Notas de prensa

Un proxecto pioneiro avalía en Lugo os efectos do exercicio físico con realidade virtual en pacientes con dano cerebral adquirido

Nos últimos anos, o grupo de investigación HealthyFit, integrado por investigadores das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia, analizou os beneficios de programas de exercicio físico levados a cabo con dispositivos de realidade virtual en diferentes colectivos, como poboación anciá ou persoas con párkinson.

Nun proxecto pioneiro, promovido pola Cruz Vermella de Lugo, o grupo buscará agora avaliar os efectos en pacientes con dano cerebral adquirido dun programa de “estimulación mutisensorial, que combina a actividade física e a cognitiva”, como explica José María Cancela, investigador principal do grupo.

Este “estudo piloto” levarase a cabo no Centro de Dano Cerebral da Cruz Vermella en Lugo e nel participarán pacientes que presentan “un conxunto de secuelas en múltiples áreas funcionais, provocadas por lesións cerebrais”, derivadas de ictus, traumatismos cranioencefálicos ou encefalopatías. “O que se quere facer é un programa específico de estimulación multisensorial, no cal realizan exercicio físico e, ao mesmo tempo, teñen que tomar decisións”, apunta Cancela, que incide en que se ben diferentes estudos teñen afondado nos efectos da actividade física nesta poboación, non existen traballos centrados nun programa que incorpore o uso duns lentes de “realidade virtual inmersiva”, combinados nestes caso co traballo cun “cicloergómetro intelixente”.

Efectos na capacidade funcional e na calidade de vida

O novidoso deste estudo fai que o primeiro obxectivo sexa o de estudar a utilizabilidade desta tecnoloxía para desenvolver unha intervención con esta poboación, para logo analizar os efectos dun “programa de terapia físico-cognitiva” nos eidos da “neurocognición, a calidade de vida e a súa capacidade funcional”. Cunha duración de 24 semanas, o proxecto arrancará nas próximas semanas cunhas sesións iniciais que buscan en primeiro termo que as e os participantes poidan familiarizarse cos cicloergómetros que van a empregar. Estes, como explica o investigador da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, permitirán levar a cabo, dun xeito seguro e asistíndolles no pedaleo de ser preciso, sesións de actividade física centradas nos seus membros inferiores ou superiores, dependendo do grao de afectación de persoas que poden presentar hemiplexía nalgunha das súas extremidades.

Unha vez familiarizados cos equipos, desenvolverase un programa de 21 semanas, con dúas ou tres sesións por semana, no que se empregarán unha serie de exergames, videoxogos que implican unha compoñente física, nuns lentes de realidade virtual. Estes permiten á súa vez combinar o traballo físico co cognitivo, xa que durante as sesións deberán ir respondendo unha serie de preguntas ou tomando decisións no marco do propio xogo. Xunto a unha avaliación intermedia, centrada na utilizabilidade e experiencia co dispositivo, as e os participantes realizarán ao inicio e ao final do programa unha serie de tests, dirixidos a coñecer unha posible evolución en aspectos neurocognitivos e funcionais, así como na súa calidade de vida.

Unha nova liña de traballo

Nestas semanas, os investigadores e os profesionais da Unidade de Atención a Pacientes con Dano Cerebral Adquirido da Cruz Vermella traballan na selección das e dos preto de 20 pacientes que tomarán parte nun proxecto que, como recoñece Cancela, “abre unha nova liña de traballo, que iniciamos evidentemente con moita cautela”, dada a ausencia de estudos previos. Non obstante, o investigador pon tamén o foco no potencial deste tipo de ferramentas á hora de integrar o exercicio físico no traballo con persoas “cunhas limitacións funcionais bastante elevadas”.

De feito, lembra, o traballo con este colectivo obriga a que cada participante conte no programa “cun programa específico de estimulación”, o que á súa vez lévao a pór de relevo tanto o interese dos responsables da Cruz Vermella en Lugo como a implicación dos diferentes terapeutas do Centro de Dano Cerebral. Estes, explica, serán os encargados de guiar as sesións de traballo, tras unha xornada de formación por parte do grupo de investigación, que, de xeito paralelo, encargarase de analizar os datos xerados polos dispositivos tras cada xornada de traballo.

Universidade de Vigo, 2024-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.
Foto de la tercera plana (tomas-barros-pardo.jpg) De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.

Notas

Desde este xoves a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a exposición De pictura, con obras do artista Juan Carlos Meana (Vitoria-Gasteiz, 1964-Pontevedra, 2023) e comisariada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Buxán. A mostra, que pon o foco na faciana máis pictórica do homenaxeado, enmárcase no ciclo expositivo Reciprocidade, coordinado por Javier Blanco Sierra, e será a que peche a programación desta sala do curso académico 2023/2024.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou na facultade de Filoloxía o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo propio ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte dos consorcios europeos de investigación CLARIN -tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -ensino e investigación no ámbito das humanidades dixitais-.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES