Notas de prensa

O festival Plataforma chega a súa quinta edición levando as artes vivas a todos os rincóns de Compostela

Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo), Plataforma. Festival de artes performativas celebrará a súa quinta edición en múltiples localizacións de Santiago de Compostela entre o 16 e o 25 deste mes de maio. Trátase dunha cita anual ineludible para os amantes da cultura e as artes, achegando diversos públicos coa súa proposta interdisciplinar.

Entre o 16 e o 25 de maio o festival dinamizará as rúas e prazas da cidade, con performances, música, cinema, danza, propostas escénicas, encontros, talleres, exposicións, conferencias performativas e arte contemporánea.

O músico Benxamín Otero será o encargado de abrir esta edición do festival en colaboración co Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo. A formación compostelá acaba de cumprir trinta anos de vida, dende o que fora o seu primeiro concerto público. Coma un cento de paxaros é a peza preparada especialmente para o festival polo músico de Lalín e o coro para estrear nesta edición de Plataforma. Será o xoves 16 de maio na Praza de Praterías ás 20.00 horas.

Dous días antes, o martes 14, comezarán as actividades formativas de Plataforma cun taller de performance a cargo da artista Ana Gesto. O taller para o que é necesario inscrición a través da web do festival plataforma.gal terá lugar no Centro Sociocultural Santa Marta. O día 18 de maio os participantes realizarán unha mostra de resultados nas rúas do casco vello da cidade acompañados pola artista. A este taller súmanse outras propostas educativas como o taller para a cativada dirixido por Neves Seara que terá lugar no Parque de Bonaval o día 25 de maio.

O festival organizado por Cooperativa Performa caracterízase pola deslocalización de espazos e a aposta pola colaboración entre as institucións culturais da cidade, ademais de pola proposta dunha programación de rúa que sorprende aos viandantes. Nesta edición gozaremos das actuacións e performances en múltiples escenarios: A galega Neves Seara será a encargada de protagonizar a programación do día das Letras Galegas na Fundación DIDAC coa súa performance Perder os papeis. Palabra ferida. Celebraremos o Día dos Museos no CGAC coa artista alemá Grace Schwindt en colaboración coa música e performer galega Macarena Montesinos que presentan en Plataforma a peza Strings tomando a figura das mouras como punto de partida. A coreógrafa, bailarina e Premio Nacional de Danza Mónica Valenciano actuará na sede de SGAE presentando o seu último traballo, El lugar de los pasos perdidos, unha obra entre a danza contemporánea e a performance que nos leva ao universo particular da artista nunha viaxe persoal e introspectiva. A cita será ás 20.00 horas.

As actuacións no CGAC continúan o día seguinte coa estrea en Galicia de Blob de María Jerez. Nuria Vil pola súa banda, presenta unha nova peza performativa a mañá do domingo 19 baixo o título Declaro deserto na sala da Fundación DIDAC. A programación do 19 remata coa presentación do proxecto Fora de si das coreógrafas e bailarinas Nuria Sotelo e Luz Arcas na Igrexa da Universidade. O venres 23 de maio a gran figura da danza contemporánea Juan Domínguez nos leva ata a Sala Agustín Magán de Santa Marta coa súa conferencia performativa no me tiene que interesar. O sábado 25 será o día do cinema e a arte contemporánea. Presentaremos a película Carmen Troubles do artista portugués Vasco Araújo que afonda no mito de Carme en NUMAX sendo a súa estrea en España. Na mesma mañá terá lugar a inaguración da mostra E agora para onde vou? do artista Vasco Araújo comisariada por un dos directores do festival, Iñaki Martínez Antelo.

O festival pecha a noite do 25 de maio ás 22.00 horas na Sala Riquela coa actuación da DJ galega Russ.

Grazas a súa natureza transversal, o Festival Plataforma intégrase á perfección coa programación cultural compostelá, así coma na rede galega de institucións públicas e privadas que colaboran con este festival. Un ano máis, Plataforma aposta polo talento local e a igualdade, facendo da cultura o eixe integrador do patrimonio compostelá. Nesta edición os escenarios da programación serán espazos como a Praza das Praterías, o parque de Bonaval, a Fundación DIDAC, a sala do cinema NUMAX, o Centro Sociocultural Santa Marta, a sede de SGAE Sociedad General de Autores e Editores, a Igrexa da Universidade, a sala Riquela ou o CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, ademais de recuperar a Sala Agustín Magán para usos escénicos.

Despois dos premios entregados a La Ribot, Carlos Rodríguez-Méndez e Antón Reixa, este ano o Premio Plataforma será outorgado á coreógrafa, bailarina e Premio Nacional de Danza Mónica Valenciano, pola súa aposta pola renovación da linguaxe da danza e as súas importantes aportacións á creación e ás artes vivas. O premio será entregado pola Alcaldesa de Santiago de Compostela Goretti Sanmartin Rei, unha vez finalizada a actuación de Mónica Valenciano na Sala da Fundación SGAE o sábado 18.

Festival Plataforma, 2024-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A exposición pon o foco no rico acervo de lendas e tradicións de influencia celta e precristiá, así como características climáticas e orográficas, que contribuíron á xestación dunha atmosfera favorable para que agrome a literatura fantástica en Galicia, que se transmitiu orixinalmente de modo oral, ao redor da lareira. Deste xeito afóndase en catro bloques: a tradición popular galega, a fantasía, a ciencia ficción e o terror. Comisariada pola escritora Alba Rozas e o técnico da Biblioteca de Galicia Lorenzo Romero, a mostra permanecerá aberta ata o mes de maio no horario de apertura das instalacións. Esta proposta forma parte da programación impulsada pola Administración autonómica co gallo do Día das Bibliotecas, celebrado o pasado 24 de outubro.
Foto de la tercera plana (20241030-xunta.jpeg) Galicia e País Vasco comparten o reto da atracción e retención de talento científico como unha das claves de futuro dos sistemas de investigación de ambas comunidades autónomas, así como a posibilidade de abrir liñas de cooperación entre ambos modelos. Así se puxo de manifesto nos distintos encontros mantidos ao longo de tres días no marco dun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías entre os centros de investigación punteiros galegos e vascos que concluíu hoxe en San Sebastián e nos que participou unha delegación galega integrada polo secretario xeral de Universidades, vicerreitores de investigación das tres universidades públicas galegas e representantes dos dez centros que integran a Rede CIGUS da Xunta.

Notas

A Intelixencia Artificial é o presente, non o futuro. Así o consideran os numerosos expertos que participaron onte na xornada organizada pola Cátedra Fundación Inade – UDC na Coruña. Este evento, que tiña como obxectivo presentar a obra “Os riscos xerados pola Intelixencia Artificial e os posibles mecanismos para a súa mutualización”, converteuse no escenario perfecto para que diferentes especialistas na materia compartisen a súa visión sobre os inminentes perigos desta nova tecnoloxía.
Despois da estancia en Portugal co gallo do Festival da Plataforma Transfronteiriza do Teatro Amador, retomamos as actividades da XVII Mostra de Teatro Amador Terras do Orcellón' con novas forzas. O venres, día primeiro de novembro chega o grupo Disfunción Continua da Estrada (Pontevedra) coa comedia ENTRAÑAS NEGRAS para que botemos unhas risas coa historia de tres irmáns, Isaura, Hortensia e Aurora, que están a velar o cadáver do defunto marido de Isaura no pazo familiar, onde semella que os reloxos quedaron parados noutro tempo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES