Notas de prensa

A proba ciclista 'Challenge los 4 días de Ourense' une termalismo, deporte e turismo

Deporte, termalismo e turismo, son os elementos principais que conforman a proba ciclista "Challenge los 4 días de Ourense", unha iniciativa que se celebrará entre os días 18 ao 21 de abril no concello de Baños de Molgas, organizada pola Deputación de Ourense –por medio do Inorde- e a Fundación ADO Moure para difundir os valores da práctica deportiva en todas as idades. As catro etapas do "Challenge los 4 días de Ourense" terán como punto de saída e chegada Baños de Molgas.

Con percorridos que van dos 69 aos 80 quilómetros, a proba conta con etapas de diferentes dificultades, "sendo o máis importante que se trata dun evento deportivo para todos, que contribúe a difundir a riqueza termal, paisaxística e natural da provincia, motivo polo cal a Deputación de Ourense apoia esta iniciativa que destaca os valores de saúde, sacrificio e convivencia que tan ben definen ao deporte", dixo Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, na presentación que tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial.

Neste sentido, o presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure, agradeceu a colaboración das diferentes institucións e empresas e dixo que o obxectivo desta proba "é que a xente coñeza a fermosa contorna de Baños de Molgas e os demais concellos limítrofes gozando da natureza e da bicicleta". Tamén, o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias, remarcou que este evento "ten un carácter especial, polo que supón de compartir en familia unha actividade deportiva que achega dinamismo ao noso municipio".

O xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez lembrou que o proxecto "Estacións", co que supuxo de recuperación para as antigas estacións de ferrocarril como a de Baños de Molgas "contribuíu a impulsar o territorio", e destacou ao turismo deportivo como "unha das grandes apostas de máis éxito da Deputación de Ourense".

Carlos Barbosa, subdirector xeral de "La Región", grupo empresarial que colabora co evento, expresou o agradecemento á Fundación ADO Moure e á Deputación de Ourense, subliñando "a alianza de colaboración que fai posible o desenvolvemento de actividades como esta", que La Región apoia por medio dos seus soportes de comunicación, entre os que citou o suplemento +Deporte, comentando tamén o labor que ADO Moure fai a prol da seguridade viaria dos ciclistas.

As catro etapas do "Challenge los 4 días de Ourense" terán como punto de saída e chegada Baños de Molgas e percorrerán, ademais, os concellos de Maceda, Vilar de Barrio, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Taboadela e Ourense.

Deputación de Ourense, 2019-04-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais —para público adulto e público familiar—. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.
Foto de la tercera plana (tomas-barros-pardo.jpg) De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.

Notas

Desde este xoves a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a exposición De pictura, con obras do artista Juan Carlos Meana (Vitoria-Gasteiz, 1964-Pontevedra, 2023) e comisariada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé Manuel Buxán. A mostra, que pon o foco na faciana máis pictórica do homenaxeado, enmárcase no ciclo expositivo Reciprocidade, coordinado por Javier Blanco Sierra, e será a que peche a programación desta sala do curso académico 2023/2024.
O Instituto da Lingua Galega (ILG) presentou na facultade de Filoloxía o nodo galego da rede CLARIAH-ES, conformado polo propio ILG e polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). CLARIAH-ES é unha infraestrutura dixital de investigación distribuída que forma parte dos consorcios europeos de investigación CLARIN -tratamento da linguaxe no eido da informática- e DARIAH -ensino e investigación no ámbito das humanidades dixitais-.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES