Notas de prensa

Pontevedra acollerá o acto central do Día das Letras Galegas 2018 dedicado a María Victoria Moreno Márquez

"Pontevedra será a capital da cultura e das letras galegas durante todo o ano", salientou tras o encontro o presidente da RAG. Víctor F. Freixanes agradeceu a receptividade atopada na cidade de cara á celebración do 17 de maio de 2018 e recoñeceu que a implicación das administracións que están máis preto da cidadanía é "garantía de éxito".

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade, e Carmen Fouces, concelleira de Cultura, recibiron á executiva da Real Academia Galega para establecer o primeiro marco das conmemoracións, que se centrarán no acto académico que terá lugar no Teatro Principal o 17 de maio e en actividades diversas arredor da literatura infantil e xuvenil, o mundo dos lectores novos, onde a homenaxeada destacou de xeito sobranceiro. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores subliñou que Pontevedra está "encantada" de acoller o acto central do Día das Letras Galegas e avanzou que participará na organización de eventos ao longo de todo o ano nos que se recordará o legado de María Victoria Moreno. Entre os eventos previstos, o rexedor destacou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, no que a escritora sempre participaba. Na edición de 2018 a súa temática será "Mulleres de conto" e servirá, engádese desde o Concello de Pontevedra, como porta de entrada ao grande acto institucional do 17 de maio.

Por parte da RAG, xunto ao presidente tamén acudiron á xuntanza o secretario, Henrique Monteagudo, e a tesoureira, Marilar Aleixandre, esta última autora de obras significativas no xénero da literatura infantil e xuvenil (LIX). "María Victoria é unha pontevedresa máis", subliñou a académica, que xunto coa tamén membro da RAG Fina Casalderrey prepara unha biografía de María Victoria Moreno. "Naceu en Estremadura por un casual, viviu en distintas cidades de España e de Galicia, pero onde máis desenvolveu as súas actividades como docente e como escritora, activista da lingua e da cultura nosa, foi na cidade de Pontevedra, á que dedicou algúns textos moi sentidos e fermosos", expresou Marilar Aleixandre.

Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da RAG insistiron de igual xeito nos valores creativos e docentes da escritora e, a maiores, no feito de ser unha muller, porque "María Victoria encarna unha realidade obxectiva: a presenza cada vez máis relevante das mulleres na vida cultural e social galega", valorou o alcalde. Nesta mesma liña, Víctor F. Freixanes fixo referencia ás últimas incorporacións de académicas á RAG e á presenza da mulleres no equipo directivo da institución. "No ámbito específico das letras, a irrupción da muller na literatura das últimas décadas é un dos feitos máis felices e sobresaíntes", declarou.

O ano 2018 será o Ano María Victoria Moreno, escritora, ensinante, activista a prol da lingua e a cultura nosa mesmo sen ter nacido na terra, por decisión e convicción, ademais dun recoñecemento á presenza feminina no mundo cultural e literario dos últimos tempos. E Pontevedra será nos próximos doce meses a capital das letras.

Real Academia Galega (RAG), 2017-12-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o 8 de xuño nos exteriores do complexo e contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes. O obxectivo é gozar coa práctica deportiva nun enclave como é Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia.

Notas

A mostra presentase en paneis explicativos, documentos e material inédito, xunto con exemplares de revistas orixinais. O director mostra, en cinco etapas, a historia de tan senlleira publicación. No ano 1956 a revista pasa a ter a súa sede editorial na cidade de Lugo, parece ser que nun dos chalés das chamadas 'Casas Baratas' e alí permanecerá ate o ano 1962.
A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES