Notas de prensa

Luz verde ao primeiro grao interuniversitario de Galicia especializado en paisaxe

Os reitores das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, asinaron o acordo de intencións para a posta en marcha deste título cuxo contido tamén é pioneiro a nivel estatal e constitúe un exemplo de aproveitamento de sinerxías a prol da universidade do futuro con titulacións únicas, singulares e adaptadas ao tecido económico e social galego. Sitúase a paisaxe na axenda social galega.

O Goberno galego apoia a posta en marcha do primeiro grao interuniversitario de Galicia, o grao de Paisaxe, que foi presentado nun acto no que interviñeron o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato.

Os reitores das Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, Juan Viaño e Julio Abalde respectivamente, veñen de asinar o acordo para o deseño e implantación desta titulación que por primeira vez se poñerá en marcha de forma conxunta entre dúas universidades galegas. Ademais, será o primeiro Grao especializado en paisaxe no sistema público español.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, sinalou que con este acordo de colaboración entre universidades supón “un importante salto cualitativo” no deseño da universidade do futuro en Galicia, que pasa por aproveitar as sinerxías a través da cooperación, da coordinación e da unión, como xa xe vén facendo noutros eidos como o da docencia clínica do grao de Medicina, ou o futuro Consorcio Interuniversitario.

O conselleiro destacou que, con este Grao en Paisaxe, se avanza no novo mapa de titulacións únicas, singulares e adaptadas á evolución do tecido económico e social de Galicia e á especialización dos campus. Román Rodríguez subliñou que se trata dunha titulación “perfectamente integrada na nosa realidade” que abrangue unha formación multidisciplinar (biolóxica, paisaxística, de ordenación do territorio, debuxo artístico, botánica,…) que, sen dúbida, contribuirá a poñer en valor as potencialidades da paisaxe galega e, por ende, incidir na mellora da calidade de vida e dun mellor desenvolvemento económico e social.

Lembrou ademais que Galicia está a vangarda nesta materia porque, a maiores do eido universitario, tamén foi a primeira CCAA en ofertar a materia de Paisaxe como materia de libre elección para o alumnado de ESO.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, considerou que este grao constitúe un “paso fundamental” para situar a paisaxe no “lugar que merece”, tanto no mundo educativo como na axenda social.

Ao respecto, recordou que a Xunta está desenvolvendo un “marco normativo e unhas ferramentas eficientes que estean á altura” da maior concienciación e sensibilización social nesta materia. Entre outros avances, citou a nova Lei do Solo, que recolle a protección da paisaxe como un dos seus eixos principais; ou a elaboración do primeiro Atlas das Paisaxes de Galicia, que constituirá un importante instrumento para a ordenación, mellora e restauración dos elementos que compoñen o territorio. No marco deste Atlas, Mato recordou que o Catálogo das Paisaxes será aprobado de maneira definitiva antes do final de mes, e que xa se está traballando no primeiro borrador das Directrices. En representación da Deputación da Coruña asistiu ao acto o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro.

Un total de sete departamentos da Escola Técnica Superior de Arquitectura (UDC), da Escola Politécnica Superior (USC) e da Facultade de Xeografía e Historia (USC), están traballando xa nos pasos necesarios para facer realidade a impartición deste título de grao, que se prevé que se poderá ofertar no curso 18-19.

O acordo asinado deberá ser ratificado polas xuntas de goberno das respectivas universidades, que é o primeiro paso para a creación de calquera grao universitario. Unha comisión académica paritaria elaborará a memoria do título e, tras pasar polos procedementos habituais de cada universidade, será sometido a informe da Secretaría Xeral de Universidades.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o sábado 8 de xuño nos exteriores do complexo e nesta ocasión contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade lúdico festiva contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes durante a mañá. A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa.

Notas

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
Baixo o título Love Velo, ata finais de maio pode visitarse na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense unha exposición biográfica arredor da figura de Xosé Velo, que a principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María para denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. Xosé Velo Mosquera, explícase na exposición, naceu en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES