Notas de prensa

O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece durante toda a Semana Santa actividades e rutas guiadas abertas

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia organizará rutas e outras actividades de balde durante toda a Semana Santa para achegar os valores e a riqueza deste espazo natural a todo o público. Os arquipélagos de Cíes e de Ons se poderán visitar de xeito particular en transporte público ata o vindeiro domingo 4 de abril, un período no que a día de hoxe hai xa máis de 1.100 reservas confirmadas.

Do mesmo xeito, Sálvora e Cortegada tamén recibirán visitantes, que participarán en percorridos guiados e dirixidos por persoal debidamente acreditado das empresas que realizan estas viaxes.

Ao igual que en anos anteriores, o obxectivo do programa deseñado especificamente para as vacacións de Semana Santa é poñer á disposición dos visitantes todo un abano de recursos que lles axuden a coñecer mellor as illas a través de actividades que, dun xeito ameno, transmitan os valores polos que están protexidas.

Así, as persoas que decidan visitar o Parque Nacional nestas datas poderán apuntarse e satisfacer a súa curiosidade sobre a historia dos arquipélagos, as estratexias de supervivencia da vida natural, a riqueza mariña e a problemática dos plásticos mariños. As accións estarán desenvolvidas por guías do Parque Nacional e tamén haberá outro persoal despregado nas illas para atender e ofrecer información aos visitantes.

Todas as actividades serán de balde e, como único requisito, os interesados terán que anotarse o mesmo día da actividade nas casetas de información localizadas nas inmediacións dos peiraos de Cíes e de Ons. En todo caso, haberá límite de prazas debido á situación xerada pola covid e ás medidas preventivas establecidas, polo que en cada actividade só poderán participar un máximo de oito persoas, máis un guía, e manterase en todo momento a distancia de seguridade entre os asistentes.

Actividades para todos os públicos

Cada día ofrecerase unha serie de actividades abertas a todos os públicos e outras máis específicas dirixidas a un público infantil e familiar. Entre elas haberá rutas guiadas, os chamados Bocadiños de saber (breves encontros onde un guía explica durante 20 minutos unha curiosidade das illas), mesas expositivas do medio mariño e da contaminación por plásticos, e tamén contacontos de temática ambiental.

As rutas guiadas terán distintas temáticas: a Illa de paisaxes, visitando os miradoiros das illas e descubrindo a vida que se agocha nelas; a Ruta entre mareas, onde investigar como fai a vida mariña para aguantar estar fóra da auga durante a baixa mar; e Un pobo no mar e Unha viaxe do tempo, dúas rutas que desvelan a historia humana das illas.

Nos encontros Bocadiños de saber responderase ás preguntas máis frecuentes que adoitan facer os visitantes das Illas Atlánticas, como por que a auga está tan fría ou por que a area das praias é tan branca.

A mesa expositiva ao aire libre pretende mostrar a riqueza que teñen os fondos mariños do parque nacional, amosando as súas paisaxes submarinas, cunchas, algas e outros rastros, así como concienciar sobre a problemática ambiental asociada á contaminación provocada polos plásticos.

Por último, cómpre lembrar que para poder visitar as illas Cíes e Ons en transporte público no período de Semana Santa é preciso solicitar previamente unha autorización gratuíta da Xunta a través da web https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal.

Mentres, as persoas interesadas en viaxar nos próximos días ás illas de Sálvora e Cortegada, poderán facelo tamén coas empresas autorizadas e desde unha serie de portos que se poden consultar na páxina web do parque.

Parque Nacional das Illas Atlánticas, 2021-03-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (arte-multiple-uvigo.jpg) A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras. Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que o grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research), da UVigo, denomina 'gráfica de campo expandido', concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para 'conquistar o espazo'. Para afondar nestas ideas, o grupo promove o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira 'O múltiple que ocupa o espazo', con tres exposicións, conferencias e intervencións no espazo público.
Foto de la tercera plana (praias-05.jpg) Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor recoñece a areais de todo o mundo seleccionados en base a rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Notas

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, arrancaba esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia baixo o lema “Mellor, de Madeira” e prolongarase ata o venres. O seu obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual, inaugura este xoves 9 de maio a súa sétima edición cunha completa programación de actividades culturais e artísticas que achegarán ata o próximo 19 de maio á cidade da Coruña a figuras emerxentes e referentes das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+ do panorama galego, nacional e internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES