Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

O Consello Galego de Intelixencia Artificial celebrou esta semana a súa primeira reunión executiva tras a súa constitución o pasado 25 de abril. Na reunión deuse conta das aportacións dos integrantes do Consello ao Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025-2027, que será elevado ao Consello de Goberno da Xunta proximamente. Este Programa busca consolidar a Galicia como referente no desenvolvemento e aplicación da IA, acelerando a adopción desta tecnoloxía en todos os sectores da sociedade galega. Neste sentido, Galicia foi unha das tres primeiras Comunidades en aprobar unha estratexia propia de IA e a primeira rexión europea en aprobar unha lei para o seu desenvolvemento e uso na Administración e a súa promoción na sociedade.
Un total de 113.114 persoas incorporáronse ao uso de internet en Galicia entre 2021 e 2024. Nese mesmo período os fogares con internet contratado incrementáronse en 55.208 e son xa o 95,5% do total das vivendas galegas. Os incrementos máis significativos rexístranse nos indicadores nos que Galicia presentaba os valores máis baixos, como nos concellos de menos de 5.000 habitantes, onde a contratación de internet nos fogares crece un 11,6% e sitúase por primeira vez por riba do 90%; e no uso de internet entre as persoas de 65 a 74 anos, que roza o 75%, cun aumento de máis dun 13% respecto ao ano pasado. Estas datos, recollidos no estudo 'Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2024', que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información en Galicia, reflicte o crecemento sostido da Comunidade cun aumento xeneralizado no uso de Internet.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, presentou a Lei galega de desenvolvemento e impulso da IA en Galicia na cuarta sesión da Comisión de Política Económica (ECON) do oitavo mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR). Nunha reunión celebrada na cidade austríaca de Klagenfurt am Wörthersee, os representantes das rexións e cidades deron trámite a un ditame na mesma liña sobre o Plan de Acción para o Continente da Intelixencia Artificial da UE, unha iniciativa de 200.000 millóns de euros que pretende converter Europa en líder mundial en IA.
A xornada, á que asisten representantes de alto nivel das diferentes rexións membro da Vanguard, celébrase en Cracovia coincidindo coa presidencia polaca do Consello da Unión Europea. No encontro debateuse arredor das prioridades para 2025 e de futuras actuacións da alianza co obxectivo de impulsar a innovación e a competitividade europea. Ademais, con esta reunión preténdese amplificar a voz dos actores rexionais en asuntos clave da política europea e garantir así que as prioridades rexionais estean ben representadas a nivel europeo.
Un total de 599 centros educativos que imparten ensinanzas de Primaria e Secundaria empregarán o vindeiro curso o modelo de ensino híbrido voluntario do proxecto E-Dixgal, segundo a resolución publicada hoxe. Todos eles xa participaban na iniciativa actualmente, polo que non se producen novas incorporacións. Si hai dous centros que pediron incrementar o número de cursos no proxecto, en concreto os colexios CPR Sagrado Corazón, de Ribeira, e CPR Divino Maestro, de Ourense. Así mesmo, deciden saír do proxecto 14 centros. Os centros integrados poderán incorporar por primeira vez ata tres libros de texto na etapa de Primaria e de dous libros na de Educación Secundaria, nas materias que elixan libremente, combinando así ordenadores e manuais en papel.
O 27 de maio de 2005, a Xunta de Galicia convertíase na primeira administración pública de España que empregaba a sinatura electrónica para rubricar un documento cunha entidade externa. Ese día, o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, Juan Rodríquez Yuste, e representantes das empresas Communitel, R Cable y Telecomunicaciones Galicia e Telefónica, asinaban electronicamente un convenio de colaboración para a promoción do acceso empresarial á sociedade da información, converténdoo no primeiro documento asinado dixitalmente entre unha administración pública e entidades externas con todas as garantías de seguridade e autenticidade.
Tivo lugar a V edición do Foro de Directores de Informática, que reuniu aos responsables de dixitalización das 17 Comunidades Autónomas, onde se debateu o papel das administracións públicas para garantir que a intelixencia artificial beneficie a toda a poboación, con independencia das condicións sociais ou económicas. Os responsables autonómicos compartiron experiencias e analizaron os retos para a aplicación de tecnoloxías como a ciberseguridade ou a intelixencia artificial. Houbo, así mesmo, unha sesión de traballo para analizar o futuro dos fondos europeos para avanzar na modernización tecnolóxica das rexións.
O conselleiro Román Rodríguez visitou co catedrático de Biotecnoloxía da Universidade de Pensilvania, o galego César de la Fuente, o Centro de Supercomputación de Galicia para firmar un convenio de colaboración entre a Xunta e esta institución académica estadounidense. Durante a visita, o investigador, pioneiro no emprego da IA para o desenvolvemento de antibióticos, puido coñecer as instalacións do centro co que colaborarán para acelerar o descubrimento de antibióticos fronte a bacterias resistentes.
A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os próximos cinco anos. O primeiro deles é impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das que xa existen no ámbito do aeroespazo, da seguridade e da defensa. Na actualidade a Comunidade galega suma 115 centros de traballo xa dedicados ao sector, pero nos vindeiros anos esta cifra podería incrementarse, xa que unhas 150 empresas contan con potencial para incorporarse a este ámbito industrial.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que o Executivo autonómico vai destinar 52 millóns de euros a un paquete de axudas para impulsar a colaboración público-privada, dinamizar a economía e promover que os resultados da I+D+i galega cheguen á sociedade. Unhas medidas que se enmarcan no obxectivo de seguir consolidando á nosa Comunidade como un referente no I+D+I, así como de xerar, reter e atraer talento que está traballando noutros territorios.
« Anterior | 1  de  58 | Siguiente »

Notas tecnologia

O 23 de novembro de 2023, despois de millóns de anos de viaxe a través do universo, unha sinal en forma de ondas gravitacionais chegou á Terra. Foi detectada ao mesmo tempo polos observatorios de Hanford e Livingston, separados por máis de 3.000 quilómetros nos Estados Unidos. Pero esta sinal, bautizada como GW231123, non era unha máis: foi causada pola colisión de buracos negros máis brutal que a humanidade puido observar ata agora.
O investigador galego Rafael Carballeira Coego, membro do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA) do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, participa nun destacado proxecto internacional que busca reconstruír a historia do fenómeno climático El Niño ao longo de milleiros de anos. A investigación desenvolverase na lagoa La Niña, situada na costa norte do Perú, un enclave estratéxico para o estudo do sistema climático do Pacífico.
230 investigadoras e investigadores noveis e experimentados participan estes xoves en venres no museo Marco de Vigo no 8º Annual Meeting do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Baixo o lema 'Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future', o persoal investigador compartirá os seus coñecementos en ámbitos como a química, a física, nanotecnoloxía e saúde, co obxectivo de visibilizar as novas ferramentas para a medicina do futuro.
O aumento do coñecemento arredor do cancro evidenciou que non se trata dunha enfermidade única, pois engloba a múltiples doenzas e subtipos con características moleculares propias. Un dos avances máis relevantes en oncoloxía ten sido o descubrimento destas características moleculares (mutacións) e o conseguinte desenvolvemento de terapias dirixidas contra estas mutacións denominadas driver, como a mutación BRAFV600E, presente en máis do 60 % dos casos de melanoma e en determinados cancros de colon, pulmón ou mama.
Conectar os sectores agrícola e espacial, promovendo o uso de tecnoloxías do ámbito espacial en zonas rurais como ferramentas para a innovación e a resiliencia fronte ao cambio climático é o obxectivo do proxecto europeo AgroSpace, no que participan 12 entidades, entre elas a UVigo, coordinadas polo catedrático Jesús Simal Gándara.
Os días 24 e 25 de setembro terá lugar o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi´25). A cita nace “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”. Aquaxi´25 celebrarase no edificio Politécnico do campus de Ourense e está organizado polo Campus Auga.
Galicia xa conta co seu 'retrato xenético' máis preciso ata a data, logo de que persoal investigador da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria teña desenvolvido un estudo pioneiro de secuenciación completa do xenoma sobre unha mostra representativa da poboación galega. O traballo achega unha base fundamental para entender o diagnóstico xenético de enfermidades, o deseño de estratexias de medicina personalizada e o descubrimento de variantes xenéticas con relevancia clínica.
Con 198 inscritos e inscritas, procedentes de máis de 40 universidades e institucións dunha decena de países, este mércores dá inicio o XVIII Symposium Internacional sobre o Prácticum e as prácticas académicas, un congreso bienal centrado nas estadías formativas que o alumnado universitario realiza en diversas entidades, e promovido por unha rede de centros da que forma parte a UVigo.
Analizar como as universidades españolas poden afrontar os desafíos e oportunidades que, no ámbito do ensino superior, trouxo consigo a irrupción da intelixencia artificial xerativa é o obxectivo central do proxecto Edu-Ina, no que participan unha trintena de investigadores e investigadoras de seis universidades españolas, entre as que se atopa a UVigo. A sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra acolle nestas xornadas unha das reunións de traballo deste proxecto.
Investigadores do grupo Encomat e do grupo e-Materiais da UVigo levan varios meses traballando de maneira conxunta para incrementar a vida útil de estruturas de formigón reforzadas con aceiros de memoria de forma. A súa proposta é a aplicación de películas intelixentes autorreparadoras ou smart coatings, cuxa viabilidade están a estudar no marco do proxecto SmartCoDur, seleccionado dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES