a lingua como creación, non como corsé, a lingua como espazo de comunicación no que todos interveñen e todas teñen algo que dicir. Este libro de relatos, escrito desde a máis absoluta falta de prexuízos, revira as situacións, dálle a volta aos problemas e encara a situación da lingua galega coa liberdade que lle outorga o humor e un pulo narrativo extraordinariamente orixinal.

Logo de Orixe, a súa primeira novela e Premio Blanco Amor 2003, Séchu Sende volve sorprender cun libro de relatos que interioriza e fai súa a situación do galego como lingua en permanente conflito. Historias orixinais, que non se deteñen ante os tópicos lingüísticos e literarios, que lles dan a volta, que os reviran, para facer das supostas debilidades as grandezas e a forza dun proxecto literario que quere intervir na realidade, que se compromete e esixe que o lector se comprometa pero que o fai coas armas do humor, a imaxinación e a literatura viva, directa, concibida como liberdade das lectoras, dos lectores, e do escritor.

A narración como espazo lúdico, o xogo como transgresión e método para implicarse na realidade. Séchu Sende refuga a literatura como escape, todo o contrario, volve a ela desde a liberdade para propoñer cambiar a realidade. Contraditorio, inocente, emocionante, creativo, rebelde: un libro Made in Galiza.

SÉCHU SENDE (Padrón, 1972) é profesor de ensino secundario. Participou nos anos 90 no colectivo poético Serán Vencello e formou parte da asemblea editorial Letras de Cal. Publicou un libro de poemas, Odiseas (1998), e textos en diversas antoloxías poéticas, revistas literarias e prensa. En 2003 obtivo o Premio Blanco Amor de novela con Orixe (2ª edición, 2004). Como sociolingüista, participa na Cooperativa Tagen Ata, lingua e comunicación. Tamén colabora no movemento Burla Negra e na Coordenadora de Ensinantes Area Negra.

Editorial Galaxia, 2007-07-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.
Foto de la tercera plana (tomas-barros-pardo.jpg) De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.

Notas

Desde este xoves a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a exposición De pictura, con obras do artista Juan Carlos Meana (Vitoria-Gasteiz, 1964-Pontevedra, 2023) e comisariada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Buxán. A mostra, que pon o foco na faciana máis pictórica do homenaxeado, enmárcase no ciclo expositivo Reciprocidade, coordinado por Javier Blanco Sierra, e será a que peche a programación desta sala do curso académico 2023/2024.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou na facultade de Filoloxía o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo propio ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte dos consorcios europeos de investigación CLARIN -tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -ensino e investigación no ámbito das humanidades dixitais-.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES