Notas de prensa

Os primeiros filmes de Jarmusch pechan a programación anual do CGAI tras 293 sesións e 461 títulos

Permanent vacation abre o ciclo dedicado ao cineasta estadounidense, que terá a súa continuación á volta do Nadal. Extraños en el paraíso, Bajo el peso de la ley e Mystery Train exhibiranse tamén nesta primeira quenda, mentres que en xaneiro poderán verse Noche en la tierra, Dead man e Gimme Danger.

O cineasta de culto Jim Jarmusch centra a recta final da programación de 2016 na sede do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) na Coruña, que rematará despois de ter proxectado 461 títulos nun total de 293 sesións programadas.

Con catro dos primeiros filmes do realizador estadounidense arrancará unha retrospectiva que coincide coa chegada ás salas de cinema das súas películas ‘Paterson’ e ‘Gimme Danger’ e que terá continuidade tras o Nadal. A filmoteca galega achegaralles así aos espectadores unha panorámica da obra dunha das figuras indiscutibles do actual cinema independente.

O ciclo dará comezo mañá con ‘Permanent Vacation’ (1980), a súa ópera prima, á que seguirá o venres 16 ‘Extraños en el paraíso’ (1984), coa que Jarmusch obtivo a Cámara de Ouro de Cannes, o Leopardo de Ouro de Locarno e o premio especial do xurado de Sundance, entre outros recoñecementos.

Na semana de Nadal, poderán verse no CGAI outras dous fitas indispensables na súa filmografía: ‘Bajo el peso de la ley (1986) o xoves 22 e ‘Mystery Train’ (1989) o venres 23. Todos os filmes do ciclo proxectaranse en sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas.

Xa en xaneiro, será a quenda de ‘Noche en la tierra’ (1991) o día 11, ‘Dead man’ (1995) o día 12 e ‘Gimme danger’ (2016), o seu recente documental sobre o músico Iggy Pop e a súa banda The Stooges, o día 13.

Vixésimo quinto aniversario

Con Jim Jarmusch concluirá unha programación na que o Centro Galego de Artes da Imaxe conmemorou os seus 25 anos de historia a prol da recuperación, conservación e difusión do noso patrimonio fílmico e fotográfico, así como da promoción entre a sociedade galega dun maior coñecemento do cinema e das artes da imaxe en xeral.

En 2016 o CGAI recibiu a visita, entre outros, de cineastas como Birgit Hein, Sergio Oksman, Charles Burnett, José Luis Guerin ou Camilo Restrepo, ademais de afondar na obra de Pere Portabella, de Chantal Akerman, de Abderrahmane Sissako ou de todo un clásico como Jean Renoir. Entre os ciclos temáticos, abordáronse os novos cinemas da antiga Iugoslavia, as orixes e evolución da vangarda norteamericana, o cinema español independente, a corrente postpunk no Reino Unido, o documental revolucionario en Cuba ou a historia da animación en España.

Ademais, aos apartados xa habituais da programación como Off Galicia, CGAI Júnior, Fóra de Serie ou Desencadres, sumouse este ano unha nova sección que, baixo o epígrafe ‘Contextos’, confronta destacados filmes actuais con outros títulos clásicos e contemporáneos desde moi diferentes puntos de vista.

Continuouse tamén co labor pedagóxico a través de Cinema en Curso, así como coas extensións da programación do CGAI en Ourense e Vigo, mediante acordos cos cineclubs Padre Feijoo e Lumière, e coas colaboración con festivais galegos como Play-Doc, (S8), FKM, Curtocircuíto e OUFF, entre outras actividades.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-12-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) A Xunta pon en marcha a Rede local polo clima para consolidar Galicia como unha comunidade resiliente tras reducir as súas emisións nun 60% desde 1990, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ãngeles Vázquez, durante a xornada de presentación desta iniciativa. A conselleira salientou que 'somos a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (33%) desde 1990 e a segunda no que se refire ás brutas (59,8%)'.
Foto de la tercera plana (20240515-uvigo.jpg) Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.

Notas

Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo), Plataforma. Festival de artes performativas celebrará a súa quinta edición en múltiples localizacións de Santiago de Compostela entre o 16 e o 25 deste mes de maio. Trátase dunha cita anual ineludible para os amantes da cultura e as artes, achegando diversos públicos coa súa proposta interdisciplinar.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra están a desenvolver a quinta edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, impulsando ademais o labor investigador que se leva a cabo en Galicia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES