Notas de prensa

Xabier Díaz e Fernando Barroso actúan no Festival Celtic Connections de Glasgow

Esta actuación pecha o grograma NeXo. Agadic, o British Council e o Wales Arts International promoveron este laboratorio de creación musical entre Europa e Latinoamérica. Nestes espectáculos amosaranse os froitos da residencia artística en Bos Aires, a través da que se reforzan os lazos das músicas de raíz atlántica de Galicia, Gales, Escocia, Arxentina e Uruguai.

Os músicos galegos Xabier Díaz e Fernando Barroso actúan no festival Celtic Connections de Glasgow como integrantes dos dous espectáculos cos que se pechará NeXo, o laboratorio creativo promovido pola Xunta de Galicia, o British Council e o Wales Arts Internacional para impulsar o intercambio entre as músicas de raíz atlántica de Europa e Latinoamérica.

O evento escocés, considerado un dos festivais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito da música celta, foi o escenario elixido para compartir co público os froitos de NeXo. A iniciativa arrancou o pasado mes de novembro cunha residencia artística en Bos Aires na que participaron nove músicos de cinco territorios atlánticos: Galicia, Escocia, Gales, Arxentina e Uruguai. Durante esta convivencia creativa, afondouse na identidade cultural destes países a través dun frutífero diálogo entre as súas respectivas tradicións e linguaxes musicais.

Repertorio

Este intercambio deu lugar, así mesmo, ao repertorio que se amosará mañá xoves no Glasgow Royal Concert Hall e o venres no Old Fruitmarket da mesma cidade. Nel inclúense desde temas vocais ata danza, pasando por pezas de fusión entre os xéneros tradicionais de cada territorio, interpretacións instrumentais e versións contemporáneas de clásicos do folclore europeo e latinoamericano. Como anticipo destes dous espectáculos, os nove músicos de NeXo ofreceron esta mañá un recital para o público escolar.

Ademais da implicación do British Council, o Wales Arts International e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o programa conta tamén coa colaboración de Creative Scotland e a Fundación SGAE.

A dirección artística de NeXo corre a cargo de Donald Shaw (Reino Unido), Fer Isella (Latinoamérica) e Rómulo Sanjurjo (Galicia), recoñecidos músicos e produtores, mentres que a produción xeral é de JAU, empresa con sedes na Coruña e Bos Aires.

Músicos

Respecto dos músicos, Galicia está representada por Fernando Barroso e Xabier Díaz. Barroso (guitarra e bouzouki) participa en numerosos proxectos do panorama folk de Galicia. Foi membro de Os Cempés e Assembly Point. Forma parte das bandas de Budiño e Riobó e ten producido diferentes traballos, tanto en solitario como co portugués Luis Peixoto, como ‘Pop’ e ‘Trim’, moi recoñecidos pola crítica en España e Portugal. Actualmente ultima un novo disco en solitario.

Pola súa banda, Xabier Díaz (voz e percusión tradicional) compaxina a súa faceta de músico coa investigación do folclore galego. Foi cantante en Nova Galega de Danza e formou parte do grupo Berrogüeto, co que obtivo varios premios. Acaba de presentar ‘The Tambourine Man’, un ambicioso traballo de fusión de tradición e vangarda, con doce cantoras e percusionistas e un set de acordeón e zanfona.

Os artistas dos demais territorios son tamén destacados representantes da música tradicional e de fusión nos seus respectivos contornos culturais. Desde Arxentina participan Fabián Martin (baixo) e María Elía (voz e piano). Por parte de Escocia integran NeXo Finlay MacDonald (gaita e frautas) e Megan Henderson (voz e violín). De Uruguai procede Fabián Miodownik (percusión) e representando a Gales, Jordan Williams (voz e frautas) e Gwilym Rhys (voz, guitarra e mandolina).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (arte-multiple-uvigo.jpg) A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras. Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que o grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research), da UVigo, denomina 'gráfica de campo expandido', concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para 'conquistar o espazo'. Para afondar nestas ideas, o grupo promove o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira 'O múltiple que ocupa o espazo', con tres exposicións, conferencias e intervencións no espazo público.
Foto de la tercera plana (praias-05.jpg) Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor recoñece a areais de todo o mundo seleccionados en base a rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Notas

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, arrancaba esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia baixo o lema “Mellor, de Madeira” e prolongarase ata o venres. O seu obxectivo é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual, inaugura este xoves 9 de maio a súa sétima edición cunha completa programación de actividades culturais e artísticas que achegarán ata o próximo 19 de maio á cidade da Coruña a figuras emerxentes e referentes das artes escénicas e do activismo cultural LGTBIQ+ do panorama galego, nacional e internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES