Notas de prensa

O Campus Terra crea novos materiais sostibles e biodegradables para uso alimentario

Persoal investigador da Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC desenvolve novos materiais sostibles e biodegradables para uso alimentario a base de quitosano que se antollan como alternativas respectuosas co medio ambiente aos actuais separadores dos liscos de queixo ou dos envoltorios plásticos das porcións de manteiga.

A creación e caracterización destas películas, tal e como se denominan estes materiais ou compostos aptos para industria alimentaria, centra a tese de doutoramento desenvolvida pola graduada en Nutrición Humana e Dietética María Flórez Mora baixo a dirección de Manuel Vázquez Vázquez e Patricia Cazón, que se vén de presentar na Facultade de Veterinaria de Lugo baixo o título ‘Desenvolvemento de películas compostas respectuosas co medio ambiente a base de quitosano’.

Alén da creación destes novo tipo de envoltorios alimentarios, a autora desta investigación, presentada en formato de compendio de publicacións e que deu pé a cinco artigos recollidos en revistas de impacto internacional, enriqueceu tamén os compostos obtidos con diversos extractos naturais que os converten en envases activos con capacidade antioxidante. Na súa tese de doutoramento, a asturiana María Flórez Mora, afonda asemade nas posibilidades da economía circular, dado que propón solucións para aproveitar os residuos de crustáceos e mariscos, que son os que conteñen o quitosano, para elaborar produtos sostibles e aptos para a industria alimentaria.

Daquela, nun primeiro momento, Flórez Mora estudou o proceso de extracción de compostos activos da folla das ortigas, para logo avaliar técnicas, disolventes e tempos de extracción, a fin de optimizar a capacidade antioxidante do extracto desta planta e tamén para contrastar que o extracto acuoso das follas de ortiga constitúe un importante antioxidante natural. A partir destes resultados preliminares e logo da aplicación de modelos matemáticos, a nova doutora determinou que as condicións idóneas para a obtención do extracto de ortiga con maior capacidade antioxidante requiren de tratamento por ultrasón e uso de auga como disolvente durante un período de 3 horas.

O seguinte proceso recollido na investigación consiste na adición do extracto acuoso de ortiga en disolucións de quitosano, a fin de crear unha película activa, da que ademais caracterizou parámetros relativos ao seu nivel de solubilidade, humidade de equilibrio, permeabilidade ao vapor de auga, propiedades espectrais, antioxidantes e microestrutura.
O extracto de ortiga mostrou un efecto significativo nas propiedades analizadas, obtendo unha película con gran capacidade antioxidante, cuxo uso se testou como separador activo de liscos de queixo tipo Havarti ao longo de 45 días. A partir das análises de capacidade antioxidante e de oxidación lipídica realizados no alimento, determinouse que a película permitiu reducir un 56% a oxidación lipídica do queixo.

Outro dos experimentos realizados e recollidos por Flórez Mora na súa tese responde á obtención dun extracto acuoso da alga kelp de azucre, do que tamén se analizaría a súa capacidade antioxidante, para logo engadir, en diversas concentracións, como ingrediente activo á película de quitosano. A súa posterior aplicación como separador de liscos de queixo tipo Havarti ao longo de 45 días de almacenamento deparou unha diminución da oxidación lipídica do queixo nun 52,8%, ademais de manter a capacidade antioxidante das películas ao longo do estudo.

A adición aceite esencial de sándalo Santalum album en diversas concentracións á matriz de quitosano centrou o último ensaio compilado na tese de Flórez Mora, que tamén recolle a caracterización da película xerada. Este novo material aplicouse logo como envasado de manteiga para analizar a capacidade de retardar a oxidación lipídica. Tras 3 meses de almacenamento, observouse unha diminución do 36 % na oxidación das graxas da manteiga. Ademais, as películas ao ser realizadas con ácido málico son termo-selables e totalmente solubles en auga, polo que se retiran facilmente do alimento sen xerar residuos sólidos.

Tribunal de tese e cualificación

A profesora da Universidade de Vigo Ana Belén Moldes Menduiña presidiu o tribunal da tese, un comité do que tamén formaron prate a catedrátcia da USC, Ángeles Romero, en calidade de secretaria, e Rita Couto Pinheiro, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo (Portugal). O tribunal acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude a María Flórez Mora, unha nova doutora que obtivo a mención internacional logo de ter completadas estadías en centros de investigación estranxeiros, tal e como son o International Iberian Nanotechnology Laboratory (Portugal) e a Warsaw University of Life Sciences (Polonia).

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.
Foto de la tercera plana (tomas-barros-pardo.jpg) De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.

Notas

Desde este xoves a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a exposición De pictura, con obras do artista Juan Carlos Meana (Vitoria-Gasteiz, 1964-Pontevedra, 2023) e comisariada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Buxán. A mostra, que pon o foco na faciana máis pictórica do homenaxeado, enmárcase no ciclo expositivo Reciprocidade, coordinado por Javier Blanco Sierra, e será a que peche a programación desta sala do curso académico 2023/2024.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou na facultade de Filoloxía o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo propio ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte dos consorcios europeos de investigación CLARIN -tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -ensino e investigación no ámbito das humanidades dixitais-.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES