Notas de prensa

Investigan o impacto da COVID-19 no Camiño de Santiago

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións afondará no impacto que a pandemia da COVID-19 está a orixinar na ruta xacobea. A USC acaba de impulsar, ao abeiro da II Convocatoria de Proxectos de Investigación dous proxectos de investigación que se centrarán no influxo que a crise sanitaria está a ter na capacidade de carga turística do Camiño Francés, e no perfil do peregrino, pola outra. No marco desta convocatoria, tamén se creará a base de datos de recursos académicos, científicos e didácticos ‘Rede Xacobea’.

Roberto Bande Ramudo do grupo de Análise e Modelización Económica da USC lidera o proxecto titulado ‘O impacto da crise sanitaria da COVID-19 sobre a capacidade de carga turística do Camiño Francés’. As restricións que a chamada ‘Nova Normalidade’ impoñen sobre o distanciamento social e a capacidade nos diferentes establecementos de hostalería son susceptibles de xerar un impacto adicional importante na capacidade de acollida dos visitantes do Camiño. “Esta investigación propón cuantificar o efecto destas restricións sobre a capacidade de carga do Camiño Francés”, explica o investigador.

O traballo titulado ‘O impacto da COVID-19 no perfil do peregrino’ liderado por Dolores Riveiro García estudará o perfil dos que actualmente realizan o Camiño, mediante técnicas de clustering e a partir de datos obtidos nunha enquisa de motivacións, valoración e satisfacción que se realizará aos peregrinos. “A comparación dos resultados cos obtidos nun traballo anterior do noso grupo, no que se detectaron seis perfiles de peregrinos, permitiranos identificar os factores de maior impacto nos cambios observados nas actuais peregrinacións e realizar previsións de evolución futura”, explica a profesora da USC, Dolores Riveiro García. “Todo iso contribuirá a entender mellor as fortalezas do camiño, así como as dificultades e limitacións que presenta ante a actual situación, o cal permitirá preparar mellor o Camiño do próximo Ano Santo”, engade.

‘Rede Xacobea’

O proxecto de Paula Pita Galán propón o deseño, elaboración e publicación dunha Base de datos de Recursos Académicos, Científicos e Didácticos do Camiño de Santiago, que terá por nome ‘Rede Xacobea’. Esta base concíbese como unha ferramenta de investigación e ofrecerá unha relación actualizada dos investigadores vivos, institucións dedicadas ao estudo do mundo xacobeo, actividades académicas e revistas de temática xacobea ou sobre as peregrinacións.

“A finalidade desta base de datos é fomentar o contacto, traballo e adquisición de recursos científicos e didácticos para investigadores, centros de investigación e revistas de temática xacobea co propósito de facilitar a comunicación entre os axentes que de maneira independente están a desenvolver estudos xacobeos”, explica no seu proxecto Pita Galán.

Cada un dos proxectos recibirá un financiamento de 2.000 euros e deberá executarse entre o 1 de setembro e o 30 de novembro de 2020.

A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela foi creada no Consello de Goberno do 29 de xullo de 2016 grazas a un convenio de colaboración firmado entre a USC, a Axencia de Turismo de Galicia-Xacobeo 2021 e a Catedral de Santiago para fomentar no ámbito académico o estudo do Camiño de Santiago.

Universidade de Santiago de Compostela, 2020-08-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.
Foto de la tercera plana (tomas-barros-pardo.jpg) De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.

Notas

Desde este xoves a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a exposición De pictura, con obras do artista Juan Carlos Meana (Vitoria-Gasteiz, 1964-Pontevedra, 2023) e comisariada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Buxán. A mostra, que pon o foco na faciana máis pictórica do homenaxeado, enmárcase no ciclo expositivo Reciprocidade, coordinado por Javier Blanco Sierra, e será a que peche a programación desta sala do curso académico 2023/2024.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou na facultade de Filoloxía o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo propio ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte dos consorcios europeos de investigación CLARIN -tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -ensino e investigación no ámbito das humanidades dixitais-.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES